PARECE coma se estiveramos nunha carreira frenética de acontecementos que se encabalgan sen dar tempo á meditación sosegada. Non ben abandonada a sorpresa polo cinismo chulo de Bárcenas, excítannos coa canallada dos ERE andaluces; intentando descubrir algo sobre o asunto Campeón, asáltannos co Pokémon; cando nos queremos centrar no moreno de Feijóo no barco de Dorado, vén a imputación da infanta Cristina Federica; e seguro que mentres escribo, algún empresario desalmado, político incauto, funcionario corrupto ou eclesiástico en pecado nos fará esquecer o escándalo de onte, pois o de hoxe é tanto ou máis substancioso. A intensidade de sucesos escabrosos está alcanzando o que parecía insuperable: o semanal entusiasmo diante de partidos do século que non deixan de ser case todos unha mala copia do anterior. Pero así nos alimentamos en tempos de miseria: da amoralidade, da vergonza allea, da rabia, da podremia que o vai roendo todo.
Eu non digo que non sexan certas tantas trampas e felonías, nin de tal gravidade algunhas coma para ás veces rechiar os dentes por non lanzarse a morder coma cans rabiosos, pero esta noria e tobogán de desgrazas nacionais debería recibir un contraste que o estabilizase. Tal vez xa acadamos o nivel de vómito necesario, xa aplicamos a catarse indispensable para caer na conta de que nos deslizabamos por unha vía amoral que nos converteu nun país enfermo e escangallado. Porque si, non hai dúbida de que cumpría recoñecernos eticamente desnortados, tanto como para transformar en sinónimo canalla e intelixente, amoral e triunfador, vil e honorable. Pero chegados a esta diarrea de falcatruadas, radiografadas as entrañas da podremia, debemos regresar á liña compensatoria que non nos permita esquecernos de que segue habendo profesionais competentes e honrados, funcionarios laboriosos, mozos emprendedores e entregados, nenos que miran a vida con curiosidade incansable, mulleres dunha fortaleza invencible, xornalistas veraces, políticos que procuran o ben común. Talvez os medios, todos os que escribimos, debamos recapacitar e, con idéntico furor ao empregado na obrigada denuncia, resaltar os méritos e valentía do país moral que resiste, traballador e cabal, que non só se alimenta da xustificada indignación, senón do compromiso libre e esforzado a diario por buscar outro modo máis intelixente e pleno de vivir.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.