domingo, 21 de abril de 2013

QUE É UN LABRADOR?


REUNIDO con estudantes a piques de rematar os estudos obrigatorios, tratando de reflexionar sobre as mellores aptitudes para escoller formación posterior, sorprendeume que dúas mozas, analizando unha lista de profesións, me preguntasen coa maior naturalidade: que é un labrador? Sorprendido diante da primeira que mo preguntou, sorrín pensando que non pasaba dunha gracia adolescente intentando distender. Mais comprobado que era en serio, que tamén ao compañeiro lle consultaba sen rubor sobre profesión tan descoñecida, vinme na obriga de lle dar unha explicación. Cando noutra aula recibín a pregunta por segunda vez, inseguro e desconcertado, convencido de que tampouco eu sabía moi ben en que consistía tal actividade, sospeitei que non fora o suficiente claro coa primeira. Diante da segunda, roido polas dúbidas, me parece que aínda me expliquei peor. As dúas curiosas, en calquera caso, puxeron cara de: xa, non siga, xa me soa, pero existe aínda alguén a quen lle poida interesar traballar niso?
Pola traza que levamos, con crise ou sen ela, sen traballo ou con fame, parece que a de labrador é profesión a extinguir. Controlada por grandes multinacionais a produción e comercialización dos cereais, legumes, carnes, leite e froitas, dáme na alma que en canto vaian morrendo os últimos que acordan como e cando se sementaban as patacas, ninguén vai saber que é vesar, agradar, sachar, segar e xa non digamos mallar ou mazar o liño. Emigrados os labregos ás cidades, experimentada a inutilidade de sacrificio tan pouco rendible, esquecidas as terras, prados, chousas e soutos por directrices políticas, convertidas as aldeas en casas vellas con dous vellos á espera de que algún estranxeiro as merque para ocio e vida pastoril, a actividade agraria está morta. Nin cumprindo cos desexos dos visionarios das grandes produtoras que esixían custosos investimentos e renovación saen as contas, pois vai o comido polo servido. Tan pouco pesa a actividade agrícola, que os máis novos nin se acordan que os avós ían á aldea nas fins de semana para traer patacas, ovos e grelos. Agora as galiñas amoréanse en granxas xigantes ou decoran a gardería infantil da miña neta, pero non dan materia para lle explicar a ninguén en que consiste ser labrador. Non sei nin como se atreven a incluíla como profesión, é claro que ninguén quere ser o que non existe.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.