sábado, 29 de marzo de 2014

PACO

As noticias andan a tal ritmo, acontecen tantas cousas que axiña todo queda vello, pasado, fóra da actualidade. Foi onte, pero parece que xa hai un ano e xa se dixo todo que había que dicir. Unha avalancha de artigos e información concentrada rodeou a morte de Paco ( de Luzia, debería ser, súa nai era portuguesa) , que volver hoxe sobre el parece algo fóra de lugar, sen sentido, andar atrasado. E si, algo atrasado ando que non dou seguido todo o que nos queren vender os medios de persuasión de masas, pero conservo a memoria para o que me parece relevante a pesar de non ser tampouco método de moda. Mesmo para os que deixan unha obra imperecedoira, como é o caso de Paco de Lucía, a morte é algo do que nos esquecemos axiña. Dous, tres días de dor, pero axiña cada quen regresa ás súas actividades e labores e deixa a un lado aquelo que tanta dor ou emoción lle causou. A memoria é lixeira coa morte. Máis, claro, se non deixas nada, como é caso da maioría. Pero aínda para os que nunca desaparecerán porque gozaron do don de crear con mestría, agás os seres máis queridos, o resto somos dados ao esquecemento e axiña pasamos ao seguinte. Como ademais mortos vai habendo, non damos atendido a tantos. Pois aínda que xa pareza un pouco fóra de hora, quero resaltar algúns aspectos da grandeza do gran guitarrista. A primeira é a disciplina. Unha disciplina férrea, a idade temperá, que lle obrigou a queimar as xemas dos dedos enriba das cordas: a esquerda para pensar, a dereita para executar. Paco non aceptou esa disciplina porque si, senón porque contou cun pai farto de tocar para señoritos que os despedían cunhas esmolas e catro palmadas no lombo ata a próxima esmorga. Chegar ás oito da mañá derreado e canso de tocar para catro ignorantes que utilizaban a estes músicos como ruído de fondo para os seus ligues, negocios ou borracheiras non era agradable e iso foi o que seu pai quixo evitar. Por iso, desde os oito anos, o neno Paco tocaba máis de oito horas diarias baixo a vixilancia rigorosa dun pai que tocaba para comer, non pola creatividade, nin a loucura da arte, só para comer. Ese rigor disciplinario marcou a maneira de ser e tocar de Paco de Lucía para sempre. Conseguiu, como pasara con músicos clásicos que aplicaron técnicas semellantes, a seguranza que aporta o dominio dunha técnica a proba de calquera imprevisto. Cando por repetición un hábito se instala na maneira de pensar, de executar unha obra ou, coma neste caso, nos dedos dun guitarrista, ao estar tan arraigado, tan fixado no cerebro, é case imposible o erro. Os dedos móvense a velocidade necesaria, coa pulsación precisa, coa intensidade que se lle queira dar. Os hábitos aprendidos a forza de repetir e repetir na infancia logran un dominio técnico básico para calquera actividade que é difícil de perder. E se a técnica, a facilidade e dominio do instrumento o logrou por necesidade de comer, ademais, alcanzado ese obxectivo, Paco de Lucía, coma tódolos xenios, tiña a obsesión do que el chamaba a súa filla de puta. Odiada polas horas de nenez perdida, polo cansazo de repetir pezas ás que xa lles pasara o seu momento, pero necesariamente debía executar en cada concerto, farto de pasear o mundo enteiro pegado á guitarra, odiábaa e quería tanto que non podía vivir sen ela. Se algo caracteriza a un xenio e case obsesión coa que se dedica a algo. Unha dedicación por riba de calquera outra obriga ou necesidade. Paco chegou a ese momento no que, aínda procurando illarse do mundo para gozar da soidade e da familia, non podía prescindir de agarrarse á súa filla de puta e crear, inventar novos sons, acordes máis complexos, ritmos mesturados, fusión, recreación do clásico co novo, da samba ou do jazz, sempre, claro, coa base flamenca dos seus dedos habituados a ese toque tan único e especial. Sempre fun un amante da súa música. Escoiteino moito. Estes días, desde a súa morte, máis. E non só a el, compareino con outros grandes guitarristas, pechaba os ollos e comparaba os sons, de inmediato saltaban as diferenzas. Sanlucar, Tomatito, Amigo, De Melchor, Cepero... todos eles indubidablemente grandes dominadores da guitarra, pero nada que ver co son de Paco de Lucía. A precisión, a finura, exactitude e o ritmo adquiren na súa guitarra unha vida nova, diferente, única. Incapaz de ninguén igualar. Poderás tocar moi ben a guitarra pero nunca coma Paco de Lucía. Aquel neno que comezou por necesidade para comer a disciplinarse aos oito anos, aquel mozo que aprendeu nas mellores ventas, aquel que entendía a Camarón sen palabras, aquel que non lle impoñía nin De Meola nin Chic Corea, ese xenio deixará para sempre pezas e interpretacións únicas, que só el, unicamente el podía tocar así. Por iso, aínda que a memoria sexa leve para os mortos, mesmo os que adquiren gloria, a música que nos deixa impedirá que nos poidamos esquecer del nunca.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 22 de marzo de 2014

