domingo, 28 de diciembre de 2014

POR VOSTEDE, SEÑORÍA

MOITOS andabamos coa mosca detrás da orella. Que a xustiza ás veces parece un chachondeo non se debe dicir, abonda con Pacheco na cadea, pero para desconfianzas sobran motivos. Por lego que un sexa no dereito, a pouco que aplique a intención pode descubrir manexos, dilacións, apelacións, prescricións e sentenzas que fan dubidar da separación de poderes e, sobre todo, dan indicios sobrados de que unha elite de privilexiados manexan a democracia e a xustiza na defensa dos seus intereses. Por iso moitos desconfiabamos que no proceso do caso Nóos a infanta Cristina quedase libre de po e palla. E non por prexuízos gratuítos, senón porque a actuación do fiscal, da Axencia Tributaria e dos avogados do Estado parecía ir claramente nesa dirección. O iter desas institucións e máis o de moitos medios non deixaba dúbida: a presunción de inocencia é sagrada en dereito, por ser infanta non se lle debe anular nin unha garantía e a xenreira ideolóxica (as manobras políticas) non se pode traspasar ao campo da xustiza. Con tales argumentos xustificativos malo sería, pensaban, aínda que houbese que acollerse á doutrina Botín con pinzas, non librar do xuízo oral á infanta.
Pero non foi así. O xuíz Castro ditou un auto polo que se ha sentar no banquiño dos acusados para que un tribunal resolva se cometeu un dobre delito fiscal. E non lle treme o teclado para razoar que a presunción de inocencia significa exactamente investigar as sospeitas ata que estas se desvanezan ou se tornen en indicios racionais; que as garantías de instrución neste caso, en comparanza con outros axustizados, chegaron ao grao de hipergarantías; que a aplicación da doutrina Botín, con independencia do seu fundamento xurídico, non se sostén neste proceso; e, amparándose no artigo 31 da Constitución, segundo a cal todos os cidadáns están obrigados a contribuír ao sostemento dos gastos públicos, lembra que a evasión impositiva non prexudica en puridade á facenda pública senón ao indeterminado colectivo dos cidadáns.
Por iso o xuíz Castro, contra vento e marea, con dignidade e brillo exemplares, dita o auto. E non se me ocorre mellor brinde para este Nadal que por un xuíz capaz de regalarnos a esperanza de que, por máis que as elites sexan expertas en torcer a lei, sempre queda unha regaña de luz na xustiza pola que podan acabar sentados no banquiño dos acusados. Por vostede, señoría.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.