lunes, 21 de septiembre de 2015

SATURACIÓN DE NOVAS

HAI días nos que un non sabe sobre que escribir por quedar completamente seco, sen unha triste idea. Outros, coma o de hoxe, nos que queda atrancado por saturación e non sabe por onde tirar. Intento centrarme nas razóns polas que os amigos dos pitos se enfurecen co futbolista Piqué e concordo con Llamazares en que, os mesmos que rachan os vestidos e choran bágoas amargas diante deste rebumbio inxustificado, son que pitaban a un Rei e un himno mentres o seu presidente Mas ría con orgullo. Pero deseguida sei que dona Letizia pasará o día no que cumpre 43 anos á beira de Michelle Obama, éxito sen dúbida para calquera presentadora de televisión que teña altas miras, e considero que tampouco debería pasar inadvertido. Mais, non centrado se laretando con nimiedades debo continuar, tamén chega a min a nova de que Ramoncín regresa aos escenarios, e comprendo que iso si é noticia digna dun artigo serio e con iso, onde vai que o rei do polo frito exercía de todo menos de cantador, porque cantante ninguén dubida que o é de categoría.
Non contente con tanta información, dos EEUU de América chegan fotos frescas do Nobel Llosa coa súa amada de Porcelanosa, algo que sempre distrae e dá que falar a pesar de que xa o asunto decline en tanta frecuencia que vai perdendo forza. E nestas, a un que leva escrito dende tempos vellos sobre a inutilidade do Senado, sorpréndeo que o Pequeno Nicolás, aquel que parecía desaparecido e gastado, regresa disposto a ser o cabalo de Troia que dinamite dende dentro a cámara alta. Como para pensar se non será mellor que continúe sendo residencia da terceira idade para políticos acabados. Pero se a indecisión me invadía e non me permitía progresar, velaí que sei por adianto de noticia moi prezada para o próximo luns, que o presidente do Goberno confesa a unha hábil xornalista que tódalas mañás pelexa pola prensa deportiva co seu fillo. Mariano contra Mariano polo Marca. Reportaxe de televisión que lles adianto dará moito que falar, como xa o deu que Pablo Iglesias lle ensinase a cociña da avoa á mesma xornalista e que Elvira Lindo escribise un artigo igual de provocador sobre o primeiro polvo e os mobles da tía avoa, algo tan fondo e críptico que aínda non dei desentrañado. En fin, que a saturación é tanta que lles deixo o abano para que vostedes elixan e se informen en profundidade segundo as súas preferencias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.