Lembro
que unha vez, despois de varias entrevistas cun adolescente con dificultades
nos estudos, canso xa o rapaz – e eu tamén- de dar voltas a un diálogo aburrido
e sen avances visibles, mirou avergonzado para o chan, armouse de sinceridade e
lamentou en alto: Se houbese algo contra a vagancia... Naquel momento pensei
que se referiría a algún fármaco milagreiro e contesteille rotundo, despois dun
longo silencio, que non, que ningún remedio coñecía para vencer a preguiza. Tal
vez non debera resignarme tan rápido. Droga non coñezo ningunha que ataque de
raíz a preguiza, pero existen outras formas de enfocar o problema. É probable
que xa contase a anécdota noutras ocasións, un pode caer nestas repeticións,
espero que disimulen.
As últimas investigacións no funcionamento
do cerebro coinciden en que o seu
natural é a vagancia. Que tendemos ás solucións máis doadas, aquelas máis
inmediatas e que ofrecen menos complexidade. Daniel Kahneman estudou ben estes
procesos e conclúe que unha lei xeral do mínimo esforzo rexe nas actividades
tanto cognitivas como físicas. A lei establece que se hai varias formas de
lograr un mesmo obxectivo, o individuo gravitará finalmente cara a pauta de
acción menos esixente. Así, por exemplo, cando nos vemos diante dunha situación
difícil a nivel de razoamento, a miúdo respondemos a outra máis fácil, polo
xeral sen advertir tal substitución. A preguiza está profundamente arraigada na
nosa natureza. Na economía da acción, o esforzo é un custo, e a adquisición de
habilidades vén determinada polo balance de custos e beneficios. Tódalas
variantes do esforzo voluntario- cognitivo, emocional ou físico- fan uso de un
fondo compartido de enerxía mental. E o ego esgótase. Por iso a xente (os
propios científicos con bastante frecuencia tamén) busca datos que poidan ser
compatibles coas crenzas que actualmente teñen. E por iso toda acción que
require esforzo, se non está ben adestrada ou domada, tende, tanto metal como
fisicamente, á solución máis fácil, á máis enganosa, á de menos razoamento,
aquela que está máis achegada ao agrado que ao desagrado, ao simple que ao
complexo. E isto é tan medible como que as nosas pupilas, ao igual que o
contador da luz das nosas casas, son un indicador do estado da nosa enerxía
mental, e din polo claro o que nos custa esforzarnos.
Coñecedor desta lei, de que somos
vagos, de que o noso cerebro tende a economizar enerxía, o investigador xudeu
Uri Gneezy propón que entre o deber e a preguiza custa menos obedecer que
decidir. Pensa que negociar con nós mesmos diante dun esforzo non é boa medida.
Acabamos sempre atopando escusas máis ou menos cribles, pero escusas que
retardan ou paralizan o que o esforzo esixe. Para lograr que a preguiza se
converta en aliada do esforzo, o camiño será o da orde que obriga, que se impón.
Das ordes incómodas primeiras pasamos aos costumes e ás leis, ás rutinas que se
nos fan máis cómodas que calquera deliberación. Se cada vez que nos atopamos
diante dun esforzo nos paralizamos na reflexión sobre a conveniencia,
beneficios e agrado da súa execución, o máis probable é que desistamos, que
acabemos por non facelo. O cerebro é experto en escusas para a vagancia. O
práctico será ordenar con firmeza: si ou si. Inicialmente poden ser necesarios
incentivos diante das primeiras ordes, pero unha vez convertidas en lei, os
incentivos resultan innecesarios, o incumprimento da rutina fai que nos
sintamos mal. Habituarnos a obedecer para esforzarnos, compensa.
Se houbese algo contra a
vagancia..., dicía o adolescente compunxido, impotente. Hai. Hábitos temperáns.
Ordes, incentivos, costume, lei. Repetición. Repetir nos anos primeiros aquelas
condutas desexables, convertelas en hábito para que sexan rutina, nada que
esixa razoamento nin deliberación para o seu cumprimento. Nos primeiros anos
créanse os hábitos básicos que dan as armas para se planificar, propor
obxectivos e contar con medios para alcanzalos. Un erro educativo frecuente,
tanto no medio familiar coma na escola,
soe pivotar arredor da enorme cantidade de obxectivos, plans, metas,
proxectos que se lle propoñen ao aprendiz, ao neno, ao estudante, sen caer na
conta de que o primeiro, o imprescindible e básico está en adquirir hábitos. O
deportista, o músico virtuoso, o científico curioso e laborioso, o artesán
meticuloso e que aprecia o traballo preciso, non se fan só – tamén- por soñar
con grandes metas, obxectivos magníficos. Conségueno fundamentalmente pola
cristalización de automatismos e sistemas de respostas que lles dan a fortuna
de ter a preguiza aliada do esforzo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.