PENSAMOS ALGO PARA CEUTA E MELILLA?


NON atoparemos forma de paralos. Continuarán á espera, atravesarán os desertos, pasarán calamidades, pero os máis fortes e atrevidos, os que lles gurgulle unha miga de esperanza acamparán ás portas dunha oportunidade para entrar. Saltando balados con coitelas, feríndose, correndo o risco da morte, porque na morte xa case están. Balados de arame, policías, gardacostas, vixilancias especiais serán sempre escasos contra o desexo de mellorar e cambiar a vida. Non toca enganarse, isto e sabido por todos. 
Demagóxico si é pensar que os podemos acoller a todos ou que podemos abrir as portas de par en par. Pero dramático é tratalos como os estamos tratando. Europa está sendo moi hipócrita con este problema. Aos países aos que castigou con medidas de rigor de saña tócalles a peor parte neste delicado problema de controlar a entrada cara en Europa. Pero os que se xogan a vida en lanchas para ir a Lampedusa ou os que gatean polos arames espiñentos, maliciosamente deseñados para ferir aos saltadores, non queren quedar en Lampedusa nin en Melilla. A súa intención é subir. Subir a Holanda, a Bélxica, a Suecia, a Noruega, a Alemaña. Nós somos os seus gardiáns, o primeiro parapeto para disuadilos e mantelos en condicións inhumanas na súa primeira avanzada. Recoller a case dous mil en casas de acollida destinados para cincocentos, darlles de comer e curalos das súas feridas, atender ás mulleres que veñen preñadas, aliviar momentaneamente as peores consecuencias do primeiro salto. Esta complexa, perigosa e imposible misión de parada e protección encoméndaselle aos países que viven por riba das súas posibilidades, dilapidadores, mal organizados, non axustados no seu déficit e necesitados da vixilancia prusiana de países cumpridores, organizados, aforradores e sacrificados. É inxusta a responsabilidade que pesa sobre os países do sur. Europa necesita un plan coherente, ben tramado e razoable sobre inmigración. E unha vez establecido, a responsabilidade debe ser repartida. Non pode un goberno organizarse en favor do resto de Europa correndo con tódolos riscos que se pasan tratando de deter a miles de desesperados. Algúns dos dos norte, eses tan rigorosos nas contas, tan respectuosos dos dereitos humanos, deberían baixar a Melilla. Ou, postos, por que non se pensa dunha vez en serio que Ceuta e Melilla si teñen un lugar natural de pertenza?


