sábado, 22 de marzo de 2014

PENSAMOS ALGO PARA CEUTA E MELILLA?


NON atoparemos forma de paralos. Continuarán á espera, atravesarán os desertos, pasarán calamidades, pero os máis fortes e atrevidos, os que lles gurgulle unha miga de esperanza acamparán ás portas dunha oportunidade para entrar. Saltando balados con coitelas, feríndose, correndo o risco da morte, porque na morte xa case están. Balados de arame, policías, gardacostas, vixilancias especiais serán sempre escasos contra o desexo de mellorar e cambiar a vida. Non toca enganarse, isto e sabido por todos. 
Demagóxico si é pensar que os podemos acoller a todos ou que podemos abrir as portas de par en par. Pero dramático é tratalos como os estamos tratando. Europa está sendo moi hipócrita con este problema. Aos países aos que castigou con medidas de rigor de saña tócalles a peor parte neste delicado problema de controlar a entrada cara en Europa. Pero os que se xogan a vida en lanchas para ir a Lampedusa ou os que gatean polos arames espiñentos, maliciosamente deseñados para ferir aos saltadores, non queren quedar en Lampedusa nin en Melilla. A súa intención é subir. Subir a Holanda, a Bélxica, a Suecia, a Noruega, a Alemaña. Nós somos os seus gardiáns, o primeiro parapeto para disuadilos e mantelos en condicións inhumanas na súa primeira avanzada. Recoller a case dous mil en casas de acollida destinados para cincocentos, darlles de comer e curalos das súas feridas, atender ás mulleres que veñen preñadas, aliviar momentaneamente as peores consecuencias do primeiro salto. Esta complexa, perigosa e imposible misión de parada e protección encoméndaselle aos países que viven por riba das súas posibilidades, dilapidadores, mal organizados, non axustados no seu déficit e necesitados da vixilancia prusiana de países cumpridores, organizados, aforradores e sacrificados. É inxusta a responsabilidade que pesa sobre os países do sur. Europa necesita un plan coherente, ben tramado e razoable sobre inmigración. E unha vez establecido, a responsabilidade debe ser repartida. Non pode un goberno organizarse en favor do resto de Europa correndo con tódolos riscos que se pasan tratando de deter a miles de desesperados. Algúns dos dos norte, eses tan rigorosos nas contas, tan respectuosos dos dereitos humanos, deberían baixar a Melilla. Ou, postos, por que non se pensa dunha vez en serio que Ceuta e Melilla si teñen un lugar natural de pertenza?


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.