Tarde. Chegamos tarde: políticos, diplomáticos,
empresarios, intelectuais (?), xornalistas... Por imprevisión, covardía,
complexos e comenencias, todos abdicamos, pechamos os ollos, nos enganamos,
confundimos e conformamos con que non ía ocorrer, nunca tería lugar tal
despropósito. Pero a ameaza transformouse en clamor e agora ninguén sabe como
pode rematar o chamado proceso catalán.
Agora si. Agora choven artigos de
historiadores, politólogos, economistas, expresidentes e exministros, e declaracións (suaves) de políticos
europeos, ata de Obama necesitando unha España unida, todos eles abrazando a
santa Bárbara porque trona. Uns acusan aos outros por mala pedagoxía, por erros
de cálculo, por debilidade e por inhibición. O certo é que todos – uns máis ca outros-
contribuíron neste proceso de envelenamento colectivo no que se embarca unha comunidade
co egoísta – se cadra práctico- obxectivo de confiar en que na separación se
agocha a salvación. Agora aparece Borrel aclarando que é falsa a comparación con
Alemaña sobre as balanzas fiscais, que o método elixido para encirrar á
poboación co sobado argumento de que o resto dos españois lles chupan as
alegrías non son máis ca malas contas e
contos chineses, pero tamén o lúcido expresidente do Parlamento Europeo chega
tarde. As malas sumas e as invencións tribais habería que retrucalas dende o
inicio. Coma dende hai moito debera a maquinaria diplomática apagar a máis
pequena das muxicas que puidese desprenderse das iluminadas mentes
secesionistas. Non foi por falta de indicios. Quen quixera puido contemplar os
seus fogos de artificios xa ao pouco do inicio da transición. A dirección, o
obxectivo final nunca estivo oculto para quen non quixese ou lle interesase
enganarse.
Certamente a meirande responsabilidade
non debera caer só sobre os políticos encargados de mal negociar co
nacionalismo durante os últimos anos. González, Aznar en grande medida,
Zapatero coma un campión, puxeron da súa parte o grao de mirada curta e
comenencia calculada coma para deixarlle a pendente de alta esixencia ao ciclista
dador de auga que é Rajoy, excitado ao tarde coa reforma exprés do
Constitucional. Todos propiciaron este desaguisado de desamor, tal e como
gustan os nacionalistas denominar as desavenencias que derivaron en solicitude de divorcio. E
poida que conseguiran o seu obxectivo elevando o conflito á imperiosa
necesidade dun divorcio. Eu hai anos que, aceptado que alcanzaron a súa meta,
propoño que xa só nos queda unha saída: buscar un divorcio o menos doloroso
posible para as dúas partes. Por suposto ningún político aceptaría tal
realidade, se por tanto tempo se andou con eufemismos e panos quentes negando a
evidencia, impensable sería aceptar que por mala xestión das relacións se
acabou en fractura irreconciliable. Mais os feitos non van contra a miña
hipótese. Por malas operacións fiscais coas que se sumase o rancor ou por
contos para non durmir cos que se estimulase o afán insolidario e separador, o
certo é que a pretensión enraizou fondo e será difícil contentar á metade dunha
poboación – a máis culta, a máis rica-
decidida a conquistar o que entenden por liberdade, como non sexa con
diferenzas e privilexios malos de soportar para o resto dos cidadáns do Estado.
E chegaron tarde tamén os comentaristas
serenos e fiables a descualificar agora a Mas con argumentos ad hominem.
Recordo perfectamente ler durante anos a eses mesmos articulistas gabando os
servizos do nacionalismo catalán á construción da democracia, ao sentido de
Estado de Pujol e seguidores, e ridiculizando os falsos perigos que algúns
entreviamos naquelas mordidas en incremento que ía supoñendo as escada para a
súa torre superior dende a que esixir e lamentarse e acabar por recriminar por
non se sentir amados. Expresouno moi ben, tamén tarde, Nicolás Redondo Terreros:
“Cuánto cálculo miope, cuánto miedo a la reacción clerical de un gupo que
dominaba con mano de hierro la sociedad catalana y que algunos en el resto de
España siempre creyeron legítimamente acreedor y, lo que es peor, adornado de
una superioridad que solo la ignorancia les prestaba”. Estráñame o elevado número de
comentaristas espantados, sorprendidos e alporizados pola tensa, temeraria,
louca e suicida decisión de Mas cando durante anos non viron como se ía poñendo
a mecha a esta bomba construída en parte pola narcotización permisiva que eles
mesmos inxectaban nas veas da opinión.
Agora ninguén sabe que sairá desta bola
fervendo. Ninguén se atreve, agás insistir en negar en que o temido non
ocorrerá, a prever as consecuencias. Todo indica que, por ben que resulte,
despois do 27 de setembro teremos que ir poñendo as bágoas a secar. Porque
alegrías non se albiscan. Por máis que se pospoñan ou disimulen, os pasos dos
divorcios sempre traen bágoas. Claro que, secadas as bágoas e pasado o período
de dó, cada quen pode refacer a súa vida. Lástima que, aínda perdendo sempre as
dúas, nalgúns casos unha das partes saia claramente favorecida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.