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

VENDO EDIFICIO A CHINO RICO

Seguro que ese magnate chino que acaba de mercar o edificio Santander en Madrid conta cun equipo de asesores informados ao milímetro do que lle supón cada céntimo de euro de beneficio. Dialogar, xa non digamos discutir, con eles sería do máis bobo: tápanche a boca no tempo que intentas dicir bo día. Por iso mercaron onde mercaron e nas condicións nas que o fixeron. Que estes personaxes tan ricos, igual que Amancio Ortega, se estean entregando á compra de edificios por todo o mundo dáme unha tranquilidade que non poden imaxinar. Nunca gustei desas películas apocalípticas nas que nun futuro próximo só se ven rúas destruídas, edificios derrubados, po, soidade, bandas residuais de malfeitores, un can aniñado baixo o lixo e un heroe estraño. Esas visións nas que todo cae: os grandes rañaceos, os edificios inmensos de oficinas, os hoteis de luxo, as casas preciosas conservadas de séculos pasados agora nas mans de algún potentado se pode permitir usala no centro dunha cidade. Pero a pesar de non gustar nin crer nese tipo de cine, non podo negar que nalgunha ocasión teño chegado a pensar se todo podería aniquilarse ata tal punto, quedando só cascotes e animalias asalando. Non vai ocorrer tal. Mentres os que teñen os cartos de verdade merquen edificios, podemos ter garantido, polo menos,, que as persoas de recursos seguirán coas súas ofertas de hoteis e centros do máis refinado luxo para que experimenten os praceres de demostrarnos o seu poder. O que lles ocorrerá ao resto xa resulta menos previsible – ou non- , pero desde logo hoteis de luxo e porteiros uniformados con traxes de colores temos a garantía de que persistirán por bastante tempo en tódolos continentes. Superado o temor a que todo puidese destruírse nun abrir e pechar de ollos, o que lamento é que aos asesores dese señor tan rico de China (de Amancio Ortega xa nin se me vén á cabeza imaxinalo, está aí á beira e dáme que non ten demasiadas ganas de comprar nada por Galicia) non lle propuxese a compra do meu edificio. Unha conversa breve e prometo na próxima reunión de comunidade convencelos a todos sen excepción para que acepten a oferta que o chino nos queira ofrecer. Non é que puidese logo planificar ningún centro comercial nin hotel de luxo nin algunha barrabasada innovadora estilo Calatrava, pero contaría cun edificio digno, incompleto, si, mal acabado, con humidades, con algún que outro desaxuste legal, pero en perfectas condicións para calquera capricho que se lle ocorrese. Non faría falla que lle chorase nin dese explicación de ningún tipo. Xa os seus estudosos contables e xuristas saberían que no tempo que aquí tardou o promotor en arranxar os papeis para un edificio de tres pisos, en Shanghai elevaron tres ous catro rañaceos de 70; sabería tamén que na euforia dos nosos anos de vacas gordas co ladrillo, calquera se metía a promotor, construtor, case arquitecto, por iso as obras subían non moi torcidas, pero todas con defectos estruturais de solución complicada, lenta e custosa; e non precisaría informe algún que o puxese ao día de que a empresa construtora desapareceu, non queda nin restos sociais de ninguén que se responsabilice de nada e a única que podería responder por algo non dispón dun euro para facer fronte a canta resolución a xustiza dite para que pague. Todo iso saberían os chinos, pero aínda así poderíalles interesar, sería coma un xoguete, unha peza de lego para aprender e non repetir error similares no seu país. Ademais, por suposto, de que unha vez arranxadas as deficiencias citadas, o edificio quedaría moi coqueto para calquera alto empregado que mandasen de viaxe a negociar algo en Vigo, para instituír un centro cívico para os chinos da cidade ou calquera outra idea, ideas teñen. En fin, que unha pena non se lles ocorrese saírse do establecido (home, eu recoñezo que o edificio do Santander dá xogo) e buscar algo novidoso e rompedor. Imaxinen ao señor chino tan rico dialogando cun colega nunha maxestosa mansión de Shanghai: sabes que de paso que realicei a operación de Madrid déuseme por un capricho e merquei un edificio de merda, por menos do que nos vai custar esta cea, nunha cidade moi coqueta nun estremo de España e non sei ben que facer con el? Pasarían unha noite estupenda propoñendo hipóteses entre un e o outro. Pero seguro que algunha idea brillante chegaría ás súas cabezas negociadoras. Como o sentido aínda non se me foi de todo, sei que non irá adiante esta fantasía miña. Pero se dentro de dez anos a xustiza rematase co proceso no que nos teremos que embarcar para que o que pagamos se pareza en algo ao que recibimos, e por fin, sen que os membros da comunidade sigamos aportando cada mes cantidades imprescindibles para arranxos indispensables, prometo que vou ao edificio Santander a ver en que e como gastou os cartos ese millonario. Seguro que nun centro comercial... Para iso non fai falla vir de China a Madrid.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 17 de marzo de 2014

