domingo, 28 de diciembre de 2014

CEA DE ALTO RISCO

A Sánchez Ferlosio sempre lle sorprendeu iso que se dá en chamar “encontro de alto risco” referido a partidos de fútbol. El, tan crítico co deporte, non sae do seu asombro cando analiza tal despropósito contraditorio. Algo semellante me ocorre a min coas ceas de Nadal. Que a festa do ano máis centrada na familia case esixa decretos antidisturbios para que se acomoden e soporten os familiares non deixa de ser un paradoxo cómico. Como cando lean isto xa superaron a primeira parte da proba e van - animosos ou desgastados, iso xa non o sei- cara a segunda volta de euforia e ledicia en ano vello, aninovo e Reis Magos, recórdolles algunhas consideracións que non deberiamos esquecer para saír o menos prexudicados de tanta tenrura, bondade e paz concentradas. 
Saben que sempre foi preocupación dos expertos que se encargan de que non se nos esfole a boa vida axudarnos para que comamos e bebamos pero non engordemos máis do debido. Cadrar o círculo consiste en seducirnos e tentarnos con toda clase de manxares e lambonadas, ceas exquisitas, pero ao tempo protexendo a liña delgada da figura esvelta, deusa da beleza e harmonía actuais, pois rachadas ou engrosadas entramos no inferno da fealdade enfermiza. Así pois, analistas en cociña, especialidade neste momento de máis peso que dedicarse á investigación sobre o cancro, encárganse nas previas ás ceas e comidas pantagruélicas de nos ir enchendo o desexo e a boca de zumes embriagadores: mariscos, pescados, carnes roxas, aves voadoras, polos cebados, xamóns chegados do sur, patés de países veciños, queixos únicos, améndoas, figos, doces de tódalas comarcas, azucre puro, mazapáns, pasas, larpeiradas as que se lles ocorran, viños e licores, que combinados han de aparecer en toda mesa que participe do espírito destas festas. Pratos máis ou menos elaborados, abundantes sempre, compiten para reunir arredor deles a familiares que veñen de tódalas partes á casa por Nadal. O orixinal e enxeñoso radica en preparar as mellores mesas e ao tempo que ninguén engorde. Primeira regra: coma moito, ben e de todo e non engorde. 
Pero axiña outros expertos se decataron que non todo é comer e manter a figura. Como as rabechas, enfrontamentos, enfados, fuxidas, ameazas, prantos e desenlaces pouco edificantes son frecuentes ao se encontrar tantos familiares, xa non só os de sangue, ben coñecidos con teimas e neuras, senón os políticos, eses incorporados por mor de casoiros, arrimos estables ou momentáneos, as festas esixen outras recomendacións. Por iso os coñecedores destes conflitos se apresuran a nos impartir doutrina enlatada para que todo resulte máis levadeiro. Se observan, os suplementos dos grandes xornais ofrecen nestes días consellos a patadas para que saibamos superar ou previr este tipo de desacordos. Coma un partido de alto risco. Que debemos ir preparados para as barras de ferro, fungueiros, navallas e botellas coas que nos poidan atacar os do fronte sur, grada de río ou fondo norte. E así, coa mellor filosofía do axúdate axiña a ti mesmo, unha serie de normas nos preparan para acudir a estas comidas e ceas nas que o espírito de concordia, amor e regalo son o pan de verdadeiro alimento. O primeiro paso para non dalo en falso será unha boa estratexia xeopolítica. Sentar o cuñado de Podemos á beira do fillo máis vello amante confeso de Martínez-Pujalte pode acabar cos restos de polo de Vilalba voando por enriba da avoa e dando en pleno rostro da nai que pretende atallar como sexa batalla tan inapropiada; xuntar á filla envexosa e resentida a carón da cuñada enxoiada e sobrada de modelos porque o seu marido sabe manexarse cal pequeno Nicolás entre as amizades valedoras, seguro que conduce a palabras afiadas coma subelas que atravesan de punta a punta da mesa un frío silencio cada vez que a triunfadora recita o prezo da última prenda mercada e a resentida, os ollos brillantes en auga encarnada, resposta con pedras suficientes coma para lapidar na máis feroz lei islamista á adúltera confesa. De aí a importancia da boa colocación na mesa, cal cea diplomática cun delicado obxectivo de chegar a un tratado de paz. 
E aínda máis. A xeopolítica da colocación na mesa non é suficiente. Necesitamos técnicas psicolóxicas para saber cambiar de conversación, ser asertivos pero non causar agravios, rir sen parar para que todos podan sentirse acollidos e demostrar habilidade diante do diálogo ofensivo, estúpido ou banal. Hai que aprender a facerse o bobo, a non contestar, saír pola tanxente, dominar a resposta con pregunta e pospoñer con xeneralidades ou tempo lento a curiosidade do veciño. Intelixencia para non acabar coma nun partido de alto risco. Porque xa saben: así como o fútbol é a maneira de amigarse entre cidades e nacións, pero con partidos de alto risco, as festas do Nadal son o cumio da harmonía e cariño familiar, pero convén ir aprendidos, porque no momento menos pensado o tío de ultrasur saca a navalla que levaba agochada.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.