lunes, 31 de diciembre de 2012

EXAME DE CONCIENCIA


REALIZAR un balance do fin de ano non é moda presente. O asunto da revisión interna vén de vello, polo menos no meu caso. A min afixéronme desde neno aos exames de conciencia diarios, quincenais, mensuais, trimestrais, semestrais e anuais. Como deducirán, moi controlada a conciencia, o que non supón que un poda durmir sempre con ela tranquila. Pero o certo é que aos da miña xeración cargáronnos con exceso de vixilancia interior, o que repercute probablemente nunha regular saúde mental, porque nin tanto nin tan pouco, pois se hoxe se acusa a algúns de laxitude, antes caiamos nunha represión estrita que pouco colaboraba en medrar ben.
Todo isto vén a conto porque acórdame que, sendo aínda ben pequecho, realizando un balance interno de fin de ano, non daba atopado nada positivo que meter no meu saco de virtudes. Remiraba mes a mes no meu comportamento e só encontraba aspectos cos que encher o saco das falcatruadas, arroutadas, desgustos a meus pais e reprensións dos meus superiores. Pero, que fixera de bo naquel ano, nada había do que se sentir orgulloso despois de 365 días? E remoía na conciencia, pero nada. Canto máis ía detrás de algo digno de louvanza, máis motivos me asaltaban para o castigo. Así foi que chegou a noite do día 31, e cando todos na casa se afanaban por celebrar coa maior ledicia o remate do ano, a min consumíame a tristeza de non dar con méritos suficientes para poder acabalo en paz. Tan evidente debía ser a miña tristeza, que miña nai non se andou pola ramas: a ti que che pasa, estás bobo ou que? Nada, que era o que respondía sempre cando non quería responder. Como que nada?, insistía miña nai que penetraban en min sen necesidade de me mirar. Sentín vergonza e tratei de ocultar a razón da miña pena. Pero como cando unha nai quere saber algo, sábeo, gurrou e admitino: é que non atopo unha triste cousa boa en min no ano que remata. Non a farías, bobo, para o próximo compórtate mellor, e agora cambia de cara e deixa de pintar a mona (miña nai non é das que se apiadan dos que se compadecen de si mesmos). E non me quedou outra que rir se quixen. Iso si, cerca da media noite, arrimoume contra si diante de todos e fíxose cómplice comigo: vén aquí, pasmonciño, que che vou dicir algo que fixeches moi ben este ano. Achegou os seus labios ao meu oído e díxomo. E era certo, había algo que fixera moi ben. Feliz ano.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

