sábado, 16 de junio de 2012

O BANQUEIRO DE DEUS TEN MEDO

Moitas veces penso se non inventarei as noticias, se non me deixarei levar pola miña imaxinación dada á quentura, transformando o feito obxectivo en asunto novelesco. Pero non. Contrasto informacións de distintos diarios, repaso por se o soñaría ou moldearía os datos á miña comenencia e non me equivoco. É certo. Sucede o que tanto sorprende. Lean e dirán vostedes se é ou non é. Disque o banqueiro de Deus tiña medo de que o matasen. O banqueiro de Deus? Ten Deus banqueiro? Que non se me perdoe nin un só dos meus moitos pecados, pero dende cando Deus ten un banqueiro ao seu servizo? Para que o quere? Trato de buscarlle a utilidade e non lla atopo. Intenta dedicarse a dar crédito, recolle os aforros das mulleres piadosas, negocia con futuros, inviste en Inditex, en Facebook? Desexo que mida ben as súas xogadas. Tamén Deus anda metido en negocios sucios, branquea cartos das armas e das drogas, da prostitución, do xogo, do crime? Deus? O dos xudeus, o de Nazaret, o dos pobres, o dos perseguidos, o dos orfos, o dos nenos? Entendo: non é banqueiro de Deus, é da Igrexa católica, do Vaticano, dirán para poñerme cos pés no chan. Ben. Aínda así. Por que teme pola súa vida? Como pode ter medo de que o maten? Viven no Vaticano baixo tensións paranoicas? Cheira tanto a podre o ambiente nesas santas mordas?Sempre que podo repito as tres partes de “El Padrino”, calquera delas me parece moi instrutiva, pero da trama da terceira, polo que se vai vendo, non andaba moi fóra rego Coppola. Espionaxe, chantaxe, ameazas, medo, roubos, maquinacións para acabar co inimigo, intrigas de capelas, segredos de sotanas, ambicións do máis humano, todo ben aliñado coa hipocrisía e finura da alta diplomacia, conforman unha paisaxe de corrupción e podremia coma a de calquera das peores empresas dos peores mafiosos. Modélico. Atordado e non ben recuperado do anterior, comprobo como a varios políticos moi achegados ás teses da Igrexa católica se lles fai o cu manteiga intentando convencer a un magnate americano para que monte unha enorme casa de xogo e meretrices na súa comunidade. Non me tomen por estreito. A min “La casa verde” e “ Pantaleón y las visitadoras” sempre me pareceron unhas magníficas novelas, pero que os vixiantes para que en “Educación para la ciudadanía” non se adoutrine nin unha coma contra os principios polos que con tanto celo pía Rouco Varela; os mesmos que non ven razón para un imposto sobre os bens da igrexa; os sempre atentos por non molestar nin unha miga ás autoridades eclesiásticas, que sexan eles, precisamente eles, os máis afanados por levantar unha vulgar Sodoma e Gomorra nos arredores de Madrid ou Barcelona, non deixa de me sorprender. Será, claro, que non atino a comprender o impulso que daría ao emprego unha empresa de tales características. E por se non tiveramos motivo para o pasmo, a cada paso líome máis coas cantidades que manexan os nosos expertos en asuntos da alta banca. Recoñezo e dáme vergonza, maldito como falo en serio, non dominar con máis soltura os asuntos de números. Dende hai anos veño insistindo na necesidade dunha cultura científica imprescindible tanto ou máis ca literaria ou artística, noxo debería darnos entender só estas como síntoma dun mínimo cultivo. Pero aínda admitindo a miña debilidade numérica, alguén podería dicirnos dunha vez onde acaban os salvavidas de miles de millóns para os estafadores? Onde comeza a usura, cales son os límites entre o desfalco, o roubo puro, a mala xestión, os descaro, o abuso, a incompetencia e o delito? Como se pode pasar de tres mil millóns a nove mil, catorce mil, dezanove mil e vintetrés mil no tempo de saborear unha cervexa fría? Que clase de sabios executivos son eses que pasan de inaugurar un gran banco, ao tres meses declaran beneficios e aos tres seguintes recoñece que todo está afundido? Cen mil millóns. Disque cen mil millóns chegarán para sanear a nosa banca? Chegarán? E que, chegados a esta situación, por cincuenta mil máis que non quede o saneamento. Cada vez vese todo moito máis claro. Por que estamos así? Por vivir por riba das nosas posibilidades, por mamar do crédito coma bebés da teta. Como o imos solucionar? Pedindo un crédito de cen mil millóns - iso si, a moi bo interese-, con el saneamos a banca e Rajoy xa pode ir coa conciencia tranquila a berrarlle á “Roja”, satisfeito por facer o que tiña que facer. Como Deus manda. Resumindo: que o mundo está tolo de remate. Porque vostedes pensarán o que queiran, pero a min que me expliquen ben polo miúdo se o banqueiro de Deus ten medo porque xa se ve no brete de ter que pedir un crédito de cen mil millóns de euros (ou máis) para sanear as contas do Vaticano, porque se resiste a investir, a pesar das presións non confesables, na enorme casa de citas que Esperanza Aguirre quere traer para Madrid ou porque sospeita que os españois na puta vida daremos pagado o crédito que nos concederon, grazas á presión de Rajoy, para que saneemos os bancos, a cambio de sacrificios eternos por parte dos cidadáns, co que acabaremos en peregrinación a Roma xa que Santiago non nos dará cuberto o milagre. De calquera maneira que sexa, non me estraña que ata o banqueiro de Deus tema pola súa vida, isto pode irse das mans e acabar coma o rosario da aurora, é dicir: que non se salven nin os usureiros, que é, de momento, para os únicos que segue habendo crédito.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.