A proba de que Rubalcaba é o único que neste momento pode inquietar algo ao PP está na rabia coa que os columnistas máis achegados ao partido da gaivota se lanzaron contra el. Xa comezaran a quecer motores antes da admisión pública da súa candidatura, pero en canto se confirmou, como a unha soa orde de disparo a matar, as plumas máis molladas en saña iniciaron a campaña de desprestixio programada contra ao que eles gustan chamar Fouché. As críticas, das máis suaves ás máis acedas, puideron lelas igual ca min: que se realiza manobras sucias na escuridade desde hai vinte de anos, que andou nas cloacas máis cheirentas do GAL, que protexeu a Felipe González nos seus peores momentos, que andou en tratos cínicos cos da ETA, que é a traidor ata dentro do seu mesmo partido, que foi cómplice de Zapatero nas súas peores decisións, que causou o deterioro tan triste da educación en España ao promover a LOGSE, en fin, ata se rebaixaron ás críticas menos elegantes con iso de que, ademais de vello e amarrado, non é moi agraciado. Por suposto que para quen leva tantos anos de vida política sen respiro non é difícil atoparlle eivas na súa actuación. E Rubalcaba sen dúbida ten as súas, aínda así, neste momento, atrévome a ser categórico por unha vez: non hai político en España da súa talla. Como parlamentario non atopa contrincante. A súa oratoria é de argumento fino, racional, pausada e crible. Pode un coincidir ou non cos seus argumentos, pero quen con el debate sabe que se expón a razóns poderosas, a ironía elegante e nervios da flexibilidade dun vimbio. Falta o primeiro debate parlamentario no que o vise perdido, falto de reflexos, sen ideas, sen saídas ou escapes intelixentes, iso que en moitas ocasións véselle que non está precisamente descansado. Tanto ten que o asunto se refira a terrorismo, educación ou economía, os seus razoamentos están sempre ben fiados, racionais, sen miga de populismo ou simplezas baleiras das que estamos afeitos a escoitar. Tanto é así, que mesmo nos mitins, o lugar menos adecuado para a reflexión e a calma, o discurso de Rubalcaba resiste e sostén a seu equilibrio aínda estando rodeado de bandeiras, slogans e berros de campo de fútbol. Porque é sobre todo un comunicador cun equilibrio exquisito. Manexa os tempos na exposición, regula a cantidade de información, utiliza as comparacións cunha pedagoxía de auga limpa, sabe manter silencio cun respecto exemplar e domina a firmeza sen perder a calma. E se a estas dotes de comunicación lle engadimos as probadas mostras de negociador incansable ou como executor de medidas drásticas cando non queda máis remedio, estamos diante dun político de incontestable valía ao que non me estraña que os seus rivais teman. Barreno, sen embargo, en dúas cuestións que non me quedan claras. A primeira é se manterá idénticas habilidades sendo a cabeza á que disparan tódolos dardos. Ata o de agora manexouse en segundos planos, de negociador e salvador de presidentes. Remexer tras de onde se vende a mercancía resulta ás veces máis vistoso que aparecer diante do público. Responderá con idéntica soltura dando o salto a ser o referente para tódolos ataques? Manterá idéntico sangue frío recaendo sobre el o peso de toda a infantería e artillería do contrario? Esa é a primeira interrogante. A segunda: o porqué. Por que, coas tristes perspectivas electorais referentes ao seu decaído partido, que el non descoñece, estou seguro, se atreve a ir case directo ao matadoiro? Que plan pode agochar para os próximos dez meses un político desta categoría? Confía realmente en poder darlle a volta á tendencia ou, aínda non ganando, meter en apuros a Rajoy? Se realmente non se move por outra oculta razón e a súa intención é opoñer resistencia nun combate que parece estar perdido, non me estraña que no PP se lancen a degolo detrás del. Non as terán todas consigo. A calquera non lle tremen as pernas, que veña alguén a última hora, tendo a victoria no papo, a escaravellar que aínda non está ganada a batalla. De producirse tal sorpresa, non me cabe a menor dúbida de que estariamos diante dunha catástrofe de dimensión grega. Unha auténtica traxedia para Rajoy e os seus. Lembro a imaxe que o líder do PP e a súa muller ofrecían no balcón de Génova a noite das últimas eleccións perdidas. Se, contra todo prognóstico, Rubalcaba fose capaz de facelo tremer na última hora, xa non digamos perder, nas próximas eleccións que xa todos da por ganadas, non quero caer no pésimo gusto de mal arremedar a Esquilo ou Sófocles, pero na noite electoral, por favor, os bombeiros e servicio do SAMUR que estean aleutos, desde o balcón de Génova pode ocorrer calquera desgraza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.