domingo, 24 de junio de 2012

CHEGOULLE CON ODIAR AO PAI




CANDO Vargas Llosa pensaba en La ciudad y los perros, non só estaría disposto a roubar a súa nai para escribir, senón a vendela a unha mafia de trata de brancas. Así opina Javier Cercas na magnífica introdución á edición conmemorativa dos cincuenta anos da publicación da novela coa que arrancou a carreira do escritor peruano. Non sei ata que punto pode ser certa afirmación tan crúa, pero si que a vocación do Nobel era volcánica e tenaz. O empeño e convicción de Llosa poden compararse aos do seu admirado Flaubert. Dende adolescente andou directo detrás do que quería sen reparar en sacrificios nin riscos con tal de ceibar en ficción eses demos que o consumían, ata convertelos en historias superiores á realidade, pois ao reinterpretala axudan a vivila mellor. Sexa ou non esaxerada a afirmación de Cercas, o que non se pode negar é que o apostoun todo detrás da idea de ser escritor. E conseguiuno.
O éxito dependeu da confianza e constancia detrás do seu empeño. Abandonar o país, pasalo mal en París, estudar, traballar na radio, dar clases, vivir de bolseiro en Madrid, pelexar por publicar, ler, ler e ler, fortaleceron a vocación nos anos esenciais nos que se perfila o futuro. Pero existiu detrás, apuxando dende o fondo da súa intimidade, algo que pesou máis: o odio ao pai. O propio escritor díxoo e escribiuno: quen o levou a escribir con esa necesidade insaciable foi o pai odiado, ao que necesitaba contradicir pola súa maneira autoritaria e brusca de aparecer na súa vida. Mario era un neno adorado entre mulleres. En Cochabamba, Piura, Arequipa, por canta cidade foi pasando na súa infancia, o neno vivía entre familia ampla e unha nai dedicada. Ata que aos dez anos aparece un señor que lle rouba a súa nai, que os maltrata, que o quere endereitar, que se ri da súa educación delicada, e pretende convertelo nun machote insensible. Este pai violento acaba por internalo no Leoncio Prado, para que o lirio Marito se faga un home entre militares. Aí se fraguou a fortaleza inquebrantable de Vargas Llosa. Aí se xera o magma da súa primeira historia. Aí, na síntese do internado onde conviven os nenos de Miraflores coa variedade do resto do país, reordenando a experiencia para facer fronte ao pai, é onde queda escrito na súa alma que escribirá unha gran novela. Non escribiría unha, senón varias, e non lle fixo falta roubar á mamá.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.