O MEXILLÓN XUSTICEIRO

Escribía hai un días Almudena Grandes felicitando o Nadal a todos menos aos culpables da crise e aos corruptos. Para estes pedía unha ostra xusticeira que os castigase como se merecen. Miren por onde, eu que son funcionario recortado sen misericordia, que pago os meus impostos sen posibilidade de escapatoria e incapacitado absoluto para mover unha folla do castelo de naipes que é esta economía, vén un mexillón xusticeiro e traidor e abáteme na cama deixándome sen forzas nin ánimo para nada. Pero as miñas calamidades non comezaron así. Como a un lle ensinaron que vale máis previr que lamentar, ao tempo xusto recomendado polo meu dentista fun á revisión pertinente. Adianto que non padecía dor de ningunha clase, só un pequeno burato onde ás veces quedaba algo de comida. Comprobado polo especialista o estado da miña boca decidiu que, para mellor perfección e prevención, non viría mal cubrir ese oco. Acepto presuposto e día e alá me presento á cita correspondente. A reparación comezou de maneira distinta a como era habitual coa miña antiga dentista, que sempre me explicaba en que consistiría o traballo, indicaba o proceso polo pormenor e avisaba que, diante da menor molestia, erguese a man esquerda. Este nada. Bos días e “abra a boca; máis!”. Por tres veces sentín a picadura fina para me anestesiar e axiña souben que nesa zona non sentiría nada . Mais no curso da operación notei que as mans eran duras, torpes, descoidadas, irrespectuosas. Fóra da área anestesiada recibía beliscos, tiróns e golpes dos trebellos eléctricos de maneira innecesaria. “Abra máis, máis” eran as únicas palabras que saían da boca do especialista que xa eu convertera en barbeiro ao estilo da literatura do século de ouro. Exercitando a miña capacidade de sufrimento fun quen a aguantar a que o barbeiro rematase a súa dolorosa obra de recheo na moa. Sentín un alivio enorme ao saír pola porta da consulta. Pero durou pouco. Morto o efecto da anestesia, a pel interna trillada e chea de beliscos era unha dozura ao lado da dor lancinante que subía desde a moa á cabeza. Aí comezou o meu doce Nadal. Imaxinen o día de noiteboa reparando esa avaría. Menos mal que son de bo contente, pensei que así comería menos e non sufriría problemas de estómago. Erro maiúsculo. En pleno proceso curativo, ocórreseme comer o mexillón xusticeiro e quero ser o suficientemente delicado para aforrarlles as consecuencias que se derivaron. Se a cada un dos culpables da crise lle tocasen sete ou oito intoxicacións similares e lle fixesen xurar que nunca máis especularían, enganarían e desprezarían ao homes polo mero beneficio inmediato, seguro que algún se reformaba. Pero xa ven, a xustiza actúa como lle cadra. Cébase nun simple funcionario. Pero é que antes de chegar a este final, aínda houbo máis. Tal vez abobado polos antibióticos e o exceso de calmantes, sen explicación fácil, un antes de xantar atópome que me faltan as gafas. Estarán no coche, deixaríaas na outra chaqueta, quedarían enriba de mesa... Non. Perdéronse. Con resignación aceptei que calquera pode perder unhas gafas. Aproveitei para revisar a vista e mercar unha novas. Un regalo de Nadal. Tampouco se vai afogar un nun vaso de auga. Así pois, coa moa a medio arranxar, cargado de calmantes, encargadas unha gafas novas, disposto a non permitir que as circunstancias me estragasen as festas, viaxo tranquilo e sen présa o día de noiteboa para cear coa familia. Chovía moito e decidín conducir con moita prudencia. Puxera música clásica para me esquecer do malestar permanente da moa e non lle dar máis importancia a unha simple perda de gafas. Pero nestas, xúrelles que así foi, veume á cabeza: agora só faltaría que fallase o coche. Nin tres minutos. De súpeto, tres alarmas luminosas acéndese no cadro de mandos. Repaso o libro de usuario e de maneira categórica ameaza que se aparecese un dos indicadores que aparecía debía parar inmediatamente e non circular, pois corría o perigo de romper o motor. Que lles parece que fixen? Non. Non me cabreei. Chamei a grúa e decidín que en min non mandaban as circunstancias adversas. Por algo así ía a perder a ledicia do día de noiteboa? Claro que o mal aínda estaba por chegar. O día propio de Natal espertei coma se comese un boi, ao longo do día as molestias adquiriron ton insoportable, e, entre a moa e o mal completo do meu corpo, esquecinme do coche, das gafas e de calquera penalidade. Prometín que non entraría en detalles da intoxicación e non o farei. Pero imaxinen o peor. Agora, levemente relaxado, a base de moito líquido e paciencia, escríbolles esta felicitación de aninovo porque sería moi inxusto que lles fixese pagar polos meus males. Comparto a idea de Almudena Grandes: felicidade e mellor ano para os traballadores, para os heroes diarios, para os que loitan pola educación e unha sanidade gratuítas, para os honrados e os que sofren. Para os corruptos e culpables, que os hai, como mínimo un mexillón xusticeiro.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

