Non
sei se será exacto o que di Roberto Centeno, que España contén dentro de si
varias Grezas e que acabará estoupando, pero vendo a cantidade de espazos
mortos de risa que só parecen servir para os paxaros se cadra non anda tan
equivocado. Durante a época na que se pensaba que progreso cultural era
inaugurar auditorios, piscinas, polideportivos, bibliotecas e institutos de
ensino medio en cada concello onde os votantes se poñían de uñas, políticos,
arquitectos e construtores dedicáronse con emoción a encher de contedores a
xeografía galega e española. Será raro o alcalde de calquera signo político que
non caese na tentación irresistible de entrar á competencia por ter un
auditorio máis moderno, un campo de deportes máis grande ou instituto máis
cerca da casa cós dos veciños. A competitividade localista mediuse no número de
inauguracións, na cantidade de contedores culturais e agora monean tristes sen
actividade algunha nin recursos nin imaxinación para darlles utilidade.
De todas, a pelexa máis compresible
e xustificable foi a dos institutos de ensino medio á beira da casa. Outro
tanto se podería dicir das bibliotecas públicas. Servizos tan imprescindibles
non se pode comparar con piscinas no medio do monte para as cabras, auditorios
para unha ducia de xubilados ou centros de exposicións onde nunca se colgou un
cadro. Achegar o ensino público aos cativos, eliminando horas de autobús,
parecía unha razón de peso, aínda que ás veces abusouse e creáronse centros sen
a planificación mínima, causa de que agora anden moitos á busca de estudantes,
as aulas soas non serven para nada. Con ser isto un gasto inútil, hai outros
moito máis evidentes nos que non se repara e que son proba evidente dun
malgasto e ineficacia palpables.
Centrémonos, para non esbardallar en
exceso fóra de rego, nunha actividade tan necesaria e na que existe un consenso
absoluto: a necesidade de que a mocidade faga deporte, que dedique boa parte do
seu tempo a socializar e cultivar o corpo con actividades físicas, sexa danza,
deportes en equipo, individuais, competitivos, cooperativos, tradicionais, os
menos coñecidos. Para que tal propósito se poida realizar, precísanse campos de
deporte. Durante épocas – e aínda algúns hoxe o repiten mecanicamente- o
argumento máis socorrido para explicar que non se levan a cabo tantas
actividades como serían aconsellables xiraba arredor da falta de espazos. Unha
xustificación fácil que se comprobou non era
a esencia do problema. Hoxe sobran espazos para realizar deporte. Non só
polos propiamente dedicados por concellos e outros organismos para tales fins,
senón porque a administración empéñase en desaproveitar os recursos á súa
disposición cunha alegría inmensa, coma se realmente foramos ricos, non
estiveramos aforrando en necesidades esenciais.
Hai tempo que manteño que é unha
auténtica pena ver os magníficos centros deportivos, abertos e pechados, dos
centros escolares completamente desaproveitados ao longo do ano, xa non digamos
durante as fins de semana e vacacións. Resulta tan difícil a xestión deses campos
de deporte e outras dependencias? Sería tan custoso? Paseo por barrios nos que
os rapaces pasan de largo á carón das vallas que cercan solitarios e tristes
campos de baloncesto, balonmán, fútbol, ximnasios , bibliotecas mortas. Parece
difícil de entender como un barrio de sete ou oito mil habitantes pode contar
con tres centros escolares públicos de diferentes niveis, cada un coa súa
biblioteca, existindo incluso outra máis pola que se pelexaron a morte votos
definitivos en determinadas eleccións, e pasan os veráns inactivas, esquecidas,
incomunicadas cos habitantes coma se cada institución pechase en si toda
función e responsabilidade.
Eses espazos mortos por falta de uso
dan pena porque son a confirmación de que o problema non é tanto de falta de
lugar físico canto de xestión sobria, aforradora, integradora; de dinamización
do deporte ou da cultura. Se contaramos cunha rede de persoal ben tecida,
potenciada polos concellos – este si debe ser labor da administración máis
próxima-, e desaparecese a rixidez que obriga a pechar a cal e canto toda
actividade unha vez que rematan as clases lectivas, a vida deportiva e cultural
estarían máis que sobradas de lugares onde o lecer puidese ser instrutivo e
creativo. Se gran parte do problema deste país é o enorme peso de duplicidades
e inutilidades políticas, hora vai sendo hora de saber aproveitar ao máximo os
magníficos recursos públicos que poderían, con flexibilidade e racionalidade,
dar uso a cantidade de espazos que nunca deberían estar, por inactivos, mortos
de risa.
Esqueceu publicar un artigo moi interesante,publicado no Diario hai unhas semanas.
ResponderEliminarFalaba das vantaxes de vivir sen compañia.Importarialle publicalo?Pareceume moi interesante?Graciñas