A necesidade obriga. Pero non parece que ata tal grao
coma para recuperar maneiras culturais esgotadas. O individualismo impera e
todo apunta a que non terá retroceso posible. A crise que se prolonga moito máis
do desexado empurrou a unha forzada
convivencia en casas comúns a pais,
fillos, noras, netos e avós. A reunificación familiar é un mecanismo de
absorción da crise. O paro e a falta de perspectivas obrigou a refuxios de
comenencia que resisten o que as dificultades esixen, pero sen indicios de que
tal maneira de vivir tenda a unha revitalización. O modelo rachado, rachado
está e nin próximas relacións laborais, sistemas de vida ou urbanismo fan
pensar que se free a tendencia a vivir case en soidade.
En tempos pasados a estrutura
familiar asentaba sobre unha convivencia moi ampla. Aprender a convivir con
avós, tías solteiras, pais, moitos irmáns e un tío avó enfermo era o normal.
Dende a infancia experimentábase a variedade dos caracteres múltiples cos que
habías de entenderte se querías resistir. As normas e prohibicións repartíanse
de modo que os cativos axiña distinguían o peso dos distintos roles e status, o
rendible de comportarse diante duns ou outros, a eficacia da flexibilidade e
maleabilidade para prosperar entre tantos modelos. Na medida en que a familia
deixou de supoñer unha unidade económica de referencia, a base familiar
reduciuse á visita máis ou menos frecuente e ás reunións regradas de
conmemoración acordadas, pois a dinámica de produción acompasaba necesariamente
coa vida individual ou a unidade triangular (pai, nai, fillo, como exceso dous)
cando non á nai soa con fillo. A arquitectura, ese reflexo exacto da
configuración social, deu en edificar espazos minúsculos nos que a convivencia
por riba de tres persoas xa pode resultar perigosa. Quedaron como recordo as
urbanizacións de pequenos chalés con xardín, piscina comunitaria e unha cesta
para que o neno probe a ver se medra coma Gasol, pero en canto se tropeza coa
dura realidade de que Gasol só son dous e da mesma familia, ou o divorcio peta
na porta dos corenta e pico, o chalé pasa a ser un inconveniente engadido, e
maldita a hora na que se deixou o piso pequeno e bo de limpar no centro da
cidade.
Isto para os afortunados que
resisten a crise sen cambios de fondura. Para os que a súa situación xa nunca
foi boiante e toca agora recibir aos parados sen axuda mínima, o piso
hipotecado acaba sendo un nicho de frustracións e rancores nos que hai que
vivir porque non queda outro remedio. De aí os odios e indignacións que
conducen a votos que aínda a moitos sorprenden sen entender que esta obriga á
convivencia numerosa cando todo invita ao individualismo pode acabar levándonos
a unha rebeldía traidora. Certo que os costumes variaron, que a comprensión dos
maiores é infinitamente superior á de te tempos idos, que a permisividade e
tolerancia están hoxe máis introducidos no estilo de vida, pero aínda así,
dende hai lustros, non estamos chamados para vivir entre tantos. Todo vai cara
unha convivencia minimalista: un, dous, tres e pouco máis; espacio reducido;
vidas de visión fugaz; mundos que se fan cadrar en períodos ben programados,
escasos, sen que dean pé á saturación. Incluso a aspiración das novas relacións
parece avanzar na liña de que a perfección consiste en vivir cada quen no seu
espazo mínimo e privado coa excepcionalidade de se atopar de vez en cando en
territorio compartido tan brevemente como as necesidades indispensables o
pidan.
Contaba nunha entrevista a
arquitecto Carme Pinós que estaba facendo unha casa moi fermosa en México por
encargo duns avós. O plan da vivenda xiraba arredor da convivencia de varias
xeracións. Estaba tan sorprendida da petición que non se imaxinaba que alguén
puidese facerlle tal encargo aquí. Por unha razón simple, dicía: non nos
aguantamos, ninguén parece querer vivir en familia, e se o fan, mátanse. Que nos aguantamos menos demóstrao a
facilidade coa que nos divorciamos, desesperamos se algo non vai á primeira,
axiña atopamos razóns de peso para desfacernos dos vellos ou nos illamos no
mundo propio en canto as relacións deixan de ser útiles. Que nos necesitamos
comprobámolo cando trona e hai que buscar apoio, teito, calor, agarimo. Que nin
a crise mudará o novo modelo de relación familiar, no parece ofrecer dúbida. En
canto os mini traballos dean para ir tirando ou a pensión xa non sirva para
manter a máis de tres, todo indica que volvermos aos espazos mínimos onde nos
apañaremos na nosa mínima soidade. Porque parece que, con ser esaxerada a
boutade de Pinós, , algo de certo hai en que non nos aguantamos, que ninguén
quere vivir en familia, e se o fan, acaban matándose.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.