lunes, 17 de marzo de 2014

FEBRA E TOUCIÑO NO PENSAMENTO


CREO que foi Savater quen dixo que antes da liberdade de expresión é necesaria a liberdade de saber pensar. Coincido. Os medios de comunicación, sobre todos a televisión, confunden cunha serie de programas, a cada cal máis cheirento, onde tratan de demostrar que son coma un adaíl que vai pregoando o camiño da liberdade. Son eses programas nos que cada participante defende "su verdad, si no te gusta, yo creo en la libertad de expresión". E velaí nos teñen a un imbécil torneado en ximnasio e debuxado con animais ou símbolos esotéricos, defendendo a súa verdade sobre o aborto, o maltrato ás mulleres, a inutilidade da monarquía ou terapias revolucionarias moi eficaces contra enfermidades que a medicina tradicional non lle dá traza de momento. En idéntico ton, unha descarada moza ataviada para resaltar os seus signos externos de sexualidade pontifica sobre a conveniencia do aborto, como ela lle enchería a cara a "hostias" a quen lle dixese algo que considera moi ofensivo ou como, en fin, se deitou con quen quixo e cando quixo e iso no lle importa a ninguén, esa é a súa vida; por iso se senta no programa para contar os pelos e outras máculas que amosa en determinadas zonas íntimas da súa pel o famoso con quen se deitou. É a súa verdade.
Aínda tratándose de babosadas, o primeiro erro intragable é confundir opinión con verdade. O torneado de ximnasio e a vendedora de polvos escabrosos poden opinar e dicir as burradas que consideren mentres existan propietarios de tv que lles paguen e siga existindo tanto público ardendo en desexos de coñecelos ao detalle. O que non pode é falar de verdade, algo esixente, rigoroso, medible e que cada disciplina ten establecido cando se pode utilizar, sempre, como dixera Popper, á espera de que un descubrimento novo non anule esa verdade por outra. Porque as verdades son coma lebres que se escabullen e zigzaguean intentando burlar ao investigador que vai detrás delas. Agora ben, o que xa non é admisible é que calquera zoquete que na súa vida dedicou un día á reflexión, que carece de pensamento elaborado despois de ler, escoitar e aprender, diga o que se lle antolle acolléndose ao dereito de expresión. Podemos opinar todos. Pero para opinar cun criterio mínimo debemos previamente elaborar un pensamento aceptable, discutible, cunhas talladas de febra, porque do contrario o que estamos é constantemente escoitando "mi verdad" da boca de catro ignorantes que non saben pensar e só copen touciño rancio.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.