Antes
de se disciplinar polo paseo da pedra e da auga, tal e como nolo presentan esas
escasas fotos nas que o deixan ver con xesto de velocidade e esforzo
controlado, Rajoy xa o sabía. Tal vez os seus asesores caeran na conta e
planificaron con todo detalle a estratexia: os contrincantes das próximas
eleccións teñen que dar medo, moito medo, quen máis medo dá, perde. E aí temos
ao presidente máis temperado, o que mellor deixa amolecer os problemas no seu
propio caldo, explicando con meridiana
claridade que fóra del non hai salvación. O seu proxecto non marabillará, non
activará exultantes cánticos de alegría e optimismo, pero sen el todo irá a
peor. Velaí a lección a repetir nos próximos meses e que os demais partidos
deberán contrarrestar se non queren verse desbordados por un ciclista nada
explosivo, lento, ao seu ritmo, pero nunca tentado a baixarse da bicicleta.
Se algunha verdade parece
incontestable é a de que a repetición acaba por ser efectiva, con independencia
do grao de verdade do que se repita. A experiencia así llo demostra ao partido
no goberno e por iso non abandona. Certo que non pode ser completamente falso o
que se di, que algún elemento de engado ha de haber no que se propaga, pero
aceptado un fío do que tirar, o caso é repetir con descaro a verdade a medias,
acabará calando na opinión pública. Así está sucedendo coa melloría económica,
principio fundacional do discurso sobre o que se sustentará a campaña dos
populares. Pouco importa que se estea acabando coa caixa para os apuros da seguridade
social, que cada vez os parados reciban menos prestacións, que ao tempo que
medran as exportacións tamén o fagan as importacións, que as desigualdades
crezas de maneira escandalosa, que os ricos non paguen impostos, que a clase
media estea sendo duramente castigada, que a pobreza extrema se eleve de
maneira inadmisible, que os mozos continúen nun nivel de paro alarmante, que o
emprego que se crea sexa de calidade pésima e salarios miserentos ou que o
futuro da débeda pública e a o mantemento das pensións lles poñan os pelos de
punta aos economistas. Está repetido por activa e pasiva que a situación
económica entrou na boa vía e non queda outra que admitilo. Os detalles non
interesan. O que conta é o enunciado groso, en bruto: melloramos, estamos no bo
camiño, a recuperación chegou para quedar.
Asentado este principio, o
razoamento posterior vén ditado polo sentido común: se non queren paralizar o
que vai na boa senda, frear este ritmo que comeza a coller velocidade, non
enreden, non xoguen con lume. Aí está Greza. Aí teñen aventureiros
inconscientes, atrevidos e puerís que proban a meigos sen coñecer de que pasta
está feita a política. Dar un paso cara adiante custa suor e bágoas. Retroceder
ao abismo non custa nada, só un voto de rabia, irracional, rancoroso. Sexamos
sensatos. Aceptemos a realidade. Ninguén pode ofrecer máis. Somos imperfectos,
din desde as cabezas pensantes do partido que aspira a seguir mandando, claro
que andamos en corrupción e pecamos, quen non, pero ninguén coma nós sabe
tratar con estes avezados gobernantes
que dominan Europa, ninguén entende
mellor aos que realmente controlan a agulla de marear: os donos dos cartos.
Sigan confiando en nós. O traballo será ruín, os servizos públicos iranse
deteriorando, con certeza torceremos cara unha actividade privada con máis peso
na sanidade e nas pensións, pero... prefiren que nos chantaxeen, que nos poñan
contra as cordas, que non nos financien, que nos pasen polo nariz de novo que
vivimos coma lacazáns por riba das nosas posibilidades e nos poñan en tres
semanas aos pés dos cabalos, perdón, dos mercados?
O medo é libre. Exemplos para nos
mirar temos de sobra. A táctica do goberno non se agocha: intentarán por
tódolos medios facernos saber que son os únicos que non dan medo; nós veremos se
estamos tan tolos como para optar por partidos que serían un perigo evidente.
Fóra deles, todo é medo. Con eles, alegrías escasas, pero polo menos sabemos
que gozaremos do malo coñecido. As votacións gánanse na medida en que se
convence ao votante de centro. O votante de centro é aquel que foxe do medo que
paraliza, o que nos obriga a recapacitar e votar con sentidiño. Por iso os
ciclistas non explosivos buscan adestradores conservadores. Aqueles que se
aplican en descubrir onde están os medos
dos votantes de centro e intentan por tódolos medios facerlles ver que só na
súa opción se poden aplacar. Os corredores que compiten con Rajoy, a pesar de
non ser o actual presidente ciclista que ilusione nin de vistoso estilo, téñeno
complicado: deberán demostrar que non se esnafran contra o chan co primeiro
acordeón ou con vento lateral, proba suficientemente superada polo paseante da
ruta da pedra e da auga. Nas próximas eleccións non ganará quen máis ilusione –
as ilusións andan á baixa- senón o que
menos medo meta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.