PARA algunhas cousas concéntrome ben, para outras, nadiña. Supoño que coma todos, non con cada actividade estamos ao que estamos. Desde pequenos recibimos ordes concretas: concéntrate, non te despistes, pon sentido no que realizas. Con máis ou menos éxito imos practicando para lograr tal obxectivo, pero conviría ir distinguindo en qué e cando convén concentrarse, e se merece a pena insistirlles aos demais en que se concentren ou resulta máis beneficioso deixalos ao seu aire para que a liberación do pensamento permita o funcionamento cerebral que cómpre.
Segundo un estudo do neurólogo holandés Gert Holstege , a razón pola que moitas mulleres teñen dificultade para alcanzar o orgasmo está relacionada coa concentración ou falta dela, depende como se mire. A teor das investigacións deste experto, tal e como sempre eu vin sospeitando, durante o orgasmo feminino desactívase o hemisferio esquerdo e actívase o dereito. Algo que a min me viña dando voltas na cabeza desde que empecei a matinar nestes asuntos, voltas que, como tamén é sabido por distintos estudos máis ou menos fiables, andan a miles de revolucións en todos os homes, incluso nos menos dados a cavilacións deste estilo. Pois ben, se o profesor holandés e máis eu temos razón, en canto o hemisferio esquerdo queda descolgado e sen actividade, entrando en acción o dereito -salto non fácil de percibir para o home común como tamén testemuñan innumerables enquisas confirmatorias-, a muller deixa de pensar nas tarefas da casa que quedan por realizar por culpa do home lacazán, nos informes do traballo que debe pulir, na roupa de inverno da nena máis vella e na cita para ir ao psiquiatra coa sogra, pois o home nin das citas da súa nai se acorda. En canto a prisión dos pensamentos deixa de atenazar o cerebro da muller (descolgue do hemisferio esquerdo), entra en acción o dereito e contamos con probabilidades múltiples de que se acendan as luces de artificio e esbouren as comportas do goce máis pleno. Se, pola contra, as cadeas do hemisferio esquerdo seguen amarrando a pensamentos que se amorean na cabeza como se o premesen con quilos de palla , non entra en acción o hemisferio dereito, coas penosas consecuencias que iso carrexa. Porque a triste graza desta carencia de fluidez dun hemisferio a outro, ao se repetir, desemboca na HSDD (Hypoactive Sexual Desire Disorder, que disque se di en ingés), mal que se reduce á carencia de apetito sexual. En fin, que se o profesor Holstege e máis eu temos algo de razón (eu apóiome nel porque obtivo precisas imaxes de contraste do cerebro), o mellor que podemos facer os homes é poñer a lavadora e tender a roupa e deixarnos de bobadas coma esa de: concéntrate.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.