lunes, 15 de diciembre de 2014

ENTREVISTAS CON FUNGUEIRO

Algo estase movendo. O nivel de fastío da poboación inquieta aos acomodados gobernantes e institucións. A ameaza de que novos partidos rompan o monopolio bipartito existente mete unha miga de medo nas actitudes e comportamentos tan groseiros da pestilente corrupción. Nada, por outra parte, que non crean que poden deter e superar, para iso traballan incansablemente plumas e voces adoutrinando con que máis vale malo coñecido que bo por coñecer e que todos somos iguais diante da tentación. Dúas falacias que non deixan de ter algo de razón, pero que son falacias: non se segue necesariamente que da loita por máis transparencia e controis nos mecanismos democráticos deba seguir a inestabilidade nin inútil é unha opción ideolóxica porque non quede libre de mazás podres. A irrupción de Podemos xa puido algo: obrigar a partidos maioritarios e medios de comunicación a fiar fino detrás da podremia. Empezando por eles, claro, aos que non lles arrendo as ganancias, remexeranlles cada noite no caldeiro do lixo para analizar os restos orgánicos, plásticos e e vidro. E paréceme ben. Mecanismos de control rigorosos sen excepción, e máis para quen presume de potencialos. 
Un síntoma deste cambio tamén chegou ao xornalismo durmido. Afeitos a programas cómodos, os entrevistadores vivían na confortable simpatía de aceptar vaguidades e simplezas por parte dos entrevistados. Os líderes políticos adestrados nunhas frases feitas, moi correctas, atentas a contentar á maioría, respondían canadas de sorrisos e xeneralidades que pouco os comprometía ou, na súa ambigüidade, lles deixaban abertas saídas múltiples. Despois de décadas nas que o xogo das preguntas e respostas parecía petrificado, sen posibilidade de ruptura, a chegada destes profesores descarados aguzou o enxeño entrevistador e brillan os primeiros lóstregos de entrevistas como é debido: a cara de can, ben preparadas, incisivas, aclaratorias. 
Ana Pastor deu primeiro. Cun labor documental ben elaborado, enfiando cada argumento ata o remate, perseguindo cada carreira coma un bo can de perdices, acurralou a Pablo Iglesias ata facelo tremer. Non basta con boas intencións, acabamos entendendo todos ao remate da entrevista, predicar e dar trigo esixen algo máis ca principios simples e aceptables por todos. A clave política non está só nos obxectivos cara onde ir, senón na maneira como se pensa chegar aí. E tal foi a sacudida, que o propio entrevistado entendeu que xa non lle chegaba con pico de ouro para andar de televisión en televisión. Esa entrevista obrigouno – a el e ao equipo- a pensar seriamente en que había que se preparar, buscar asesores económicos, estudar detidamente os números, porque hai entrevistadores que saben preguntar, xa non abonda co xogo ben dominado no que se lle tapa a boca a dous acomodados políticos “da casta” habituados a asistir a debates coma quen vai de charla de café. 
Inspirado na frenética e ben artellada entrevista de Pastor, Sergio Martín, con idéntico entrevistado, utilizou armas semellantes, só que co inconveniente de contar cuns xornalistas de apoio inútiles e romos. Tamén el se documentou, presentou gráficos, proporcionou datos para que o espectador puidese valorar e someteu ao entrevistado a un rosario de preguntas afiadas e dolorosas, como deben ser aos que din queren e saben ocuparse dos asuntos públicos. Ata aquí, mérito e simpatía tanto para os entrevistadores coma para o entrevistado, valente e arriscado atrevéndose a dar a cara diante de preguntas nada amañadas, aclaracións sen panos quentes, vontade de clarificación diante do espectador, pois de entender se trata.
 Existiu, sen embargo, en ámbalas dúas entrevistas un ton de agresividade, de linguaxe non verbal, de xuízos de valor, de discusión ideolóxica, de impertinencia e esixencia que non sei se é bo xornalismo. O que non xustifica dende o meu punto de vista que se pretenda castigar a Martin. Prefiro un entrevistador insolente a un manso. E se por aí van os tiros do novo xeito de entrevistar, adiante. Algo de irreverencia non vén mal. Algo de incomodidade han de padecer os que nos viñeron embobando con simplezas e mentiras programáticas que tanto servían para un cosido coma para un descosido. Agora ben, a medicina haberá de ser para todos. Ardo en desexos de ver idénticos desplantes, xestos de incredulidade, desaprobación, de premer e impacientar, incluso ridiculizar a Rajoy tal e como se lle fixo a Iglesias. Chegou o momento de acurralar sen piedade a todos. O que sospeito é que se tal método se impuxese, para algúns, para os que van abrindo camiño, a estratexia variaría. A eles agardaríaos o entrevistador cun fungueiro, obrigaríaos diante da pregunta a dicir si ou non, e se si, fungueirazo, e se non, dous fungueirazos.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.