PUBLICADO DIARIO DE PONTEVEDRA
lunes, 17 de marzo de 2014
ACABOUSE O BOTELLÓN
Non está de moda. Esqueceuse. Levamos tempos nos que preocupacións maiores (ou menores) nos distraen e, como non saen a diario nos medios, parece que o problema desapareceu. Pero segue exactamente igual. Os nosos adolescentes (algúns nin o son) seguen non coñecendo diversión moito mellor cá do botellón. Nenos de trece e catorce anos, cada fin de semana, experimentan a beber, afacéndose a pasar dos primeiros malos tragos a xa ser controladores en “saber beber” Inútiles resultan os informes das consellerías de sanidade, departamentos universitarios, os informes de médicos de urxencias, asistentes sociais, profesores. Parece coma se todos deramos por feito que é un signo dos tempos e que non queda outra. Os pais non se atreven a prohibir as saídas impropias a nenos, as autoridades temen cortar de raíz con problema tan doado, os preocupados pola vida do non nacido axiña despachan un problema de consecuencias terribles para os homes da próxima xeración, sen cargar con tanta forza o marro... Todos fomos cedendo, deixándonos levar, e consentimos, cedemos coma se non houbese posibilidade de enfrontarse ao problema. Pero o perigo non desaparece con pechar os ollos. Cada vez a máis tenra idade os nenos comezan a beber de maneira constante, descontrolada e sen saber ben o que durante as fins de semana. Os efectos de tal conduta non esixen pasar pola facultade de medicina. Fuxindo xa de casos estremos de comas etílicos, a persistencia en tal actitude perturba unha evolución normal de calquera adolescente. Por iso o problema, que segue tan vivo coma cando durante hai anos se dedicaron os medios a cano aberto, día si e día tamén, a darlle ao zoco do grave problema do botellón, abrindo telexornais, resaltando casos dramáticos, e creando o ambiente histérico que por temporada se lle dedica ao asunto elixido, pode estar entrando nunha fase dormente que pode traer consecuencias de extrema gravidade. Quere isto dicir que non se están tomando medidas ningunhas de prevención e atención ao problema? De ningunha maneira. Nos institutos insístese ata aburrilos con charlas dedicadas a esta conduta e os seus resultados negativos. Os titores dedican sesións especiais predicando no deserto sobre a lacra. Dos concellos mandan reforzos con traballadores sociais par cargar máis aínda no bombo e deixalos derreados coñecendo a teoría pero desexando chegue o sábado para vomitar sobre ela. Sanidade tamén conta con informes ao día, con datos que poñen os pelos de punta que envían a tódolos centros de estudos. Moitos médicos non se cansan de insistir nos medios dos riscos que se están correndo persistindo neste abandono. Moitas asociacións de pais tamén aportan o seu grao de area reunindo a fillos e pais fóra de horario escolar para abordar o tema. Si que se fan actividades e os adolescentes están informados. Que ocorre entón? Que non existe vontade política para rematar dunha vez con este costume trampa. Máis nada ca iso. Se un goberno é quen de eliminar sen maior problema o tabaco dos bares, se hoxe é normal ver á xente fumando baixo a chuvia pero fóra do bar, se os establecementos se adaptaron con estufas e terrazas para dar oportunidade a que os fumadores poidan non molestar no interior aos que non desexan fumar pasivamente, como non vai poder acabar dunha tacada con tan estúpida moda de beber en manifestación nas prazas dos pobos ou mesmo en lugares que os propios concellos lles proporcionan? E se un goberno acaba por converter en algo normal que todo condutor use o cinto cando non hai máis de dez anos negábase o menos chulo do lugar a utilizalo porque era moi incómodo, como non vai poder impedir que nenos de trece anos anden pola rúa ás tres da mañá, que se creen ringleiras de peregrinación con bolsas cheas de bebida ao santuarios da bebida descontrolada? Só faltan ganas. Decisión. Un decreto e en tres meses ninguén se acorda de que existiu tal estúpida diversión colectiva entre a mocidade. Se o empeño, desplantes, ataques e reproches que o ministro Gallardón está disposto a padecer na cruz da súa cruzada pola última boa obra de Rouco a tivese a ministra de sanidade ou a quen lle corresponde para establecer un plan decidido, ben programado e apoiado en bloque polo unido PP, con Rajoy sen dicir nada, pero detrás coma sempre, esta praga podía quedar solucionada antes das próximas eleccións. Por que non se intenta? Que paraliza a tódolos gobernos para entrar sen medo a descabezar esta incongruente vergonza de ocio? Non creo que sexa a ignorancia, nin o medo ás consecuencias de tres fins de semana mozos tirando contedores, nin a catro ideólogos que aínda defenden que iso é liberdade. Non. Algún interese oculto – de tipo económico, sempre son os cartos estúpido- seguro que impiden que dunha vez por todas se remate con esta acalada lacra que está estragando na xuventude, coma se xa non tivese un futuro o suficientemente triste por diante coma para non pensar en organizarse e planificar unha saída á trampa na os teñen encadeados e eles non se resisten.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.