Sospeito que acabaremos todos por non durmir ou durmir
moi mal. Con esta nova proposta da factura da luz, a ver quen é o simpático que
dorme sen angustia. Descoñezo se o meu contador é dos de intelixencia superior
como para detectar esas variacións horarias no encarecemento ou abaratamento no
consumo de enerxía, pero de calquera maneira que sexa, eu penso andar á última,
non quero regalarlle á compañía que me dá luz un céntimo de euro e así me
agarda unha dura tarefa a partires deste momento. Farei o que sexa preciso para
estar informado convenientemente, baixarei no móbil a aplicación que se esixa e
vixiarei día e noite para saber con exactitude a que horas cadra o consumo máis
barato para prender a luz, acender o ordenador ou lavar a roupa. Como moito me temo
que as horas de maior aforro coincidirán coas máis apropiadas para durmir, a
miña desconfianza de que se instale en min un insomnio perdurable ao que non
penso combater de ningunha maneira é máxima.
Non é estraño que nunca comprendese
o recibo da luz. Aparte de non ser moi espelido para asuntos de tal
dificultade, nunca lle prestei maior dedicación. En contra de toda
recomendación pedagóxica, abandonei a tarefa sen me forzar a entender, fiándome
de que outros, moito máis competentes, se mostraban incapaces. Quen
definitivamente me arredou de tal intento foi un compañeiro matemático que me
asegurou que, por puro esgotamento, se
rendía. Visto que el, tenaz onde os haxa, non persistía e se daba por vencido,
eu apunteime á derrota sen intentar nin a pelexa de inicio. Abandonado polo
tanto ao capricho do que as compañías eléctricas quixesen enredar comigo, pasei
todos este anos pagando con puntualidade o que dicían que consumía. Xamais
puxen en dúbida os seus cálculos e dei sempre por bos os recibos crípticos nos
que se me garantía que consumía o que alí se se dicía. A miña fe no recibo,
como comproban, era infinita e ségueo sendo. Sobre todo porque non se producen
variacións estrañas: un consumo monótono como corresponde a un home tranquilo e
de bos costumes, con horarios regulados e hábitos equilibrados. Mais, chegada
esta oferta revolucionaria, non penso continuar neste plan de pagador pasivo,
ignorante, confiado. A partires de agora prometo andar aleuto para aforrar o
máximo posible, estou convencido de que non me dará para unhas vacacións, pero
o entretemento tamén ofrece as súas recompensas.
Como adiantaba, teño a certeza de
que o mareo ao que nos someterán as compañías para lograr aforrar un céntimo
será da intensidade de tormenta no Cabo de Fornos. Se o luns compensa acender a
lavadora ás cinco da mañá, probablemente o xoves sexa mellor ás tres e media;
se acender o ordenador resultará máis barato ás catro da mañá, xa me poden
imaxinar escribindo estes artigos a hora tan pouco favorable; e se, como estará
cantado, a hora máis apropiada para pasar o aspirador anda entre as tres e as
cinco da mañá, estou vendo a cara da veciña do piso de embaixo cando pola mañá
me atope con ela no ascensor. Como me erga para traballar ás catro, poña a
lavadora ás cinco, pase o aspirador ás tres e aproveite para cociñar e lavar pratos nese tramo horario, ha
dar gusto a cara coa que me mire, tanto se ela só padece a miña elección
horaria coma se, por idéntico razoamento, se apunta ós mesmos labores. Habemos
de dar gusto todos. Ollos encarnados, humores a punto de estalar, cansazo sen
disimulo en tódalas caras tódalas mañás. Un feixe de emocións fabricados na
noite para incremento da amabilidade e as boas relacións entre veciños.
Son moitos os medios que nestes días
se esforzan por nos dar información clara sobre os horarios para que nos
vaiamos facendo unha idea, pero non lles resulta fácil. Vese que iso esixirá
mirar constantemente, andar moi atentos e levar unha contabilidade fina. Un
debe antes de nada revisar o seu contador, saber se é preferente de noite ou
día, estudar as ofertas tan variables que nos prometen e logo estar dispostos a
aplicalas con exactitude. Nada é gratis. Resulta ben coñecida esta máxima tan
de moda nos últimos anos. Coma se antes de agora todo o fora. E como nada é
gratis, cada céntimo de euro de aforro haberémolo de sachar con dedicación
exclusiva. Quen realmente pretenda extraer o zume máximo deste prometedor
aforro que tan xenerosamente as eléctricas poñen á nosa disposición, non lle
queda outra que estudar, tomar nota, prepararse con antelación e dispoñerse a
cambiar os hábitos de sono. Case seguro que durmiremos menos e peor, pero
compensará. Cada céntimo aforrado serviranos para presumir do linces que somos
e como as eléctricas non poden con nós. Déixannos sen durmir ou durmimos mal,
si; se cadra empeoramos a convivencia na comunidade, pero fundímolas co que
aforramos acendendo a lavadora ás cinco da mañá. Están que morren co medo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.