A
esencia de ser neno, salvo contadas excepcións, é a actividade. Ou era, que
agora parece que os trebellos electrónicos tiran dunha vida máis sedentaria.
Pero naqueles tempos da segunda metade do século pasado, na aldea, nada nos
amolaba máis aos nenos que a obriga innegociable de durmir a sesta. Os adultos,
esgotados dos duros traballos do verán e de tanto madrugar para aproveitar as
horas sen sol, agardaban con ganas a sesta reparadora de despois de xantar. Os
rapaces, supoño que para que non molestásemos, tiñamos por imperativo dos
maiores que unirnos a aquela práctica ríxida, que nos parecía un severo e
triste castigo. Pero como contra a imposición intransixente sempre o intelecto
discorre con rabia, a pesar das ordes e castigos ameazadores, o período de
silencio e sono transformábase nun momento de risa, contos e descubrimentos
inesquecibles.
Un verán produciuse un avance moi
duramente traballado. Lembro que despois dunha negociación tan longa case como
a última do eurogrupo coa delegación grega conseguiramos un acordo memorable:
tivemos permiso para durmir no hórreo. Os adultos subían ao cuarto, pechaban
tódalas ventás, facían un silencio de calor mesto e entregábanse ao seu sono
desexado. Os cativos podíamos ir durmir – é un dicir- ao hórreo coa condición
de que non se sentise unha voz máis alta que o zunido das moscas. Arrincada esa
mellora, a sesta pasou de ser un castigo a unha brincadeira.
Como a emigración non é nada que
aprenderamos en Galicia con esta crise, xa daquela en cada casa había familiares
que emigraran ao País Vasco, Cataluña ou Europa, sobre todo, pola miña zona, a
Alemaña. Na miña familia tamén tiñamos emigrados no país que agora exerce a
hexemonía en Europa. Merkel, que ten dous anos menos ca min, supoño que andaría
daquela baixo as ordes do seu pai pastor e nadando nas frías piscinas da RDA,
ademais de pasar os seus ritos de iniciación de adolescencia, que non creo foran moito menos estritos cós
meus. O que vén ao caso é que meu tío tivera a decisión de emigrar coa familia
a Sindelfingen e durante as vacacións conducía un Mercedes ata a aldea para ser
a envexa dos irmáns e veciños. Tiña unha filla do meu tempo, pero como pasaba
os días e os anos tan cerca de Stuttgart
a min parecíame unha alemá de verdade. E
podía selo, as súas pernas eran coma de Santiago á Coruña e o cabelo brillaba
coma o trigo que tanto traballo daba aos labradores. Evito detalles que todos
estarán maxinando. Chega con que saiban que durante a semana que os alemáns
estiveron na aldea, a hora máis desexada por min – e non só por min- era a da
sesta, todos alí mesturados no hórreo, sempre buscando coincidir coa alemá. Os
ocos de curiosidade que lles poidan quedar sei que os encherán cada quen coa
súa máis refinada imaxinación.
Mais o que me trouxo ao acordo estas
sestas con sol e alemá é a recorrente referencia a Alemaña e Merkel nestes
tempos tan duros para o proxecto europeo, aínda con acordo nas boqueadas. Un
vento zoa nestes días de tanto sol de Greza a Finlandia, de España a Alemaña.
Un vento que leva pegado nas velas unha desconfianza entre a solidariedade e a responsabilidade.
Na encrucillada pelexan as voces contra a hexemonía da fría política alemá
experta en física cuántica, a mesma que, imperturbable, ve pasar por diante das
súas repetidas chaquetas os cadáveres varóns dos seus opoñentes políticos (o
último creo que será Tsipras), aos que vai decapitando un a un sen se lle mover
o peiteado, ou as que se agarran a ela como a única líder salvadora do que
poida ser Europa no futuro, a única con
capacidade e firmeza para manter os criterios razoables. Sen o seu pragmatismo
Europa xa estaría desfeita, pensan os que non se abrandan diante de
manifestacións orgullosas de pobos recluídos nunha dignidade de fume despois de
pasar anos sen dar un pau á auga. Por causa da súa rixidez, pensan os que a
critican, e por se levar unicamente do interese a curto prazo para os seus
electores, a piques anda coas súas esixencias interesadas de escachar unha
unión monetaria mal planificada, ou ben acordada pero en
favor dos grandes financeiros.
Mentres desentraño tan difícil
nobelo sobre Merkel e o seu país agora unificado, triunfante, poderoso, e a Europa que treme,
admito que me pode o recordo daquelas sestas nos días de sol. Sei que a
diferenza de importancia dun asunto para o outro non ten comparación, pero ás
veces convén ser humilde e aceptar que un peca de curto de miras e céntrase en
momentos mínimos nos que nunca idealizou tanto Alemaña coma naquel verán de
sestas no hórreo. Para os curiosos que queiran encher algún oco, saiban que a
nai da fermosa alemá debeu desconfiar algo, porque varios días antes do regreso
a Sindelfingen xa lle prohibiu que nos
acompañase durante a sesta no hórreo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.