miércoles, 26 de diciembre de 2012

ULIDO A BEBÉ


TEN razón o amigo de Comte-Sponville cando di que un bebé é coma a auga: acaba por invadir e ocupar todos os espazos dispoñibles. A súa fraxilidade e dependencia absolutas reclaman a atención dos seus coidadores a toda hora e sen límite. Só lle podemos dar, entregarnos máis e máis, eles non se fartan de pedir e tomar. Arrolalo, lavalo, mimalo, limpalo, quentalo, alimentalo, acariñalo... Todo é pouco para ese bebé que, aínda xa durmindo e sereno, esixe que o miremos a cada paso por se respira a compás, está retorto, algunha engurra o pode magoar, a temperatura das mans e as meixelas é a idónea. A súa indefensión e fraxilidade piden sen taxa. A nai, o pai, quen o coida, quere dunha maneira tan entregada, antes de que responda cun mínimo sorriso, antes de que nos queiran algo, antes de case existir, quérese tanto aos bebés que é certo, como di o filósofo francés citado, que talvez sexa o amor máis achegado ao divino, á santidade.
Pensaba nisto mentres axudaba con discreción ao proceso de bañar á miña neta. Ela tan feita e aleuta, tan necesitada das mans quentiñas, das palabras coma berces que arrolan, da serenidade doce e morna que dá o cariño, ese que agroma sen control diante dun corpo tan pequechiño. A maneira como se lle retiran as pezas de roupa, os movementos preparativos, coller entre as mans ese corpo marabilla da natureza para depositalo na auga á temperatura ideal, deixar que espoldrexe descubrindo a forza das súas pernas, a mobilidades das súas mans, estenderlle a auga polo peito, nos ombreiros, bautizala con tenrura suma para que non se sorprenda nin amedrente... Despois envolvela na toalla sedosa e doce, apertala con suavidade para que non teña frío nin medo, deitala a modiño, non sexa que quebre coma un vidro, e, ben seca, aceitala, hidratala, cubrila de perfume e caricias para vestila outra vez e continúe no equilibrio do seu corpo morno. No momento de ulila, toda ela feita un arrecendo de graza e dozura, é cando, despois dese rito case innato de atención incondicional, de tenrura incalculable, un experimenta a entrega e o amor máis xeneroso e feliz dos humanos: ese que de tanto gusto se parece ás ganas de chorar, ese que nos lembra que somos capaces de entregarnos sen condición por dar a vida aínda a sabendas que ao afirmala noutro ser prolongamos indefinidamente o sufrimento e a morte que veñen apegados a ela.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