FEBRA E TOUCIÑO NO PENSAMENTO


CREO que foi Savater quen dixo que antes da liberdade de expresión é necesaria a liberdade de saber pensar. Coincido. Os medios de comunicación, sobre todos a televisión, confunden cunha serie de programas, a cada cal máis cheirento, onde tratan de demostrar que son coma un adaíl que vai pregoando o camiño da liberdade. Son eses programas nos que cada participante defende "su verdad, si no te gusta, yo creo en la libertad de expresión". E velaí nos teñen a un imbécil torneado en ximnasio e debuxado con animais ou símbolos esotéricos, defendendo a súa verdade sobre o aborto, o maltrato ás mulleres, a inutilidade da monarquía ou terapias revolucionarias moi eficaces contra enfermidades que a medicina tradicional non lle dá traza de momento. En idéntico ton, unha descarada moza ataviada para resaltar os seus signos externos de sexualidade pontifica sobre a conveniencia do aborto, como ela lle enchería a cara a "hostias" a quen lle dixese algo que considera moi ofensivo ou como, en fin, se deitou con quen quixo e cando quixo e iso no lle importa a ninguén, esa é a súa vida; por iso se senta no programa para contar os pelos e outras máculas que amosa en determinadas zonas íntimas da súa pel o famoso con quen se deitou. É a súa verdade.
Aínda tratándose de babosadas, o primeiro erro intragable é confundir opinión con verdade. O torneado de ximnasio e a vendedora de polvos escabrosos poden opinar e dicir as burradas que consideren mentres existan propietarios de tv que lles paguen e siga existindo tanto público ardendo en desexos de coñecelos ao detalle. O que non pode é falar de verdade, algo esixente, rigoroso, medible e que cada disciplina ten establecido cando se pode utilizar, sempre, como dixera Popper, á espera de que un descubrimento novo non anule esa verdade por outra. Porque as verdades son coma lebres que se escabullen e zigzaguean intentando burlar ao investigador que vai detrás delas. Agora ben, o que xa non é admisible é que calquera zoquete que na súa vida dedicou un día á reflexión, que carece de pensamento elaborado despois de ler, escoitar e aprender, diga o que se lle antolle acolléndose ao dereito de expresión. Podemos opinar todos. Pero para opinar cun criterio mínimo debemos previamente elaborar un pensamento aceptable, discutible, cunhas talladas de febra, porque do contrario o que estamos é constantemente escoitando "mi verdad" da boca de catro ignorantes que non saben pensar e só copen touciño rancio.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

