lunes, 28 de septiembre de 2015

VELAS A DOUS SANTOS

NESTA vitoria primeira dos independentistas cataláns levando a auga ao muíño da súa estratexia (que a votación do domingo se converta nun plebiscito de feito), a igrexa católica soubo manterse bastante á marxe. E non, creo, porque o papa Francisco aconselle máis atención á sociedade e menos veciñanza coa política, senón porque a súa aprendizaxe na perdurabilidade dálle ulido para navegar en augas turbulentas.
Escaldada daquel difícil malabarismo teolóxico inventado por Rouco de que a unidade de España era un ben moral, protéxese desta tormenta de declaracións nas intocables vaguidades que tanto serven para un roto coma para un descosido, a saber: amor a Cataluña; lexitimidade de todas as posicións políticas que se basean na defensa da dignidade inalienable das persoas e dos pobos; e petición de respecto dentro da pluralidade de ideas, opinións, conviccións e sentimentos. É dicir: pase o que pase, estaremos dispostos a adaptarnos, pensarán no Vaticano, coma se fose a primeira vez...
Certo que algo se mollaron pola independencia francotiradores coma Forcades (axiña comprobou que do convento á política hai un enramado de concertinas), Lucía Carem e ata un teólogo polaco da Gregoriana de Roma que acepta unha posible interpretación teolóxica favorable á autodeterminación. Anécdotas. O esencial son esas manifestacións formais etéreas que manteñen aos pastores en condicións de seguir ao seu rabaño aló onde se dirixa.
Os banqueiros (co moito que eles saben, aínda teñen algo que aprender da diplomacia da igrexa) aclaráronse unha miga máis, pero non tanto. Aposto a que coa boca pequena non desatenden á burguesía independentista polo que poda ocorrer. Polo pronto, a Isidre Fainé non se lle oíu nin palabra e teño entendido que pasará estes días en Washington. Comunicados de círculos de empresarios inferiores só serven para nadar entre dúas augas, pero nada garanten sobre a opción final do cartos gordos.
E iso sábeno ben os independentistas, de aí os réditos que acumulan cando intentan meterlles medo. A patria dos cartos, o maior beneficio, adáptase aló onde o ula. Por iso, por máis que a última hora, tarde mal e arrastro como todas as institucións, pareza que a banca estea tomando partido, non debería levar a engano. Ao estilo do Vaticano, estes banqueiros son expertos en acender velas a varios santos, de maneira que, gane quen gane, eles ganarán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.