COMENTOUNO Rafael Argullol e ten razón: estamos atrapados polos sentidos, conduta e sentimentos dos mercados. Os mercados desanímanse, fanse caprichosos, temen, foxen, chantaxean, olen, castigan, ameazan, avisan, afogan. De tanto que nos deixamos ir cara ó peso da economía, abrázannos agora as gadoupas iradas, desconfiadas ou traidoras dos mercados. De tal maneira que a cada paso estou máis convencido de que quen debería ocuparse do seu funcionamento debería ser Antonio Damasio e non Paul Krugman, pois é nas emocións de fondo, nos seus estados de ánimo como podemos prever a nosa seguridade; é nas súas emocións primarias, no seu medo, ira, noxo, sorpresa ou na súa tristeza que debemos tranquilizarnos ou angustiarnos; é nas emocións sociais de turbación, vergonza, orgullo, celos, envexa, admiración, indignación e desdén onde se xoga a vida dos cidadáns. Certo que existen emocións de tipo social como a culpabilidade e a gratitude que parece non lle acaen moi ben, será que a oxitocina e a vasopresina aínda non se segregan nos centros financeiros de Nova York, Shangái ou Londres, pero se exceptuamos estas, o resto das emocións son todas aplicables á lei dos mercados.
Se, como demostran os estudos máis fiables, as emocións e sentimentos desempeñan un papel moi importante na toma de decisións, ao que haberá que estar atentos será ás emocións máis habituais e aos sentimentos de fondo por parte dos mercados. E o que senten non o ocultan: medo, desconfianza, ira, tristeza e desánimo son as manifestacións máis frecuentes respecto ao noso país. Así, se esbirra unha axencia de cualificación de risco, inmediatamente o corpo dos mercados reflicte o malestar de maneira visible e dolorosa. O malo é que ninguén mantén contacto físico con eles. Cando a alguén se lle di: ti es dos mercados, négao categoricamente e ao sumo admite que el só é un operario, un experto, un investidor, un benfeitor social, un creador de emprego, un obseso do traballo. Ninguén aceptar formar parte do corpo dos mercados, como se foran puro nominalismo inventado para amedrentar os incautos cidadáns. Por iso se fai duro negociar con eles, suplicarlles ou enfrontárselles. Como podes tratar con alguén que non dá mostras de existir nada máis que cando recibes os seus efectos? Si, escoitamos, os mercados andan ansiosos, inquedos, fuxidíos, inseguros. Pero cando queremos calmalos, darlles confianza e paz, ninguén aparece. Eu quixera ver un día como choran os mercados, sería a hora de consolalos e verlles a verdadeira cara. Mais, quen os fai chorar?
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.