sábado, 22 de diciembre de 2012

A PRIMEIRA VEZ QUE SE ACABOU O MUNDO

Foi a finais dos anos cincuenta do século pasado. Tería eu seis ou sete anos. Acaba de dar o salto da aldea á Coruña por decisión unilateral de meus pais, pasaba pois polo período primeiro de adaptación da chousa á beirarrúa, do prado ao mar, do candil ás luminarias de Juan Flórez e os Cantóns. Non sei como nin por boca de quen, chegara aos meus oídos a noticia que estarrecía: un día determinado, non sei se venres ou sábado pero a punto de caer, todo acabaría, chegaría a fin e canto se podía ver cos ollos desaparecería de súpeto nunha escuridade indefinida e sen fin. Ao coñecer a nova andei coa incerteza dentro de min calculando se merecería que a crese ou non. Durante o día, despistado, non me ofrecía maior credibilidade. Chegado o serán retorcíame por dentro do estómago a dúbida. Á noite, antes de durmir, dábame a a alma que si, que podería ser certo: por que o que tiña principio non había ter fin, e por que non había de ser a fin o día que se anunciaba? Así foi que avanzamos cara o momento e aguzouse en min o desasosego. Acabaría todo ao espertar, daría tempo a xantar, agardaría o remate a que pasase o día por completo? Nestas dúbidas andaba cando se produciu un acontecemento inesperado e dramático. Meus pais, que sen me preguntar me trouxeran para a Coruña da noite para o día, do día para a noite, sen saber ben por que nin por que non, deciden que debo volver pasar unha tempada á aldea na casa duns meus tíos. Non sei quen dos dous me transmitiu a noticia e a orde de que debería viaxar á aldea, pero calquera dos dous que fose notou que non ía ser doado levarme. Como non era hábil en disimular as contrariedades, axiña me notaron murcho e apagado, irritable, chorón. Durante unha xeira meu pai tratou de convencerme da bondade da viaxe: pero, pasmón, que mal che vai facer regresar un par de días á aldea? Atoparaste de novo cos teus curmás, seguro que te soben de acabalo da besta, comerás torta quentiña da que tanto che gusta, disque van cocer, e poderás brincar á estornela ou enredar a construír balados de pedra e barro tal coma un auténtico canteiro de Santo Estevo. Pero os seus argumentos nada me aliviaban. Cando un neno di non, é non, sobre todo se o neno era eu. Así pois chegou a hora na que tivo que intervir miña nai, máis expeditiva, menos dada ao diálogo, moito máis afeita a cortar polo san. Pero antes aínda veu a vergonza, a peor da dores. Coñecida a miña resistencia a viaxar, varios nenos algo máis vellos do edificio deron en rir á conta do meu mimo e debilidade de carácter. Ai, que bobo, ten medo a deixar aos papás, non é quen de viaxar e abandonar a casa... Así se rían e a min comíanme os demos desde os pés á cabeza, pois non tiña forzas para lles dar aclarado o motivo da miña negativa a moverme da Coruña por aqueles días, precisamente por aqueles días. Pero canto máis me atacaban, máis choraba e máis débil se presentaba a miña conduta, ata o punto de que xa se me fixo excesivo o acoso e risas por parte dos valentes pícaros e tiven que confesar a razón da miña negativa: non vou marchar hoxe se mañá é a fin do mundo, listos!, pensades que vou estar lonxe de miña nai cando se produza a fin? A miña explicación correuse veloz por entre nenos e adultos e as risas abertas ou encubertas produciron en min un desconcerto orixinal. Na miña pobre capacidade de razoamento non entraba a insensibilidade daquelas bestas que rían con asunto de tanta transcendencia. Cambiei o choro por rabia seca e mudei da transparencia á impenetrabilidade. Se non entendían o que estaba en xogo, aló eles, eu non pensaba darlles máis motivos para a risa nin a mofa. De todas as maneiras, no fondo de min quedaba unha última seguridade, un alicerce no que asentar o meu ben fundado razoamento: miña nai entendería do que falaba e non permitiría baixo ningún motivo que no día antes da fin do mundo eu me fose á aldea con meus tíos e curmáns lonxe dela. Miña nai? Outra que ben bailou: tan axiña como chegou aos seus oídos a explicación da miña desesperación e negativa a viaxar, sen tempo para que abrise a boca, tronzou toda dúbida dun golpe seco e violento: ti es bobo ou que? Que fin do mundo nin que farrapo de gaita. Mañá viaxas á aldea e deixa de chorar inmediatamente se non queres que che dea unha labazada e así choras con algo de razón! Nin a rabia seca nin a impenetrabilidade puideron conter as bágoas suaves que esborrexeron polas miñas meixelas. Acabouse o mudo. Aí si se acabou por primeira vez o mundo. Non me volvín a preocupar se sería certa ou non a profecía. Tanto tiña. Pouco importaba que fose ou non certo iso de que o mundo se acababa un día determinado. O mundo do neno inocente e confiado esnaquizouse. Un dilema brutal aparecía diante de min: ou eu era un iluso e cría estupideces ou a miña nai importáballe pouco que todo se acabase estando lonxe de min. Como o segundo era impensable, non quedaba outra que admitir que a miña inocencia debía acabar para sempre. E acabou. Aquel día acabouse por primeira vez o mundo.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 16 de diciembre de 2012

A CLAVE




A CLAVE ESTÁ NO QUE DI EL ROTO:

ENRIQUECER A LOS RICOS, 

EMPOBRECER A LOS POBRES.

A CADA UNO LO SUYO.

VERDADERO AMOR



EL VERDADERO AMOR

ES UNA HISTORIA

DE AMISTAD


Compte-Sponville

CASUALIDAD



CUANTO CON MÁS PRECISIÓN

LA GENTE PLANIFIQUE SU

FUTURO,

MÁS DURAMENTE

LE VA A GOLPEAR

LA CASUALIDAD.