domingo, 23 de octubre de 2011

MARCHA A SUÍZA E AO VATICANO

Que fermosa é Suíza! A súa paisaxe engaiola. Certo que Xenebra pode resultar unha cidade triste, case deprimente, especialmente no cru inverno, pero os lagos, as montañas, o urbanismo, a limpeza, o silencio e a súa organización fan que un envexe un país tan ben ordenado. A primeira vez que visitei o país , a pesar de pasalas negras – non vén a conto detallar o choque que sofre un inxenuo estudante traballando en pleno verán nunha cuadrilla de campesiños emigrantes-, quedei impresionado pola beleza do lago Lemán. En Morges descubrín a diferenza cegadora entre un país próspero, aberto, organizado e o que era España nos anos setenta do século pasado. Un abismo. Pero ao mesmo tempo, descubrín tamén naquel primeiro contacto o racismo máis decidido de cantos países europeos ía visitando cada verán. Non é que en Alemaña, Gales ou Francia non se respirase idéntica desconfianza cara os traballadores emigrantes procedentes fundamentalmente de España, Portugal, Italia e Marrocos, pero nunca tan distante e cínica como nese país neutral, enclavado no carozo de Europa, sempre a salvo de todo conflito, intocable. O sistema necesita un lugar a salvo de toda contrariedade para refuxiarse nos momentos difíciles, cando non veñen ben dadas. Se en Grecia, Portugal ou Irlanda pinta mal, non hai problema para as grandes fortunas, sempre estará a solidez suíza, os seus bancos impenetrables, a súa seguridade a proba de todo conflito. Debaixo de tanta beleza, orde e pulcritude, agóchase a podremia do mundo, o resultado dos negocios máis sucios, as reservas dos mandatarios que raspiñan, os beneficios dos tráficos máis noxentos. Aos donos do mundo, igual que lle interesan e nunca dan facilidades para que desaparezan os paraísos fiscais, cómprelles un país tan fermoso e neutro coma Suíza, sepulcro branquexado das cloacas que alimentan a economía mundial. Silencio, discreción, escuridade, protección para quen amasa grandes cantidades de cartas, non importa con qué métodos. Unha boa parte dos viaxeiros a Roma, cando toca visitar a cidade do Vaticano, soen acabar escandalizados do amoreamento de riquezas e beleza coas que, ao longo do séculos, se foi facendo a xerarquía católica. Non é que o viaxeiro se sinta preso polo síndrome Stendhal, ese polo que tanta beleza chega a causar malestar, senón que experimenta a decepción de ver concentrada nas mans da igrexa do pobres e dos necesitados tanto tesouro. Pasando de sala en sala, de museo en museo, parece coma se a contradición entre a prédica e a realidade non resistise, chegando o momento no que un xa da por rematada a visita antes do previsto, xa é suficiente, un non está para aguantar máis datos enfrontados, estala a resistencia cognoscitiva, todos podemos adaptarnos e comprender, pero non tanto. É así como a igrexa de Xesús de Nazaret plasmou a súa teoría de amor ao necesitado e ao marxinado ao longo da historia? Son estas ostentosas pezas, é este luxo ofensivo o que reflicte o cerne da mensaxe desta relixión que viña a defender o amor ao próximo, sobre todo ao máis débil? Por suposto, ao igual que Suíza, é o Vaticano nos últimos séculos (nas épocas de construción do actual status, a conquista, a pelexa e a loita polo poder tivo duras consecuencias para os dirixentes dese Estado, agora nin iso) un país neutral, limpo, a proba de conflito internacional, coma se realmente o seu reino non fose deste mundo, cando, como un pode ver perfectamente cos seus ollos, éo e vaia se o é. Como última grande acción internacional acéptase a capital importancia que a súa influencia tivo na caída do bloque do comunismo (bendita sexa a súa axuda). Non podería empregarse con idéntica forza no derrube do espírito cobizoso e maléfico do capitalismo máis fero para frear a ideoloxía inmoral que atravesa as relacións económicas? Sei perfectamente que nin en Xenebra nin na Cidade do Vaticano están os centros de poder de Europa, nin parlamentos, nin xuntas de goberno se reúnen nunca neses países para decidir nada. Parece que as decisións están en Bruxelas, Berlín ou París. Sen dúbida. Aínda así, a min gustaríame que os auténticos sacrificados desta crise financeira, os parados, os pensionistas, os marxinados de Grecia, Portugal, Irlanda e España, programasen unha grande e longa marcha a Xenebra e á Praza de San Pedro. Simplemente para que vexan, eles que viven nos paraísos da fermosura e da maior cantidade de beleza concentrada, cantos millóns de persoas padecen as consecuencias deste modelo económico e social. Xa sei, xa sei que dirán que o mundo é así e non o inventaron eles, pero que o vexan, que non tranquilicen a conciencia pensando que eles non poden facer nada.

