domingo, 12 de junio de 2011

MORRER COMA UN RÍO

José L. Sampedro responde hoxe ás preguntas do dominial dun xornal de Madrid. Cos seus 94 anos demostra unha vez máis o poder da reflexión. En contra das tres palabras que parecen a esencia desta sociedade: productividade, competitividade e innovación, el propón: vitalidade, cooperación e creación. Palabras que non levan a converter todo en mercancía senón que van detrás dun progreso humano no que desaparezan as loitas, nas que nos entendamos e na que a liberdade non sexa a de uns cantos, a liberdade ha de ser para todos ou non é. Entrevista interesante que merece lela con calma para pensar.
Con todo,  de  canto di, quédome con isto: El río trisca montaña abajo, luego se remansa, y llega un punto, como estoy yo, en que acaba. Mi ambición es morir como un río, ya noto la sal. 

TRAXEDIA GREGA

A proba de que Rubalcaba é o único que neste momento pode inquietar algo ao PP está na rabia coa que os columnistas máis achegados ao partido da gaivota se lanzaron contra el. Xa comezaran a quecer motores antes da admisión pública da súa candidatura, pero en canto se confirmou, como a unha soa orde de disparo a matar, as plumas máis molladas en saña iniciaron a campaña de desprestixio programada contra ao que eles gustan chamar Fouché. As críticas, das máis suaves ás máis acedas, puideron lelas igual ca min: que se realiza manobras sucias na escuridade desde hai vinte de anos, que andou nas cloacas máis cheirentas do GAL, que protexeu a Felipe González nos seus peores momentos, que andou en tratos cínicos cos da ETA, que é a traidor ata dentro do seu mesmo partido, que foi cómplice de Zapatero nas súas peores decisións, que causou o deterioro tan triste da educación en España ao promover a LOGSE, en fin, ata se rebaixaron ás críticas menos elegantes con iso de que, ademais de vello e amarrado, non é moi agraciado. Por suposto que para quen leva tantos anos de vida política sen respiro non é difícil atoparlle eivas na súa actuación. E Rubalcaba sen dúbida ten as súas, aínda así, neste momento, atrévome a ser categórico por unha vez: non hai político en España da súa talla. Como parlamentario non atopa contrincante. A súa oratoria é de argumento fino, racional, pausada e crible. Pode un coincidir ou non cos seus argumentos, pero quen con el debate sabe que se expón a razóns poderosas, a ironía elegante e nervios da flexibilidade dun vimbio. Falta o primeiro debate parlamentario no que o vise perdido, falto de reflexos, sen ideas, sen saídas ou escapes intelixentes, iso que en moitas ocasións véselle que non está precisamente descansado. Tanto ten que o asunto se refira a terrorismo, educación ou economía, os seus razoamentos están sempre ben fiados, racionais, sen miga de populismo ou simplezas baleiras das que estamos afeitos a escoitar. Tanto é así, que mesmo nos mitins, o lugar menos adecuado para a reflexión e a calma, o discurso de Rubalcaba resiste e sostén a seu equilibrio aínda estando rodeado de bandeiras, slogans e berros de campo de fútbol. Porque é sobre todo un comunicador cun equilibrio exquisito. Manexa os tempos na exposición, regula a cantidade de información, utiliza as comparacións cunha pedagoxía de auga limpa, sabe manter silencio cun respecto exemplar e domina a firmeza sen perder a calma. E se a estas dotes de comunicación lle engadimos as probadas mostras de negociador incansable ou como executor de medidas drásticas cando non queda máis remedio, estamos diante dun político de incontestable valía ao que non me estraña que os seus rivais teman. Barreno, sen embargo, en dúas cuestións que non me quedan claras. A primeira é se manterá idénticas habilidades sendo a cabeza á que disparan tódolos dardos. Ata o de agora manexouse en segundos planos, de negociador e salvador de presidentes. Remexer tras de onde se vende a mercancía resulta ás veces máis vistoso que aparecer diante do público. Responderá con idéntica soltura dando o salto a ser o referente para tódolos ataques? Manterá idéntico sangue frío recaendo sobre el o peso de toda a infantería e artillería do contrario? Esa é a primeira interrogante. A segunda: o porqué. Por que, coas tristes perspectivas electorais referentes ao seu decaído partido, que el non descoñece, estou seguro, se atreve a ir case directo ao matadoiro? Que plan pode agochar para os próximos dez meses un político desta categoría? Confía realmente en poder darlle a volta á tendencia ou, aínda non ganando, meter en apuros a Rajoy? Se realmente non se move por outra oculta razón e a súa intención é opoñer resistencia nun combate que parece estar perdido, non me estraña que no PP se lancen a degolo detrás del. Non as terán todas consigo. A calquera non lle tremen as pernas, que veña alguén a última hora, tendo a victoria no papo, a escaravellar que aínda non está ganada a batalla. De producirse tal sorpresa, non me cabe a menor dúbida de que estariamos diante dunha catástrofe de dimensión grega. Unha auténtica traxedia para Rajoy e os seus. Lembro a imaxe que o líder do PP e a súa muller ofrecían no balcón de Génova a noite das últimas eleccións perdidas. Se, contra todo prognóstico, Rubalcaba fose capaz de facelo tremer na última hora, xa non digamos perder, nas próximas eleccións que xa todos da por ganadas, non quero caer no pésimo gusto de mal arremedar a Esquilo ou Sófocles, pero na noite electoral, por favor, os bombeiros e servicio do SAMUR que estean aleutos, desde o balcón de Génova pode ocorrer calquera desgraza.

