domingo, 21 de abril de 2013

O CALADIÑO

Se cadra por asesoramento de quen ben lle quere, a miña querida señora de Cospedal permaneceu calada durante uns días. Ben que o notamos. Pero axiña regresou co seu verbo tan contraditorio como ten de sereno e agresivo, de baleiro e ferinte. Non quixera determe demasiado nas súas últimas manifestacións, alguén pode pensar que teño algunha teima con esta señora, e non digo que non; para min que ao nomeala vénme á cabeza –cousas do inconsciente sonoro, supoño, porque semellanza ningunha- con Madame de Rênal da clásica obra de Sthendal. O certo é que no seu regreso ás táboas da comunicación, a señora mandataria do PP non se andou polas ramas e axiña botou leña mollada ao lume, co que causou moito fume, un fume mesto e cegador que oculta e protexe a quen debe: ao presidente caladiño, raposo, que se agocha ao axexo mentres os seus cazadores a peito aberto (Cospedal, Floriani, González Pons, Pujalte) disparan sen perda de munición. Moitas destas manifestacións, non me pidan exactitude, tanto poden ser dunha coma de calquera dos outros lanzadores de fume, resultarían graciosas se non deran pena. Xa lles gustaría aos xudeus que Hitler os acosase diante das súas casas con chifro, petando cazolas e berrando «sí se puede». Unha comparación todo mesura. Tan atinada como suxerir que moitos dos que suspiran pola dación en pago o que pretenden é mercar outro piso máis barato; xa quixeran. Ou do orgullo clasista e desprezativo de quen cre que os seus son máis honrados, máis pagadores, os defraudadores, tramposos e canallas están nos que votan a outros partidos. Unha restra de fume que nos dá que falar e escribir para que o caladiño siga á súa: agardar o día da vitoria; mentres, que dean a cara os de infantería. Entre as manifestacións da semana, houbo unha de especial interese. Sen ser literal, viña a dicir, nun ton solemne, que se algo grave chegaba a ocorrer (referíndose tamén ao acoso aos domicilios de cargos políticos) , a responsabilidade e a culpa sería dos manifestantes. O condicional sobra. Algo grave, moi grave, está a ocorrer e a responsabilidade é dos que están tomando as decisións. Eles son os culpables. Sobran tantas manifestacións de aliño, tanta bomba de fume que nubra a vista e o entendemento dos cidadáns. A mirada non se debe apartar do centro do problema: millóns de cidadáns seguen sen poder traballar, mozos ancorados nas casas paternas ou emigrando, familias con necesidades que van máis aló do admisible nunha sociedade coma a nosa. A gravidade de isto está á vista de todos, é unha violencia que non hai fume que deba ocultar. Se algo pasa, os culpables serán os que permiten que o problema se agrave e non se corrixa nin para alumear unha miga de esperanza. Algo grave está a ocorrer nesta sociedade: as diferenzas aumentan sen freo, a riqueza acumúlase en poucas mans, desaparecen servizos dos que gozabamos, experimentan fame e miseria por primeira vez colectivos que nunca o sospeitaran. Algo moi grave está a ocorrer, non fai falla que Cospedal ou Pons ou Floriani nos despisten coa a ameaza de que se algo grave ocorre os responsables serán os perdedores, os que se queixan, ou fartos, os desesperados. Algo moi grave está a ocorrer e os responsables sábese quen son: políticos e financeiros encamados para non ceder un ápice nas súas esixencias de continuar cos seus privilexios. E mentres todo isto tan grave ocorre, este presidente que non di unha palabra en galego nin que o piquen, está aprendendo a non dicila tampouco en castelán. Caladiño, agochado, na sombra, raposo e á espera, manda diante aos picadores para que toureen cos medios, para entreter aos comentaristas e dar material ás conversas de café. El, co seu inmenso sentido común, mirando polo ben xeral, utilizando a discreción como é debido, respondendo o obrigando, arrédase de toda responsabilidade, deixa podrecer todo conflito, ampárase no silencio e agarda sen desespero o día no que poida dicir algo bo. Ese día, aínda que sexa mínima ou falaz a boa nova, o caladiño aparecerá para lembrarnos que xa el o prognosticara: tanto sacrificio compensou. Mentres, caladiño, para botar fume sóbranlle acólitos.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.