Escoito a Thomas Quasthoff interpretando a Schubert.
Tamén o vexo nunha gravación en directo anulando con redonda e pulida voz a súa
deformación física. Lembro que fora o conservatorio de Hannover o que non o
admitira por problemas físicos antes de, a forza de tenacidade e clases
particulares, se converter nun mestre interpretando lieder, ópera e jazz. No
ano 2012 tivo que retirase das actuacións en directo debido aos problemas físicos
de nacemento reducindo a súa actividade só a impartir clase. Sábese cal foi a
causa de que nacese con graves deformacións físicas: a talidomida, un fármaco
que se lle receitaba ás embarazas arredor dos anos 50 do século pasado para
anular as náuseas propias do embarazo. Ademais dos mortos por esta causa, miles
de afectados coma el reclamaron en todo o mundo indemnizacións á empresa coa
patente e distribución deste fármaco, un poderoso laboratorio alemán
(Grünenthal). En Alemaña, Australia e Xapón, por exemplo, os enfermos recibiron
compensacións millonarias – póucalas grazas- polos graves danos. En España, sen
embargo, país no que se seguiu prescribindo durante dezaseis anos a maiores de
que xa se prohibise noutros, arredor de 300 afectados souberon o mércores que o
Tribunal Supremo rexeitaba o seu dereito a ser indemnizados. Dique prescribiu.
Só lles queda o Tribunal Constitucional e o Tribunal de Dereitos Humanos como última posibilidade despois de sesenta
anos de dor e loita. Non parece que o rexeite do Supremo careza de
xustificación xurídica (8 a 1 foi o resultado da votación do Pleno de la
Sala Civil), pero algo non funciona nun país cando nun caso así a lei está
de lado do gravísimo erro dun laboratorio fronte aos débiles afectados. Que ben
prescriben as falcatruadas dos poderosos!
Os afectados mostráronse, como é lóxico,
impotentes e desconcertados. Son poucos para pelexar contra un xigante de tal
poder. Tamén resultan insignificantes para a presión política, escaso voto que
sachar. Grünenthal, o laboratorio que se refuxia no legalismo e nas frías
formas, recorda que existen medios satisfactoriamente establecidos para que
todos aqueles afectados poidan beneficiarse de axudas económicas. Ata contan
coa Fundación Contergan para beneficiar a quen o solicite. Mais, segundo
escoito a un membro de Avite (Asociación de Víctimas de la Talidomida en
España), non deixa de ser unha burla, esixen, entre outras condicións
rigorosas, a presentación da receita e o botello do medicamento de hai
cincuenta anos. É unha broma? Quen de boa fe e sen malicia cínica pode esixir a
receita e botello do medicamento velenoso que
tomou súa nai durante o embarazo despois de tanto tempo?
Despois do acontecido coa firma de
automóbiles Volkswagen non estaría mal traído de todo un rir fácil con que non
só os países do sur somos informais e tramposos. A verdade é que hai trampas
alemáns que aos diarios sensacionalistas autóctonos encaixaríanlle mellor en
países coma Greza. Pero deixando de lado esta digresión simple, algo pasa coas
multinacionais que con tanto barullo de bandeiras e falsas identidades se nos
está esquecendo: son grupos de presión con tal poder que retorcen a letra da
lei ata que acaba do seu lado. Os laboratorios farmacéuticos gastan verdadeiras
fortunas nos centros de decisión política para algo. Que o TTIP (Tratado de
Libre Comercio entre a Unión Europea e os EE.UU.) se leve con tanto sixilo e
letra miúda non é casualidade. A democracia e a igualdade diante da lei corren
perigo de corrosión se non se establecen mecanismos de control ante estes
monstros sen cara nin nome nin alma nin pel que partillan en cuadrículas
minúsculas aos traballadores de carne e óso, para que cada un, irresponsable da
totalidade e evadido no seu, se dedique a perfeccionar a parte que dende o
despacho executor esixe o beneficio a
custe do que sexa. Empresas tan xigantescas
como despersonalizadas ocúpanse de triturar ao débil adaptando o dereito e a xustiza á súa letra
miúda. O gran problema da globalización é que os mellores profesionais, coma
sempre pero con máis capacidade e menos mala conciencia, están servindo de
maneira eficaz aos que intentan perverter a democracia e a lei ao seu favor.
Mentres Quasthoff segue fraseando coa
súa fermosa voz dentro do corpo malformado penso como contrarrestar unha
inxustiza que deixa tan impotente. Como van facer fronte estes 300 afectados á
invencible maquinaria legal do laboratorio ? Será porque un conserva certa
inxenuidade, pero serviría de algo se todas as farmacias de España se puxesen
de acordo e advertisen ao cliente, cando presente a receita dun fármaco do
laboratorio Grünenthal, que é este o mesmo que patentou e distribuíu a
Talidomida e leva anos pelexándose cos afectados, refuxiándose en legalismos e
artimañas, pedíndolles a recita e o
botello do veleno que tomou súa nai, para non indemnizalos? Claro que o Estado
tampouco podería lavarse as mans, pero xa sería tema doutro artigo. O dito:
será legal o rexeitamento do Supremo, pero este
país (este mundo) así non vai ben.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.