sábado, 20 de diciembre de 2014

O PEOR DA FAMILIA

TERÁN oído que quen non tivo unha infancia feliz non gusta do Nadal. Ou que aqueles que padecen por desequilibrio, inxustiza ou fracaso, tropezan estes días co cravo que os espeta máis fondo na súa dor. Seguro que saben de moitos que senten a urxencia de fuxir nestes días para esquecer, para non se enfrontar, para burlar o reto de se atopar cos seus, cos máis achegados, que son moitas veces os que máis nos irritan por situarnos diante do espello no que non nos queremos mirar. Regresa o Nadal. Coas súas aparencias, farsas, simulacións. Co seu ambiente doce de máis, enganoso, efémero. Regresa o Nadal, outra vez, sempre, nunca se irá, porque, digamos o que digamos, un alivio é imprescindible; unha parada cómpre para recordarnos a esencia: que é na axuda, no afecto, no regalo, na confianza, na incondicionalidade, no morno do arrimo e do conforto onde realmente vivimos ben, por máis que se antolle prefabricada ou de verniz que renxe esta manifestación comercializada. Volve o Nadal, a chamada da familia que é a nai de tódalas neuroses, a salvación e refuxio de tódalas amarguras.
Non recorrerei a Tolstoi. Sábese ben, sen necesidade de citas, que cada familia está rexida por unha dinámica propia e intransferible. Os cambios sociais obríganos a ampliar a mirada e ver familia onde antes nin o pensabamos e a esquecer que algunhas nas que vivimos xa non volverán nunca máis. A forma, estrutura e xerarquía familiar mudan. Determinados patróns estalan e outros van cristalizando na medida en que o traballo, a falta del, o apoio económico, a transmisión de patrimonio ou tendencia cara o individual van penetrando no enramado social. Pero a pesar dos cambios e transformacións, o vínculo familiar segue mostrando solidez. As festas deste tempo, que no inicio obedecían aos cambios de estación polo peso agrícola, despois foron conformadas pola fortaleza excepcional do cristianismo e agora se amasan nunha mesturanza ecléctica, demostran o apego perpetuo que os humanos sentimos pola ruptura e creacións de momentos únicos. O de agora vén para nos reconciliar coa fame de paz, de amizade, de acougo e coidado no seo dos que nos trouxeron, criaron e amaron. Uns días especiais para volver á dinámica familiar, esa que ás veces parece tóxica ou insoportable. Porque xa se sabe que só hai unha cousa peor que ter familia: non tela. Que pasen unhas boas festas.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.