domingo, 16 de octubre de 2011

CONCÉNTRATE




PARA algunhas cousas concéntrome ben, para outras, nadiña. Supoño que coma todos, non con cada actividade estamos ao que estamos. Desde pequenos recibimos ordes concretas: concéntrate, non te despistes, pon sentido no que realizas. Con máis ou menos éxito imos practicando para lograr tal obxectivo, pero conviría ir distinguindo en qué e cando convén concentrarse, e se merece a pena insistirlles aos demais en que se concentren ou resulta máis beneficioso deixalos ao seu aire para que a liberación do pensamento permita o funcionamento cerebral que cómpre.
Segundo un estudo do neurólogo holandés Gert Holstege , a razón pola que moitas mulleres teñen dificultade para alcanzar o orgasmo está relacionada coa concentración ou falta dela, depende como se mire. A teor das investigacións deste experto, tal e como sempre eu vin sospeitando, durante o orgasmo feminino desactívase o hemisferio esquerdo e actívase o dereito. Algo que a min me viña dando voltas na cabeza desde que empecei a matinar nestes asuntos, voltas que, como tamén é sabido por distintos estudos máis ou menos fiables, andan a miles de revolucións en todos os homes, incluso nos menos dados a cavilacións deste estilo. Pois ben, se o profesor holandés e máis eu temos razón, en canto o hemisferio esquerdo queda descolgado e sen actividade, entrando en acción o dereito -salto non fácil de percibir para o home común como tamén testemuñan innumerables enquisas confirmatorias-, a muller deixa de pensar nas tarefas da casa que quedan por realizar por culpa do home lacazán, nos informes do traballo que debe pulir, na roupa de inverno da nena máis vella e na cita para ir ao psiquiatra coa sogra, pois o home nin das citas da súa nai se acorda. En canto a prisión dos pensamentos deixa de atenazar o cerebro da muller (descolgue do hemisferio esquerdo), entra en acción o dereito e contamos con probabilidades múltiples de que se acendan as luces de artificio e esbouren as comportas do goce máis pleno. Se, pola contra, as cadeas do hemisferio esquerdo seguen amarrando a pensamentos que se amorean na cabeza como se o premesen con quilos de palla , non entra en acción o hemisferio dereito, coas penosas consecuencias que iso carrexa. Porque a triste graza desta carencia de fluidez dun hemisferio a outro, ao se repetir, desemboca na HSDD (Hypoactive Sexual Desire Disorder, que disque se di en ingés), mal que se reduce á carencia de apetito sexual. En fin, que se o profesor Holstege e máis eu temos algo de razón (eu apóiome nel porque obtivo precisas imaxes de contraste do cerebro), o mellor que podemos facer os homes é poñer a lavadora e tender a roupa e deixarnos de bobadas coma esa de: concéntrate.

