TEN razón o amigo de Comte-Sponville cando di que un bebé é coma a auga: acaba por invadir e ocupar todos os espazos dispoñibles. A súa fraxilidade e dependencia absolutas reclaman a atención dos seus coidadores a toda hora e sen límite. Só lle podemos dar, entregarnos máis e máis, eles non se fartan de pedir e tomar. Arrolalo, lavalo, mimalo, limpalo, quentalo, alimentalo, acariñalo... Todo é pouco para ese bebé que, aínda xa durmindo e sereno, esixe que o miremos a cada paso por se respira a compás, está retorto, algunha engurra o pode magoar, a temperatura das mans e as meixelas é a idónea. A súa indefensión e fraxilidade piden sen taxa. A nai, o pai, quen o coida, quere dunha maneira tan entregada, antes de que responda cun mínimo sorriso, antes de que nos queiran algo, antes de case existir, quérese tanto aos bebés que é certo, como di o filósofo francés citado, que talvez sexa o amor máis achegado ao divino, á santidade.
Pensaba nisto mentres axudaba con discreción ao proceso de bañar á miña neta. Ela tan feita e aleuta, tan necesitada das mans quentiñas, das palabras coma berces que arrolan, da serenidade doce e morna que dá o cariño, ese que agroma sen control diante dun corpo tan pequechiño. A maneira como se lle retiran as pezas de roupa, os movementos preparativos, coller entre as mans ese corpo marabilla da natureza para depositalo na auga á temperatura ideal, deixar que espoldrexe descubrindo a forza das súas pernas, a mobilidades das súas mans, estenderlle a auga polo peito, nos ombreiros, bautizala con tenrura suma para que non se sorprenda nin amedrente... Despois envolvela na toalla sedosa e doce, apertala con suavidade para que non teña frío nin medo, deitala a modiño, non sexa que quebre coma un vidro, e, ben seca, aceitala, hidratala, cubrila de perfume e caricias para vestila outra vez e continúe no equilibrio do seu corpo morno. No momento de ulila, toda ela feita un arrecendo de graza e dozura, é cando, despois dese rito case innato de atención incondicional, de tenrura incalculable, un experimenta a entrega e o amor máis xeneroso e feliz dos humanos: ese que de tanto gusto se parece ás ganas de chorar, ese que nos lembra que somos capaces de entregarnos sen condición por dar a vida aínda a sabendas que ao afirmala noutro ser prolongamos indefinidamente o sufrimento e a morte que veñen apegados a ela.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.