domingo, 7 de diciembre de 2014

NON SABEN OU NON QUEREN?

Hai épocas nas que un anda inocente, cheo de preguntas. Invádennos como a un obsesivo ingobernable que regresa unha e outra vez á manía que o consome. Algo así me vén pasando nos últimos días co problema dos desafiuzamentos. Agora que chega a xeada, a chuvia, a necesidade imperiosa de contar cun teito baixo o que protexerse, dar unha miga de calor aos nenos, aos vellos, como é posible que un país coma este non poida buscar unha solución para un problema así. Sei que todo é máis complexo do que aparenta, que os conflitos de intereses roen en tódalas decisións por banais que parezan, que mentres non nos toca en carne propia todo semella fácil. Pero aínda así, non é posible reunirse, dialogar, ceder, acordar e promulgar unha lei que dea amparo aos máis necesitados?
Adiántome a todos os que vexan populismo e demagoxia no tratamento do tema. Míreno por onde lles pareza. As preguntas seguen a rebulir rabiosas e non deixarei de formulalas. Non somos un país o suficientemente organizado, solvente e razoable coma para impedir que se deixe sen teito a vellos e familias necesitadas? É de tal magnitude a dificultade coma para que non existan métodos que distingan os irresponsables dos necesitados, os malfeitores dos desherdados, os aproveitados dos desafortunados? Con sistemas informáticos tan potentes como contamos, cos milleiros de economistas ilustres dando doutrina, coa cantidade de técnicos ao servizo do Estado, non é posible idear unha fórmula para crear un sistema de vivenda social ao que se poida acceder por baremos xustos? Será por falta de pisos? Nun país no que podrecen miles deles baleiros, a medio construír, pechados, con propietarios que lles queiman nas mans, con débedas ás veces irrisorias para unha administración estatal, non hai ministerio, nin secretaría, nin grupo político que ofreza unha saída razoable? Non podo crer que sexamos tan ineptos, nin tan incapaces, nin tan insensibles, nin tan vagos, nin tan miserables coma para non idear unha maneira, un xeito de solucionar algo tan imprescindible: evitar que unha familia acabe na rúa. O goberno que presume por rebaixar a prima de risco, por estabilizar aos bancos e por implantar a reforma laboral, non é quen para elaborar un decreto que free en seco esta vergonza? Unha de dúas: ou non saben ou non queren. Se non saben, ineptos; se non queren, prefiro calar o que penso.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.