sábado, 22 de marzo de 2014

VENDO EDIFICIO A CHINO RICO

Seguro que ese magnate chino que acaba de mercar o edificio Santander en Madrid conta cun equipo de asesores informados ao milímetro do que lle supón cada céntimo de euro de beneficio. Dialogar, xa non digamos discutir, con eles sería do máis bobo: tápanche a boca no tempo que intentas dicir bo día. Por iso mercaron onde mercaron e nas condicións nas que o fixeron. Que estes personaxes tan ricos, igual que Amancio Ortega, se estean entregando á compra de edificios por todo o mundo dáme unha tranquilidade que non poden imaxinar. Nunca gustei desas películas apocalípticas nas que nun futuro próximo só se ven rúas destruídas, edificios derrubados, po, soidade, bandas residuais de malfeitores, un can aniñado baixo o lixo e un heroe estraño. Esas visións nas que todo cae: os grandes rañaceos, os edificios inmensos de oficinas, os hoteis de luxo, as casas preciosas conservadas de séculos pasados agora nas mans de algún potentado se pode permitir usala no centro dunha cidade. Pero a pesar de non gustar nin crer nese tipo de cine, non podo negar que nalgunha ocasión teño chegado a pensar se todo podería aniquilarse ata tal punto, quedando só cascotes e animalias asalando. Non vai ocorrer tal. Mentres os que teñen os cartos de verdade merquen edificios, podemos ter garantido, polo menos,, que as persoas de recursos seguirán coas súas ofertas de hoteis e centros do máis refinado luxo para que experimenten os praceres de demostrarnos o seu poder. O que lles ocorrerá ao resto xa resulta menos previsible – ou non- , pero desde logo hoteis de luxo e porteiros uniformados con traxes de colores temos a garantía de que persistirán por bastante tempo en tódolos continentes. Superado o temor a que todo puidese destruírse nun abrir e pechar de ollos, o que lamento é que aos asesores dese señor tan rico de China (de Amancio Ortega xa nin se me vén á cabeza imaxinalo, está aí á beira e dáme que non ten demasiadas ganas de comprar nada por Galicia) non lle propuxese a compra do meu edificio. Unha conversa breve e prometo na próxima reunión de comunidade convencelos a todos sen excepción para que acepten a oferta que o chino nos queira ofrecer. Non é que puidese logo planificar ningún centro comercial nin hotel de luxo nin algunha barrabasada innovadora estilo Calatrava, pero contaría cun edificio digno, incompleto, si, mal acabado, con humidades, con algún que outro desaxuste legal, pero en perfectas condicións para calquera capricho que se lle ocorrese. Non faría falla que lle chorase nin dese explicación de ningún tipo. Xa os seus estudosos contables e xuristas saberían que no tempo que aquí tardou o promotor en arranxar os papeis para un edificio de tres pisos, en Shanghai elevaron tres ous catro rañaceos de 70; sabería tamén que na euforia dos nosos anos de vacas gordas co ladrillo, calquera se metía a promotor, construtor, case arquitecto, por iso as obras subían non moi torcidas, pero todas con defectos estruturais de solución complicada, lenta e custosa; e non precisaría informe algún que o puxese ao día de que a empresa construtora desapareceu, non queda nin restos sociais de ninguén que se responsabilice de nada e a única que podería responder por algo non dispón dun euro para facer fronte a canta resolución a xustiza dite para que pague. Todo iso saberían os chinos, pero aínda así poderíalles interesar, sería coma un xoguete, unha peza de lego para aprender e non repetir error similares no seu país. Ademais, por suposto, de que unha vez arranxadas as deficiencias citadas, o edificio quedaría moi coqueto para calquera alto empregado que mandasen de viaxe a negociar algo en Vigo, para instituír un centro cívico para os chinos da cidade ou calquera outra idea, ideas teñen. En fin, que unha pena non se lles ocorrese saírse do establecido (home, eu recoñezo que o edificio do Santander dá xogo) e buscar algo novidoso e rompedor. Imaxinen ao señor chino tan rico dialogando cun colega nunha maxestosa mansión de Shanghai: sabes que de paso que realicei a operación de Madrid déuseme por un capricho e merquei un edificio de merda, por menos do que nos vai custar esta cea, nunha cidade moi coqueta nun estremo de España e non sei ben que facer con el? Pasarían unha noite estupenda propoñendo hipóteses entre un e o outro. Pero seguro que algunha idea brillante chegaría ás súas cabezas negociadoras. Como o sentido aínda non se me foi de todo, sei que non irá adiante esta fantasía miña. Pero se dentro de dez anos a xustiza rematase co proceso no que nos teremos que embarcar para que o que pagamos se pareza en algo ao que recibimos, e por fin, sen que os membros da comunidade sigamos aportando cada mes cantidades imprescindibles para arranxos indispensables, prometo que vou ao edificio Santander a ver en que e como gastou os cartos ese millonario. Seguro que nun centro comercial... Para iso non fai falla vir de China a Madrid.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.