lunes, 6 de junio de 2011

NUNCA TE VIN CHORAR



Disimulen. Non é de moi bo gusto, xa o sei, pero fai agora un ano que saíu publicada a miña última novela Nunca te vin chorar. Hoxe, vendo este vídeo, regresei a aquel momento, antes aínda, durante a súa escritura , e revivín os momentos con Gloria Inés enchoupada  con esta música mentres coidaba e recuperaba a súa vida apegada á de Wilson Valderrama. Hai músicas que ao escoitalas me conducirán inevitablemente a determinadas historias. O Liebestod de Wagner, Jessye Norman e Karajan sempre me farán desembocar en Nunca te vin chorar.

CUSPIR ODIO

Friedrich Reck, en Diario de un desesperado, escribe: Pienso odio, me acuesto con odio, sueño odio para despertar con odio. Analizando as condutas últimas de algúns políticos parece coma se beberan do pensamento de Reck, coma se cuspiran odio.

domingo, 5 de junio de 2011

UNHA CIDADE CON ESTILO

De todos cantos resultados electorais se deron o pasado día 22, o que certificou o apoio evidente ao equipo de goberno do BNG de Pontevedra foi o máis rico para as interpretacións e o máis estimulante para que aprendan outros gobernos. O máis gratificante desde o punto de vista democrático é a comprobación de que os cidadáns, cando se ofrece un proxecto claro e resistente á crítica puramente electoralista, independentemente de prexuízos, agás posicións ríxidas moi cristalizadas, saben recoñecer e recompensar o que os beneficia. Pontevedra é unha cidade que en eleccións xerais e autonómicas vota máis decididamente ao PP, pero nas municipais, a pesar de temores e desconfianzas iniciais, o votante foise convencendo de que a alianza entre BNG e PSOE aportou á cidade os mellores proxectos en anos e conseguiu que despegase no exterior como nunca se acordaba. Despois de tres lexislaturas, o equipo, lonxe de se queimar ou espantar a votantes moderados, foi limando tics ideolóxicos pouco eficaces ou impacientes para adaptarse de maneira máis pausada e práctica a un sector máis amplo, que incluso o levou a raspar algúns votos entre votantes de dereitas. A razón está á vista: souberon darlle un estilo á cidade, colleron unha liña de actuación, realizaron pedagoxía sobre ese estilo e os feitos confirmaron que, cos defectos que poida ter, ninguén ofrece modelo máis atractivo, moderno e saudable para os seus habitantes.Non é tampouco, non esaxeremos, que se descubrirse nada non visto noutras cidades europeas, pero o maior mérito reside en, unha vez interiorizadas as liñas mestras, seguilas con determinación, paciencia, e explicacións . Agora Pontevedra é unha cidade na que os espazos están ao servizo dos cidadáns. Transformar as rúa en lugares para o paseo, a bicicleta, bancos (para o descanso), terrazas e lugares de encontro virou a súa imaxe. Os de fóra poida que teñan – cada vez menos- dificultade para chegar co coche á Peregrina, pero unha vez que se esquecen del aprecian de veras o que é camiñar, deixar soltos os nenos, parar con calma onde apeteza, dialogar ou sentarse nunha terraza. A cidade está pensada para andar, para comunicarse, para atoparse cos outros. Paulatinamente o conxunto estético foi adquirindo unidade e vai acaendo dentro do magnífico casco vello que moitos de fóra comezaron a descubrir grazas á enorme transformación realizada nestes anos. Se a isto lle unimos que o estilo se vai estendendo aos barrios e que o río está adquirindo o peso no conxunto que nunca debera perder, así se explica que os votantes prefiran que se continúe mellorando este estilo ben definido e que pode converter a Pontevedra nunha xoia para os que a habitan e para os que non queren pasar sen visitala. Nada tivo que ver o PSOE nesta transformación? Sería inxusto admitilo así. Colaborou e aportou esforzo e tempero en parte do éxito que agora recolle o equipo de Lores. Que non soubesen sacar renda electoral do seu traballo é culpa do seu partido e as súas difíciles circunstancias, de ninguén máis. Espero que na colaboración imprescindible entre os dous partidos para seguir con este estilo de cidade, eviten os ganadores o perigo da soberbia. Sen deixar de felicitar aos que posibilitaron este progreso para a cidade, non me resisto a manifestar a miña desconfianza ante algo que a moitos lles parecerá unha teima particular e sen embargo considero esencial: os equipos deben renovarse. Non por nada concreto e moito menos persoal contra o líder M. Anxo F. Lores ou calquera do seu equipo, pero non son partidario de que os cargos públicos se eternicen. Debería estar atento o novo rexedor a esta advertencia: cando se exerce continuadamente o poder, os vicios silencios son un cancro que non manifesta síntomas ata cando xa está en metástase. Por suposto que para nada desexaría algo semellante a quen hoxe goza da euforia dunha magnífica saúde política.

