domingo, 5 de junio de 2011

UNHA CIDADE CON ESTILO

De todos cantos resultados electorais se deron o pasado día 22, o que certificou o apoio evidente ao equipo de goberno do BNG de Pontevedra foi o máis rico para as interpretacións e o máis estimulante para que aprendan outros gobernos. O máis gratificante desde o punto de vista democrático é a comprobación de que os cidadáns, cando se ofrece un proxecto claro e resistente á crítica puramente electoralista, independentemente de prexuízos, agás posicións ríxidas moi cristalizadas, saben recoñecer e recompensar o que os beneficia. Pontevedra é unha cidade que en eleccións xerais e autonómicas vota máis decididamente ao PP, pero nas municipais, a pesar de temores e desconfianzas iniciais, o votante foise convencendo de que a alianza entre BNG e PSOE aportou á cidade os mellores proxectos en anos e conseguiu que despegase no exterior como nunca se acordaba. Despois de tres lexislaturas, o equipo, lonxe de se queimar ou espantar a votantes moderados, foi limando tics ideolóxicos pouco eficaces ou impacientes para adaptarse de maneira máis pausada e práctica a un sector máis amplo, que incluso o levou a raspar algúns votos entre votantes de dereitas. A razón está á vista: souberon darlle un estilo á cidade, colleron unha liña de actuación, realizaron pedagoxía sobre ese estilo e os feitos confirmaron que, cos defectos que poida ter, ninguén ofrece modelo máis atractivo, moderno e saudable para os seus habitantes.Non é tampouco, non esaxeremos, que se descubrirse nada non visto noutras cidades europeas, pero o maior mérito reside en, unha vez interiorizadas as liñas mestras, seguilas con determinación, paciencia, e explicacións . Agora Pontevedra é unha cidade na que os espazos están ao servizo dos cidadáns. Transformar as rúa en lugares para o paseo, a bicicleta, bancos (para o descanso), terrazas e lugares de encontro virou a súa imaxe. Os de fóra poida que teñan – cada vez menos- dificultade para chegar co coche á Peregrina, pero unha vez que se esquecen del aprecian de veras o que é camiñar, deixar soltos os nenos, parar con calma onde apeteza, dialogar ou sentarse nunha terraza. A cidade está pensada para andar, para comunicarse, para atoparse cos outros. Paulatinamente o conxunto estético foi adquirindo unidade e vai acaendo dentro do magnífico casco vello que moitos de fóra comezaron a descubrir grazas á enorme transformación realizada nestes anos. Se a isto lle unimos que o estilo se vai estendendo aos barrios e que o río está adquirindo o peso no conxunto que nunca debera perder, así se explica que os votantes prefiran que se continúe mellorando este estilo ben definido e que pode converter a Pontevedra nunha xoia para os que a habitan e para os que non queren pasar sen visitala. Nada tivo que ver o PSOE nesta transformación? Sería inxusto admitilo así. Colaborou e aportou esforzo e tempero en parte do éxito que agora recolle o equipo de Lores. Que non soubesen sacar renda electoral do seu traballo é culpa do seu partido e as súas difíciles circunstancias, de ninguén máis. Espero que na colaboración imprescindible entre os dous partidos para seguir con este estilo de cidade, eviten os ganadores o perigo da soberbia. Sen deixar de felicitar aos que posibilitaron este progreso para a cidade, non me resisto a manifestar a miña desconfianza ante algo que a moitos lles parecerá unha teima particular e sen embargo considero esencial: os equipos deben renovarse. Non por nada concreto e moito menos persoal contra o líder M. Anxo F. Lores ou calquera do seu equipo, pero non son partidario de que os cargos públicos se eternicen. Debería estar atento o novo rexedor a esta advertencia: cando se exerce continuadamente o poder, os vicios silencios son un cancro que non manifesta síntomas ata cando xa está en metástase. Por suposto que para nada desexaría algo semellante a quen hoxe goza da euforia dunha magnífica saúde política.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.