lunes, 15 de abril de 2013

TEATRO NO HÓRREO

Pasen, señores, tomen asento, acomódense, prepárense para máis dunha hora de verdadeiras interpretacións, as máis sentidas e ensaiadas, as máis aclamadas e solicitadas polo público de Galicia e de fóra; non se perdan este espectáculo de pranto, ira, ironía e friaxe, todo nun mesmo acto do que poden gozar se non ignoran as actuacións aos que sempre lles sorrí a repercusión das súas interpretacións por todo o territorio; se son capaces de se deixar levar pola linguaxe verbal e corporal destes meigos da representación, capaces de facernos crer o que non é, poderán gozar coma nenos crédulos das súas artimañas, mentiras, promesas, perdóns e compromisos como nunca o fixeron diante dunha obra de Calderón, Lope de Vega ou o mesmo Shakespeare. Tomen asento, señoras e señores, érguese o pano do Hórreo e comeza a función. Escoiten a voz sincera do presidente solicitando perdón polas súas malas compañías, comprendan a súa ignorancia, os pecados de xuventude, o valor da amizade. Créano, por favor. Trata de convencernos da elección dunha amizade aquí non presente, pois os avatares da vida levárono á cadea, pero quen sabía que acabaría aquel bo amigo sendo un malandrín e mafioso?Non son quen a simpatizar coa súa expresión de arrepentimento, entrega polo pobo e desexo de seguir contando coa confianza de todos? Non aprecian nas súas revelacións as palabras da máis sincera e pura verdade, a que ninguén debe dubidar? Un viaxa sen saber con quen, sen malicia, só por ocio, sen máis nin menos, pero coa inocencia propia do tempo adolescente, de quen nada sospeita, aínda cre que os homes son bos por natureza. Que importancia ten ir á neve e ás illas con alguén que logo se fixo malo? Miren, atendan aos seus ollos solicitando comprensión: eu non facía nada malo, fun unha miga inxenuo, máis nada, perdóenme, en canto souben que non era bo xa ven que me apartei del, unha chamada de Nadal, un recordo, nada... Desaparece satisfeito da escena: a verdade mata a infamia. Non comprenden a súa boa fe? Non se conmoven? A que veñen entón ao teatro? Fíxense agora na voz de trono deste actor firme coma unha rocha. Non lle perdan palabra: como nos quere tomar por bobos, retrúcalle ao primeiro actor. Pensa que somos parvos? Era ou non vostede amigo dun malfeitor, dun canalla que encheu as nosas vilas de velenos que mataban aos nosos fillos? É capaz de nos facer crer que era o único en non coñecer as andanzas do ausente traficante? Pode acollerse ao descoñecemento un presidente para exculparse dos seus malos pasos? Dimita, presidente, dimita e déixese de trapalladas e enganos, remata co seu torgo inmenso de voz, acalorado, doido, enfurruñado. O ambiente quéntase na sala. Pero nada aínda en comparanza ao que nos agarda. Sobe ao estrado o actor con máis táboas, xa case ancián, pero coa viveza toda de quen entregou a súa vida á escena, porque nela cre que nos redimimos os homes. Comeza cun fío case inaudible de voz, pero acelérase de súpeto, encarreira veloz palabras ensarilladas para demostrarlle ao primeiro dos actores, ao presidente, que se sente avergoñado, afróntase, móvese excitado, sofre, padece por todos de forma vicaria, chora de carraxe e noxo. El coñeceu de cerca, amigos, familiares, a dor dos efectos causados polo malfeitor amigo do presidente; el sabe con certeza quen foron as únicas que con heroicidade se levantaron contra a peste que acababa cos seus fillos: as mulleres da Arousa, e el, no nome delas, pide a dimisión, e chora e avergónzase, e retórcese no escenario para que todos saibamos a incongruencia da baixeza de confundir a ética e a política cun trato entre mafiosos. Non ven como chora? Non ven a súa desolada angustia? Respírase se cadra menos tensión cando un novo interprete, máis raposo, de escola menos vistosa, ataca ao mesmo pecador, ao arrepentido, pedíndolle tamén que dimita, porque el era quen mellor tiña que coñecer ao agora preso. El era o seu amigo. El compartiu días de barco e viaxes e anos de amizade. Mellor ca ninguén debería saber o que todos sabían: que o ausente agora na cadea era negociante de velenos, armador de trampas para afumar e estragar a saúde. Un actor frío, comparsa, aparece para desculpar ao arrepentido. Unha miga de calma para volver á excitación. Porque de novo intervén o protagonista. Agora menos compunxido, máis ferinte cos seus atacantes. Pide perdón polo xa contado pero quérelle causar ferida a quen lla causaron. Séguense as actuacións sen texto novo, pero insistindo cada quen con máis furor. Un acusa ao resto de que non merecen ser actores deste teatro, vostede é a indecencia sendo persoa, eu morrerei dicindo o que digo, clímax, a ética importa un nabo, as mentiras van e veñen dun lado ao outro do escenario, golpes de efecto, manobras para ganarse ao público, miradas, desplantes, ameazas, insinuacións... Baixa o pano e os espectadores regresan aos seus labores , comentan, aplauden, critican, emociónanse, todos regresan á vida diaria. Acabouse a función no Hórreo. Non pasa nada.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.