QUEN FAI CHORAR AOS MERCADOS?

COMENTOUNO Rafael Argullol e ten razón: estamos atrapados polos sentidos, conduta e sentimentos dos mercados. Os mercados desanímanse, fanse caprichosos, temen, foxen, chantaxean, olen, castigan, ameazan, avisan, afogan. De tanto que nos deixamos ir cara ó peso da economía, abrázannos agora as gadoupas iradas, desconfiadas ou traidoras dos mercados. De tal maneira que a cada paso estou máis convencido de que quen debería ocuparse do seu funcionamento debería ser Antonio Damasio e non Paul Krugman, pois é nas emocións de fondo, nos seus estados de ánimo como podemos prever a nosa seguridade; é nas súas emocións primarias, no seu medo, ira, noxo, sorpresa ou na súa tristeza que debemos tranquilizarnos ou angustiarnos; é nas emocións sociais de turbación, vergonza, orgullo, celos, envexa, admiración, indignación e desdén onde se xoga a vida dos cidadáns. Certo que existen emocións de tipo social como a culpabilidade e a gratitude que parece non lle acaen moi ben, será que a oxitocina e a vasopresina aínda non se segregan nos centros financeiros de Nova York, Shangái ou Londres, pero se exceptuamos estas, o resto das emocións son todas aplicables á lei dos mercados.
Se, como demostran os estudos máis fiables, as emocións e sentimentos desempeñan un papel moi importante na toma de decisións, ao que haberá que estar atentos será ás emocións máis habituais e aos sentimentos de fondo por parte dos mercados. E o que senten non o ocultan: medo, desconfianza, ira, tristeza e desánimo son as manifestacións máis frecuentes respecto ao noso país. Así, se esbirra unha axencia de cualificación de risco, inmediatamente o corpo dos mercados reflicte o malestar de maneira visible e dolorosa. O malo é que ninguén mantén contacto físico con eles. Cando a alguén se lle di: ti es dos mercados, négao categoricamente e ao sumo admite que el só é un operario, un experto, un investidor, un benfeitor social, un creador de emprego, un obseso do traballo. Ninguén aceptar formar parte do corpo dos mercados, como se foran puro nominalismo inventado para amedrentar os incautos cidadáns. Por iso se fai duro negociar con eles, suplicarlles ou enfrontárselles. Como podes tratar con alguén que non dá mostras de existir nada máis que cando recibes os seus efectos? Si, escoitamos, os mercados andan ansiosos, inquedos, fuxidíos, inseguros. Pero cando queremos calmalos, darlles confianza e paz, ninguén aparece. Eu quixera ver un día como choran os mercados, sería a hora de consolalos e verlles a verdadeira cara. Mais, quen os fai chorar?

miércoles, 1 de junio de 2011

NON TODO VAI SER SCHUBERT

Certo que a Quasthoff nada lle vai mellor ca Schubert. Tampouco desentoa entre o oboe celestial que trae á terra J.S. Bach en Ich habe genug. Pero para Quasthoff non hai límites.