Foi a finais dos anos cincuenta do século pasado. Tería eu seis ou sete anos. Acaba de dar o salto da aldea á Coruña por decisión unilateral de meus pais, pasaba pois polo período primeiro de adaptación da chousa á beirarrúa, do prado ao mar, do candil ás luminarias de Juan Flórez e os Cantóns. Non sei como nin por boca de quen, chegara aos meus oídos a noticia que estarrecía: un día determinado, non sei se venres ou sábado pero a punto de caer, todo acabaría, chegaría a fin e canto se podía ver cos ollos desaparecería de súpeto nunha escuridade indefinida e sen fin. Ao coñecer a nova andei coa incerteza dentro de min calculando se merecería que a crese ou non. Durante o día, despistado, non me ofrecía maior credibilidade. Chegado o serán retorcíame por dentro do estómago a dúbida. Á noite, antes de durmir, dábame a a alma que si, que podería ser certo: por que o que tiña principio non había ter fin, e por que non había de ser a fin o día que se anunciaba? Así foi que avanzamos cara o momento e aguzouse en min o desasosego. Acabaría todo ao espertar, daría tempo a xantar, agardaría o remate a que pasase o día por completo? Nestas dúbidas andaba cando se produciu un acontecemento inesperado e dramático. Meus pais, que sen me preguntar me trouxeran para a Coruña da noite para o día, do día para a noite, sen saber ben por que nin por que non, deciden que debo volver pasar unha tempada á aldea na casa duns meus tíos. Non sei quen dos dous me transmitiu a noticia e a orde de que debería viaxar á aldea, pero calquera dos dous que fose notou que non ía ser doado levarme. Como non era hábil en disimular as contrariedades, axiña me notaron murcho e apagado, irritable, chorón. Durante unha xeira meu pai tratou de convencerme da bondade da viaxe: pero, pasmón, que mal che vai facer regresar un par de días á aldea? Atoparaste de novo cos teus curmás, seguro que te soben de acabalo da besta, comerás torta quentiña da que tanto che gusta, disque van cocer, e poderás brincar á estornela ou enredar a construír balados de pedra e barro tal coma un auténtico canteiro de Santo Estevo. Pero os seus argumentos nada me aliviaban. Cando un neno di non, é non, sobre todo se o neno era eu. Así pois chegou a hora na que tivo que intervir miña nai, máis expeditiva, menos dada ao diálogo, moito máis afeita a cortar polo san. Pero antes aínda veu a vergonza, a peor da dores. Coñecida a miña resistencia a viaxar, varios nenos algo máis vellos do edificio deron en rir á conta do meu mimo e debilidade de carácter. Ai, que bobo, ten medo a deixar aos papás, non é quen de viaxar e abandonar a casa... Así se rían e a min comíanme os demos desde os pés á cabeza, pois non tiña forzas para lles dar aclarado o motivo da miña negativa a moverme da Coruña por aqueles días, precisamente por aqueles días. Pero canto máis me atacaban, máis choraba e máis débil se presentaba a miña conduta, ata o punto de que xa se me fixo excesivo o acoso e risas por parte dos valentes pícaros e tiven que confesar a razón da miña negativa: non vou marchar hoxe se mañá é a fin do mundo, listos!, pensades que vou estar lonxe de miña nai cando se produza a fin? A miña explicación correuse veloz por entre nenos e adultos e as risas abertas ou encubertas produciron en min un desconcerto orixinal. Na miña pobre capacidade de razoamento non entraba a insensibilidade daquelas bestas que rían con asunto de tanta transcendencia. Cambiei o choro por rabia seca e mudei da transparencia á impenetrabilidade. Se non entendían o que estaba en xogo, aló eles, eu non pensaba darlles máis motivos para a risa nin a mofa. De todas as maneiras, no fondo de min quedaba unha última seguridade, un alicerce no que asentar o meu ben fundado razoamento: miña nai entendería do que falaba e non permitiría baixo ningún motivo que no día antes da fin do mundo eu me fose á aldea con meus tíos e curmáns lonxe dela. Miña nai? Outra que ben bailou: tan axiña como chegou aos seus oídos a explicación da miña desesperación e negativa a viaxar, sen tempo para que abrise a boca, tronzou toda dúbida dun golpe seco e violento: ti es bobo ou que? Que fin do mundo nin que farrapo de gaita. Mañá viaxas á aldea e deixa de chorar inmediatamente se non queres que che dea unha labazada e así choras con algo de razón! Nin a rabia seca nin a impenetrabilidade puideron conter as bágoas suaves que esborrexeron polas miñas meixelas. Acabouse o mudo. Aí si se acabou por primeira vez o mundo. Non me volvín a preocupar se sería certa ou non a profecía. Tanto tiña. Pouco importaba que fose ou non certo iso de que o mundo se acababa un día determinado. O mundo do neno inocente e confiado esnaquizouse. Un dilema brutal aparecía diante de min: ou eu era un iluso e cría estupideces ou a miña nai importáballe pouco que todo se acabase estando lonxe de min. Como o segundo era impensable, non quedaba outra que admitir que a miña inocencia debía acabar para sempre. E acabou. Aquel día acabouse por primeira vez o mundo.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.