domingo, 30 de agosto de 2015

A TRISTEZA NON É PARA AS BESTAS

NON será só polas moitas tristezas, pero os homes ás veces volvémonos bestas irracionais. Bestas sen criterio, nin compaixón, nin piedade, nin razón, nin vergonza. Influirá nisto a tristeza? Sancho Panza dicíallo ben ao seu señor: "Las tristezas no se hicieron para las bestias, sino para los hombres; pero si los hombres las sienten demasiado, se vuelven bestias". A tristeza conta con máis mala sona da que merece. Incluso pode ser beneficiosa. É un modo de adaptarse á imposibilidade de conseguir algo, un paso previo para recoñecer a alegría, pois, para estar contentos de verdade, antes habemos de coñecer a tristeza. Tamén nisto Sancho demostraba o gran saber de quen pousa os pés na terra : "No quieras con falsas alegrías alegrar mis verdaderas tristezas". Porque cando as tristezas pesan e torturan de verdade non hai alegría falsa que as engane nin apague. Pero sendo a tristeza feita para o home, volvemos ao comezo, se son tantas que se volven insoportables, poden converternos en bestas. Pero poden soas xustificar tanta bestialidade?
Durante o verán parece coma se os actos horribles se acumulasen no escaparate dos medios de comunicación. Non houbo día no que non souberamos dalgunha salvaxada cruenta que nos deixou atónitos, desconcertados, atordados. Deixando de lado a procedente pregunta de ata que punto o tratamento informativo está influíndo na visión que destas crueis noticias temos, hai interrogantes aos que non podemos pechar os ollos. Somos realmente os seres humanos tan bestas? Estamos tan carentes de siso e control como para embarrancar no cavorco da irracionalidade cruel? Podemos calquera de nós caer en actos tan vergonzosos, violentos, inhumanos? Habitaranos tanta violencia inexplicable como para que a demasía da tristeza se torne en ira de besta? Outro tanto se podería aplicar a condutas sociais de fanatismo e horrorosa factura: pode a inxustiza, a pobreza e o resentimento volver tan bestas a grupos, ideoloxía e relixións? A causalidade directa non pode dar resposta completa a tales preguntas. Seguro que múltiples variables coinciden arredor de individuos e grupos para que respondan de maneira tan desconcertante. Mais, sexan as moitas tristezas, a pobreza, a frustración ou a obcecación enfermiza conxugadas as que tales males causan, o certo é que non existen falsas alegrías que podan tranquilizarnos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.