QUE CHOVA XA

Por favor. E que non agarde para o 20N. Que chova, non a canadas, pero que se limpe esta fogaxe que nos aflixe aos que non estamos afeitos a tanta seca. Sería bo para os campos e para os embalses, pero non só. A terra pide auga e as persoas tememos ante a posibilidade de que nos falte, pero aínda máis: os pensamentos, o discorrer e o diálogo encallan se non se mollan as ideas. Parece coma se, con tanta seca, non houbese lugar para a mudanza, para o cambio de paso, tan necesario, imprescindible, para rematar este ano que a todos se nos está alongando máis do debido, coa esperanza de que o vindeiro sexa algo mellor. Catástrofes naturais á parte, o non chover endurece as escasas e pobres ideas coas que nos movemos a cotío, co que todo se vai repetindo nunha película xa vista, só rachada pola voda dunha duquesa que, para o tempo que lle queda e pola ilusión que a goberna, non dubida en facer o que se lle antolla no seu convento. Polo demais, todo coñecido: a ministra Chacón segue vestindo pantalón no desfile do día da Patria, a Princesa muda a saia, ben se ve que este cambio é insignificante, insultan a Zapatero como non podía ser menos en día tan soado para a exaltación do exército e da unidade da nación, e Rajoy fala con Rubalcaba coma se foramos un país de bo trato, cando todos sabemos que de cara ao público non han tardar en lanzarse piropos por todos coñecidos e case aborrecidos. Que chova, por favor, a ver se o ambiente se limpa. Sobre a economía nada novo baixo este sol de medio día. Continuamos recibindo receitas e prognósticos de expertos que ao cabo de tres anos descobren que o problema é sistémico. Global, sistémico e para o que cómpren decisións rápidas e contundentes ou caeremos o cavorco. Moi ben. Segue lucindo o sol e seguirán os políticos (os políticos?) agardando a que chova para tomar as medidas contundentes e decisivas. En España témola clara: antes do 20N xa se sabe que todo agarda. Despois de data tan especial é probable que por primeira vez se nos fale claro aos españois e saibamos o mal que padecemos, porque ata o de agora só recibimos mentiras e cintas de vídeo sen sexo. Coma se desde a oposición non nos informasen repetidamente do mentirán, prexudicial e negativo que resultaron estes anos calamitosos do goberno... A estratexia está clara: catro anos de penitencia, borralla e cilicio, todo por culpa de Zapatero que nos deixou no ruína, e catro máis de propina, supoñen que merecerán, á espera de que a metástase sistémica saia por algún lado. Mentes tanto, coma a pereza que entra despois de xantar nestes día de calor, salmos e xaculatorias reiteradas na que nada se di para que todo quede aberto ante o depende do que todos dependemos. E por último, pero non menos importante, en canto á gran cuestión: aforrar ou gastar, tamén é preciso que a auga lave os circuítos do dilema, porque nin premios Nobel nin especialistas en macro ou microeconomía dan pillado o punto g deste nó. Abobados nun ir e vir do aforro obsesivo ao consumo compulsivo a máquina de producir e distribuír riqueza leva trazas de quedar paralizada e a ver qué solución atopamos. Usando o sentido común ao que tanto se acollen políticos serios, parecería que o idóneo sería un xusto punto medio: aforrar e gastar de xeito equilibrado, pero ese punto está tan malo de atopar coma o g, co que, como siga a calor, moito me temo que seguiremos a paus de cego tocando aquí e alí a ver se algo responde, pero con expectativas de orgasmo nulas, tal coma se non deramos desconectado do hemisferio esquerdo, causa, como se acaba de descubrir dende o campo da neurociencia, de que a moitas persoas se lles resista tan excelso estalido de pracer. Non pido, entón, só por egoísmo persoal, que tamén, que chova canto antes, senón que polo ben da natureza e da comunidade. Cómpren días continuados de auga miúda e sen descanso co gallo de aliviar esta seca de ideas que nos entala nesta monótona repetición de problemas sen solución, causa de tanta incerteza e desconfianza, ao fin, din tamén os expertos, razón fundamental pola que nin se consume nin se aforra, nin se medra nin se reparte. En canto chova, cóntolles os cambios que se produzan, se así fose, porque despois de tanta seca, a saber o que nos queda de días de auga para que os cerebros amolezan e dean algo de si.

sábado, 15 de octubre de 2011

PROPOSTA PARA AS PROTESTAS

Concéntranse en Bruxelas, Madrid, París, Roma, Nova York ou Lisboa as protestas dos que buscan un cambio global e unha renovación democrática. Paréceme ben. Algo habemos de facer ante tanta irracionalidade e inmoralidade. Pero gustaríame facer unha mínima suxestión: que se concentre algunha vez o groso da protesta en Suíza. Creo que ese país modelo de limpeza externa, de orde e espírito calvinista, debería recibir a indignación e rabia dos manifestantes, pois é en gran parte neste paraíso onde se agocha con réditos a podremia deste sistema. Que saia unha marcha ao fermoso e impoluto carozo da corrupción.

