domingo, 16 de octubre de 2011
QUE CHOVA XA
Por favor. E que non agarde para o 20N. Que chova, non a canadas, pero que se limpe esta fogaxe que nos aflixe aos que non estamos afeitos a tanta seca. Sería bo para os campos e para os embalses, pero non só. A terra pide auga e as persoas tememos ante a posibilidade de que nos falte, pero aínda máis: os pensamentos, o discorrer e o diálogo encallan se non se mollan as ideas. Parece coma se, con tanta seca, non houbese lugar para a mudanza, para o cambio de paso, tan necesario, imprescindible, para rematar este ano que a todos se nos está alongando máis do debido, coa esperanza de que o vindeiro sexa algo mellor. Catástrofes naturais á parte, o non chover endurece as escasas e pobres ideas coas que nos movemos a cotío, co que todo se vai repetindo nunha película xa vista, só rachada pola voda dunha duquesa que, para o tempo que lle queda e pola ilusión que a goberna, non dubida en facer o que se lle antolla no seu convento. Polo demais, todo coñecido: a ministra Chacón segue vestindo pantalón no desfile do día da Patria, a Princesa muda a saia, ben se ve que este cambio é insignificante, insultan a Zapatero como non podía ser menos en día tan soado para a exaltación do exército e da unidade da nación, e Rajoy fala con Rubalcaba coma se foramos un país de bo trato, cando todos sabemos que de cara ao público non han tardar en lanzarse piropos por todos coñecidos e case aborrecidos. Que chova, por favor, a ver se o ambiente se limpa. Sobre a economía nada novo baixo este sol de medio día. Continuamos recibindo receitas e prognósticos de expertos que ao cabo de tres anos descobren que o problema é sistémico. Global, sistémico e para o que cómpren decisións rápidas e contundentes ou caeremos o cavorco. Moi ben. Segue lucindo o sol e seguirán os políticos (os políticos?) agardando a que chova para tomar as medidas contundentes e decisivas. En España témola clara: antes do 20N xa se sabe que todo agarda. Despois de data tan especial é probable que por primeira vez se nos fale claro aos españois e saibamos o mal que padecemos, porque ata o de agora só recibimos mentiras e cintas de vídeo sen sexo. Coma se desde a oposición non nos informasen repetidamente do mentirán, prexudicial e negativo que resultaron estes anos calamitosos do goberno... A estratexia está clara: catro anos de penitencia, borralla e cilicio, todo por culpa de Zapatero que nos deixou no ruína, e catro máis de propina, supoñen que merecerán, á espera de que a metástase sistémica saia por algún lado. Mentes tanto, coma a pereza que entra despois de xantar nestes día de calor, salmos e xaculatorias reiteradas na que nada se di para que todo quede aberto ante o depende do que todos dependemos. E por último, pero non menos importante, en canto á gran cuestión: aforrar ou gastar, tamén é preciso que a auga lave os circuítos do dilema, porque nin premios Nobel nin especialistas en macro ou microeconomía dan pillado o punto g deste nó. Abobados nun ir e vir do aforro obsesivo ao consumo compulsivo a máquina de producir e distribuír riqueza leva trazas de quedar paralizada e a ver qué solución atopamos. Usando o sentido común ao que tanto se acollen políticos serios, parecería que o idóneo sería un xusto punto medio: aforrar e gastar de xeito equilibrado, pero ese punto está tan malo de atopar coma o g, co que, como siga a calor, moito me temo que seguiremos a paus de cego tocando aquí e alí a ver se algo responde, pero con expectativas de orgasmo nulas, tal coma se non deramos desconectado do hemisferio esquerdo, causa, como se acaba de descubrir dende o campo da neurociencia, de que a moitas persoas se lles resista tan excelso estalido de pracer. Non pido, entón, só por egoísmo persoal, que tamén, que chova canto antes, senón que polo ben da natureza e da comunidade. Cómpren días continuados de auga miúda e sen descanso co gallo de aliviar esta seca de ideas que nos entala nesta monótona repetición de problemas sen solución, causa de tanta incerteza e desconfianza, ao fin, din tamén os expertos, razón fundamental pola que nin se consume nin se aforra, nin se medra nin se reparte. En canto chova, cóntolles os cambios que se produzan, se así fose, porque despois de tanta seca, a saber o que nos queda de días de auga para que os cerebros amolezan e dean algo de si.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.