lunes, 15 de abril de 2013

POR QUE UN NENO DEBE SOPORTAR ESA PRESIÓN?


POR que un neno ten que ver día tras día a seu pai afundido na desesperación por non atopar traballo? Por que han de vivir máis dun millón deles na pobreza en España? Por que han ver a miseria negra na porta da casa ? Como poden tantos nenos resistir a presión de compartir a diario un ambiente onde os pais desanimados, ansiosos, anulados ao non ser quen de proporcionarlles unha vida digna, perden o celme e as ganas de vivir e os educar? Como lles explicamos que o sistema económico, para seguir funcionando, esixe desapiadado desprazar, excluír e marxinar a tantas familias? Como reaccionarán cando entendan a súa exclusión e marxinación? Sen ir lonxe, aquí á beira, que necesidade hai para que algúns nenos, os que sexan, pasen falta de leite, de polo, dunha galleta? Como un neno pode aguantar á porta da súa casa a venda de drogas, a prostitución, a falta de hixiene e o abandono?
Ante situacións tan extremas, tan visibles como alarmantes, como é que os políticos non acordan medidas inmediatas, eficaces? Como é tan difícil concordar algo para evitar tanta violencia? Por que as institucións, os poderes económicos e os representantes políticos non son capaces de solucións palpables? Terá razón Felipe González cando afirma que un neno non ten por que aguantar á porta da súa casa determinadas presións achegadas á violencia. Poida que si, que non sexa a mellor importación esta de premer na porta das súas vivendas aos políticos electos. Non digo que erren ao se poñer de acordo axiña para intentar cortar polo san este perigo. O que me asombra e me exaspera é como estes mesmos políticos, tan áxiles, tan resolutivos nos asuntos que lles tocan no pelello, non demostran similar eficacia en problemas de tan grave transcendencia. Sorpréndeme unha e outra vez comprobar como con canta dilixencia acordan salario propio, medidas de protección, habilidade para acubillar en bo porto os seus privilexios e, pola contra, resulta tan utópico, tan fóra da realidade e tan propio de inxenuos intentar a solución de problemas con idénticas posibilidades se houbese firme vontade de arranxalos. Irrita ver con que facilidade e tenacidade avanzan decididos con asuntos nos que se ven directamente afectados e que torpes, que lentos, que ineptos, que ruíns, que escasamente flexibles e que resignación imperturbable mostran diante das causas da verdadeira violencia.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.