martes, 11 de octubre de 2011

lunes, 10 de octubre de 2011

NETREBKO

REFORMAS PROFUNDAS

Despois de tres anos de reformas, todas elas co resultado coñecido (pésimo), coinciden expertos e políticos con futuro en que, se queremos de verdade superar a situación actual, o que cómpren son máis reformas, e non só máis, senón máis profundas. Polo que se ve, as realizadas ata o de agora foron moi superficiais. Destas superficiais, sen necesidade dunha exposición exhaustiva, podemos concluír que o súa intencionalidade salta á vista: recortar e podar dereitos, fundamentalmente en educación e sanidade. A obsesión polo aforro apoderouse das cabezas que deciden de igual modo que en épocas anteriores o que reinaba era o afán por gastar e consumir, síntoma de que o país progresaba. Acórdome coma se fora hoxe das declaracións do sr. Álvarez Cascos, alto ministro naquela época de Aznar, agora converso aforrador no Principado de Asturias, comentar con seguridade e suficiencia, que se so pisos eran caros obedecía a que España se convertera nun país rico e había cartos e posibilidades. Pois xa ven, aquel país rico, que ía ben, acabou – xa , por suposto, pola mala cabeza de Zapatero- non tendo un céntimo para unha urxencia. Ante esta situación prodúcese unha contradición que me trae intrigado. En diversas enquisas, a maioría dos cidadáns, como no podía ser doutro modo, manifestan estar seriamente preocupados polo paro. E non só iso, observan e temen polo deterioro da sanidade e da educación por mor dos recortes evidentes que as comunidades e o goberno de España aplican con moita responsabilidade. Estes cidadáns, que incluso no seu inicio vían con bos ollos algunhas das protestas dos indignados, quéixanse do padecemento vivido ou do temor a entrar entre os que sofren a auténtica desgraza do paro. E temen por perder os servizos mínimos en educación e sanidade. Pero son estes mesmos os que, segundo tamén tódalas enquisas e prognósticos, adiantan que nas próximas eleccións votarán ao PP, uns, suponse desenganados e fartos do débil goberno que non nos gobernou e outros porque levan no seu ADN esa intención do voto ao igual que outros levan o contrario. O certo é que, ante tal perspectiva, un trata de analizar qué propón ese partido posible gobernante para aliviar estas penalidades, e a resposta vén sendo a seguinte: dicir a verdade, sentido común, atender ao que queren os españois e traballar con seriedade. Se escaravellamos un pouco máis, iso concrétase en varios depende – por ser a frase do contrincante Rubalcaba non perde veracidade- e algunhas incongruencias. A saber: non lles tremerá se hai que dicir a verdade aos cidadáns para realizar sacrificios, pero non subirán impostos, subirán as pensións, non aceptan copago sanitario e non se restará nin un céntimo para educación. E regalaranse euros aos emprendedores ao estilo en que Zapatero os repartira entre as mulleres que tiñan fillos. Como pensan cadrar esa círculo máxico de non recortar pero afondar nas reformas superficiais realizadas polos seus predecesores? Velaí o misterio que me gustaría desvelar. Reforma profunda da administración (pero sen recortar), reforma profunda na sanidade (pero sen recortar), reforma profunda nas comunidades autónomas (pero dándolle a cada unha segundo a súa capacidade de presión). Ao parecer a esencia de tal milagre recae na confianza que xerará o novo goberno, pois tan pronto pise D. Mariano a Moncloa, os bancos deixarán de lado os seus problemas e comezarán a dar créditos a dereita e esquerda coa facilidade coa que cobran comisións. Segundo se deduce, o apoio será tal aos emprendedores e pequenos empresarios que crearán postos de traballo a esgalla, co que as arcas do Estado quedarán acugulo nun santiamén, de maneira que se lle poderán rebaixar os impostos a todos e isto non tardará nada en volver a ser o paraíso: os anos dourados da especulación, a construción e a burbulla que logo nos estalou diante dos narices non só aos españois, senón en todo o mundo. En fin, que as reformas superficiais non dan resultado e débese afondar máis no mesmo. O resultado das superficiais salta á vista. Veremos o das profundas, pero polo que se albisca, a maioría dos votantes, por a ou por b, están dispostos a darlle a confianza a quen promete reformas profundas sen recortes, baixada de impostos sen diminuír a atención sanitaria nin educativa, adelgazar o a administración do Estado creando emprego e fluidez financeira. En fin, parece que todos entendemos que ou se entra polo aro ou estamos condenados a que nin faragullas nos dean. E o aro xa se sabe cal é: reformas profundas aínda que ninguén diga en qué consisten. Pero tanto ten, se nos aforcan, que nos aforquen de verdade.