ACABOUSE O BOTELLÓN

Non está de moda. Esqueceuse. Levamos tempos nos que preocupacións maiores (ou menores) nos distraen e, como non saen a diario nos medios, parece que o problema desapareceu. Pero segue exactamente igual. Os nosos adolescentes (algúns nin o son) seguen non coñecendo diversión moito mellor cá do botellón. Nenos de trece e catorce anos, cada fin de semana, experimentan a beber, afacéndose a pasar dos primeiros malos tragos a xa ser controladores en “saber beber” Inútiles resultan os informes das consellerías de sanidade, departamentos universitarios, os informes de médicos de urxencias, asistentes sociais, profesores. Parece coma se todos deramos por feito que é un signo dos tempos e que non queda outra. Os pais non se atreven a prohibir as saídas impropias a nenos, as autoridades temen cortar de raíz con problema tan doado, os preocupados pola vida do non nacido axiña despachan un problema de consecuencias terribles para os homes da próxima xeración, sen cargar con tanta forza o marro... Todos fomos cedendo, deixándonos levar, e consentimos, cedemos coma se non houbese posibilidade de enfrontarse ao problema. Pero o perigo non desaparece con pechar os ollos. Cada vez a máis tenra idade os nenos comezan a beber de maneira constante, descontrolada e sen saber ben o que durante as fins de semana. Os efectos de tal conduta non esixen pasar pola facultade de medicina. Fuxindo xa de casos estremos de comas etílicos, a persistencia en tal actitude perturba unha evolución normal de calquera adolescente. Por iso o problema, que segue tan vivo coma cando durante hai anos se dedicaron os medios a cano aberto, día si e día tamén, a darlle ao zoco do grave problema do botellón, abrindo telexornais, resaltando casos dramáticos, e creando o ambiente histérico que por temporada se lle dedica ao asunto elixido, pode estar entrando nunha fase dormente que pode traer consecuencias de extrema gravidade. Quere isto dicir que non se están tomando medidas ningunhas de prevención e atención ao problema? De ningunha maneira. Nos institutos insístese ata aburrilos con charlas dedicadas a esta conduta e os seus resultados negativos. Os titores dedican sesións especiais predicando no deserto sobre a lacra. Dos concellos mandan reforzos con traballadores sociais par cargar máis aínda no bombo e deixalos derreados coñecendo a teoría pero desexando chegue o sábado para vomitar sobre ela. Sanidade tamén conta con informes ao día, con datos que poñen os pelos de punta que envían a tódolos centros de estudos. Moitos médicos non se cansan de insistir nos medios dos riscos que se están correndo persistindo neste abandono. Moitas asociacións de pais tamén aportan o seu grao de area reunindo a fillos e pais fóra de horario escolar para abordar o tema. Si que se fan actividades e os adolescentes están informados. Que ocorre entón? Que non existe vontade política para rematar dunha vez con este costume trampa. Máis nada ca iso. Se un goberno é quen de eliminar sen maior problema o tabaco dos bares, se hoxe é normal ver á xente fumando baixo a chuvia pero fóra do bar, se os establecementos se adaptaron con estufas e terrazas para dar oportunidade a que os fumadores poidan non molestar no interior aos que non desexan fumar pasivamente, como non vai poder acabar dunha tacada con tan estúpida moda de beber en manifestación nas prazas dos pobos ou mesmo en lugares que os propios concellos lles proporcionan? E se un goberno acaba por converter en algo normal que todo condutor use o cinto cando non hai máis de dez anos negábase o menos chulo do lugar a utilizalo porque era moi incómodo, como non vai poder impedir que nenos de trece anos anden pola rúa ás tres da mañá, que se creen ringleiras de peregrinación con bolsas cheas de bebida ao santuarios da bebida descontrolada? Só faltan ganas. Decisión. Un decreto e en tres meses ninguén se acorda de que existiu tal estúpida diversión colectiva entre a mocidade. Se o empeño, desplantes, ataques e reproches que o ministro Gallardón está disposto a padecer na cruz da súa cruzada pola última boa obra de Rouco a tivese a ministra de sanidade ou a quen lle corresponde para establecer un plan decidido, ben programado e apoiado en bloque polo unido PP, con Rajoy sen dicir nada, pero detrás coma sempre, esta praga podía quedar solucionada antes das próximas eleccións. Por que non se intenta? Que paraliza a tódolos gobernos para entrar sen medo a descabezar esta incongruente vergonza de ocio? Non creo que sexa a ignorancia, nin o medo ás consecuencias de tres fins de semana mozos tirando contedores, nin a catro ideólogos que aínda defenden que iso é liberdade. Non. Algún interese oculto – de tipo económico, sempre son os cartos estúpido- seguro que impiden que dunha vez por todas se remate con esta acalada lacra que está estragando na xuventude, coma se xa non tivese un futuro o suficientemente triste por diante coma para non pensar en organizarse e planificar unha saída á trampa na os teñen encadeados e eles non se resisten.





PUBLICADO DIARIO DE PONTEVEDRA

miércoles, 12 de marzo de 2014

ENEMIGOS





CUALQUIERA  PUEDE ELEGIR A 

SUS AMIGOS,

PERO SOLO LOS SABIOS PUEDEN

ELEGIR A SUS ENIMIGOS



JAMES SALTER