lunes, 8 de abril de 2013

ONDE ESTABA A NAI DE FEIJÓO?

Só vin unha ou dúas veces a nai de Feijóo pola televisión, pero non me parece muller que se morda a lingua. Estou seguro que non se privaría de lle dicir ao neno e adolescente Alberto o que tódalas nais nos dicían: a ver a quen te xuntas, non me gustan nada esas amistades coas que andas. Ata me atrevo a supoñer que é das que incluso de adulto non se corta se considera que o debe reprender por algo. Por iso me preocupa onde raios estaba metida neses anos nos que o hoxe incorrupto presidente e daquela inxenuo e brillante opositor se dedicou a perder o tempo - ou iniciarse na dura realidade- con malas compañías. Non me estaña nada este asunto, no pensen, todos andamos e somos á vez malas compañías. Quen teña fillos, que pense nos seus e axiña verá que en algún momento andaron moi mal acompañados. O curioso é que se lle preguntan aos pais dos que vostedes califican de mala relación é moi probable que eles consideren que son os seus os que en realidade exercen unha moi mala influencia. Porque isto das compañías, salvo a de Xesús, é dunha complexidade inexplicable. Por comparar un caso: é peor a compañía de Marcial Dorado que a de Jacinto Rey? Depende por onde se mire, pero para min que no hai color. Certo que os dous teñen barco, pero, á parte que onde vai dar o barco dun e o do outro, o empresario Rey, que se saiba, crea emprego, xera riqueza, procura que avance o país, innova, aforra, inviste, gobérnase polas leis e xoga limpo. O caso da actividade do Sr. Dorado ofrecía xa moitas máis dúbidas, se mire por onde se mire, desde tempos moi vellos, antes incluso de compartir ocio co amigo Alberto e por suposto de que o intrépido xuíz Taín o metese na cadea. Tabaco, repiten unha e outra vez, só ao tabaco se dedicaba, protéxense coma para se arredar da lepra da droga, pero a diferenza entre andar con contrabandistas e honrados empresarios parece considerable, por máis que se engada que o empresario solicitase concesións eólicas. Ou non. Que xa se sabe que todo depende da perspectiva coa que percibamos a realidade. Pero se nos situamos no ángulo de visión das nais, para min que a de Quintana diríalle: arrímate a ese señor, meu neno, fas moi ben, nunca sobra aprender de quen triunfa na vida grazas ao esforzo e á intelixencia. A de Alberto, pola contra, paréceme que o alertaría: arreda, meu fillo, aparta desa mala compañía, non oes falar a todo o mundo que ese home anda en malos pasos e non sabes que quen mal anda mal acaba? Claro que ás nais nunca lles facemos caso, nin de nenos, nin de mozos, tampouco de vellos, e así cometemos erros inxenuos. Lóxico. Ninguén aprende en cabeza allea. Un ve películas, le, escoita consellos de nai e almas piadosas prevíndonos que os mafiosos intentan comprar a quen lles pode nalgún momento devolver o favor, pero por máis que o temos diante do nariz, non queremos velo. Somos débiles. Cada un ten as súas debilidades, a uns pérdeos a carne exuberante, a outros o esquí de luxo, a bastantes a gula e o vicio, a case todos as gabanzas aínda que proveñan dun pasmón pailaroco. E así os malfeitores van atrapado na rede a inxenuos, brillantes e ambiciosos profesionais que, se non caen no engado, deixan fotos como mostra dunha xuventude inmatura e carente do mal leite propio dos avezados homes de poder. Isto din para nos convencer de cal é a interpretación adecuada e non temos porque non crelo. Eu creo case todo, mágoa non crer máis en Deus, ben me viña en determinados momentos. O malo é que nese mundo de navalladas, cando un emprende determinadas carreiras, sobre todo se é a do servizo público e un ataca aos rivais cun estrito nivel de esixencia ética e estética, acaba por tropezar co refluxo dos pecados de mocidade. Inxenuos, si. Por non lle facer caso á mamá, algo propio de todo proceso de madurez, pero págase. Desproporcionadamente, non digo que non. É unha verdadeira mágoa que, por uns anos de aprendizaxe, despois de case vinte anos as malas compañías peten de novo na porta. Non sei o que lle dirá agora nai de Feijóo, a miña, de estar no seu pelello, téñoo claro: xa cho dixen, bobiño, hai que saber a quen un se arrima, despois veñen as consecuencias; pois agora, por bobo, ao feito, peito. Menos mal que ao presidente apareceulle un defensor de última hora ao que se agarrará con uñas e dentes. O desinhibido e literato xúiz Taín xa lle prestou as súas palabras a un xornal de Madrid defendéndoo. Eu non lle arrendaría a ganancia provindo a defensa de personaxe tan amante das portadas, pero iso xa é fariña doutra muiñada e a min cos xuíces non me tenten que non caio. De nai e amistades perigosas, o que queiran; sobre xustiza e xuíces, mellor caladiños. Miña nai diría que estou moito máis guapo, e xa sabemos que cómpre facerlle moito caso ás nais, miren por non facerllo na que anda metido o presidente Feijóo.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.