REALIZAR un balance do fin de ano non é moda presente. O asunto da revisión interna vén de vello, polo menos no meu caso. A min afixéronme desde neno aos exames de conciencia diarios, quincenais, mensuais, trimestrais, semestrais e anuais. Como deducirán, moi controlada a conciencia, o que non supón que un poda durmir sempre con ela tranquila. Pero o certo é que aos da miña xeración cargáronnos con exceso de vixilancia interior, o que repercute probablemente nunha regular saúde mental, porque nin tanto nin tan pouco, pois se hoxe se acusa a algúns de laxitude, antes caiamos nunha represión estrita que pouco colaboraba en medrar ben.
Todo isto vén a conto porque acórdame que, sendo aínda ben pequecho, realizando un balance interno de fin de ano, non daba atopado nada positivo que meter no meu saco de virtudes. Remiraba mes a mes no meu comportamento e só encontraba aspectos cos que encher o saco das falcatruadas, arroutadas, desgustos a meus pais e reprensións dos meus superiores. Pero, que fixera de bo naquel ano, nada había do que se sentir orgulloso despois de 365 días? E remoía na conciencia, pero nada. Canto máis ía detrás de algo digno de louvanza, máis motivos me asaltaban para o castigo. Así foi que chegou a noite do día 31, e cando todos na casa se afanaban por celebrar coa maior ledicia o remate do ano, a min consumíame a tristeza de non dar con méritos suficientes para poder acabalo en paz. Tan evidente debía ser a miña tristeza, que miña nai non se andou pola ramas: a ti que che pasa, estás bobo ou que? Nada, que era o que respondía sempre cando non quería responder. Como que nada?, insistía miña nai que penetraban en min sen necesidade de me mirar. Sentín vergonza e tratei de ocultar a razón da miña pena. Pero como cando unha nai quere saber algo, sábeo, gurrou e admitino: é que non atopo unha triste cousa boa en min no ano que remata. Non a farías, bobo, para o próximo compórtate mellor, e agora cambia de cara e deixa de pintar a mona (miña nai non é das que se apiadan dos que se compadecen de si mesmos). E non me quedou outra que rir se quixen. Iso si, cerca da media noite, arrimoume contra si diante de todos e fíxose cómplice comigo: vén aquí, pasmonciño, que che vou dicir algo que fixeches moi ben este ano. Achegou os seus labios ao meu oído e díxomo. E era certo, había algo que fixera moi ben. Feliz ano.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.