domingo, 30 de noviembre de 2014

A HORA DE TORRES E NAVARRO

TANTO o profesor Vicenç Navarro como Juan Torres, fartáronse nos medios dixitais de denunciar a falta de cultura democrática do país, sobre todo no aspecto económico. O argumento máis socorrido denunciaba que a ideoloxía económica neoliberal invadía a práctica totalidade dos medios máis importantes do país, persuadindo á opinión pública, sen fundamento científico, de solucións falsas e interesadas carentes de rigor. Dende a súa perspectiva, os grupos de poder máis potentes introducían por medio dos seus economistas asalariados directos ou indirectos análises para saír da crise que obedecían á comenencia dos grandes intereses financeiros e non á evidencia científica que avalaba outros métodos non tan agresivos coas clases traballadoras. Laméntanse tamén do baixo nivel de discusión intelectual ao confundir datos e argumentos con insultos, doidos de que neses medios maioritarios contradigan as súas propostas económicas coa simpleza inexacta de ser asesores de Fidel Castro.
Xunto con outros economistas máis novos, tanto o profesor da Pompeu Fabra como o da Universidade de Sevilla disque están concretando o programa económico de Podemos. Creo que a ocasión é única para que as súas propostas se coñezan e discutan tanto con serenidade como con sentido crítico. Se de algo carece o grupo promotor do partido en ascenso é de propostas económicas que fagan crible o cumprimento dos seus soños máis ou menos fáciles de aceptar. Poden estar seguros de que un exército de expertos saíra co fouciño nos dentes disposto a destripar por inxenuas ou irrealizables as súas propostas. Certo que ao final as decisións en economía dependen máis da pretensión política ca do rigor científico sobre o que se asentan, pero a ocasión é única como para que quen di sentirse en inferioridade á hora de crear opinión, demostre que manexa datos e hipóteses realizables, non só fantasías. Se algo conseguiu Podemos é que se introduzan na discusión política propostas que se mandaran ao faiado do descrédito ou incluso se reduciran ao cínico riso desprezativo. Sería positivo que o programa máis pormenorizado deste grupo en ascenso, asesorado por estes dous economistas, dese a oportunidade de ver que non só hai un catecismo e que contrastar e analizar outras modelos de entender a solución aos problemas económicos non nos converte de inmediato na Venezuela do sur de Europa.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

ARRIBA E ABAIXO

Entretidos como estamos en chorar a duquesas, descifrar se o pícaro pode arrastrar na súa fábula a algún imbécil fachendoso ou se o político viaxa detrás da amada a cargo do erario público, esquecemos o fundamental: que somos máis pobres, que o soldos da maioría descenden, que os traballos se achegan cada vez máis á explotación e que en desigualdade poucos nos ganan. Feitos eternos e universais pero que co pasar dos séculos se foron suavizando na medida en que se ganaron dereitos que en principio parecían soños. O sufraxio universal, deixar de traballar coma bestas e gozar de vacacións, aceptar os dereitos humanos coma un desexo incontestable ou a loita das mulleres polo recoñecemento do dereito á igualdade foron inicialmente soños que paulatinamente entraron no camiño da realidade. Por iso, a pesar de todo, a historia da humanidade é un camiño de mellora, por máis que perduren mesturados cos avances tecnolóxicos actitudes e condutas propias de séculos ben atrasados, tal e como escribía non hai moito Juan Goytisolo, flamante premio Cervantes. 
Miramos aparvados a Grecia e Roma, á ágora, á democracia, esquecendo que gran parte da poboación nin era cidadán, só escravo, sen dereito nin dignidade; enredamos por moda de lecer a nos disfrazar de comendadores, rei ou clérigo medieval, pasando ao faiado a pirámide feudal que convertía á maioría en gleba; recoñecemos a gran transformación que seguiu á industrialización, pensando que os nenos farrapentos eran só asunto lacrimoso das novelas de Dickens; enchemos páxinas e informes coa obsesión de medrar para ser máis ricos e así mellorar todos, sen reparar en que medrar por medrar, aceptando a desigualdade, non é avanzar senón retroceder. Parece coma se as grandes liñas de debate andaran arredor de dous polos difíciles de harmonizar. Aqueles que defenden a importancia do crecemento como motor da riqueza, única situación que logo pode permitir un aceptable reparto, ou os que centran toda a súa artillería en combater a desigualdade. Os primeiros ven nos obsesionados pola desigualdade inxenuos voluntariosos, ilusos moitas veces, incapaces de entender con realismo que non por máis soñar se consegue mellor repartir. Os segundos atacan aos primeiros ao consideralos cínicos cegados pola súa propia cobiza que só lles permite ver a parte da realidade que lles produce beneficios inmediatos. Uns e outros xeran grupos políticos que pretenden aplicar estas ideas nai de fondo, confluíndo case sempre á hora da práctica en idénticos erros. Nese conflito, na vixilancia de uns aos outros, na creación de instrumentos legais que controlen os deslices dos dous debería estar a mellor democracia posible. O malo é cando na lea lexítima das dúas tendencia se xoga sucio, se esquece a finalidade última e os fins xustifican os medios, sempre estes contaminando a aqueles, co que todos, desenganados e frustrados, lamentamos o difícil e custoso que é unha boa xestión do interese común. Discútese se o concepto de esquerdas e dereitas segue a ter sentido. Antes insistían máis os de dereitas en manter que tal diferenciación era un anacronismo, pero hoxe tamén ideólogos e políticos provenientes da esquerda se inclinan por non ver clara a diferenciación. Parece admitido que en política é ben certo o dito de que se pode ir dereito con liñas tortas e cada quen acepta métodos ou estratexias do contrario salvados na xustificación de que ao final todos pretendemos idéntico fin. Por que ha ser entón máis eficaz a esquerda que a dereita para lograr riqueza, progreso e igualdade de dereitos? Quen di que subir impostos é de dereitas ou de esquerdas? En que se basea a liña divisoria entre unha política fiscal de dereitas e unha de esquerdas? Por que os defensores do aborto han ser de esquerdas e os defensores da vida dos nasciturus de dereitas? E velaí nos teñen nesta confusión contrastada pola experiencia da actuación dos grupos gobernantes neste país nos últimos anos. Os dous corruptos. Os dous con aplicacións de políticas económicas similares (non idénticas). Os dous cedendo a presións confesadas e ocultas. Os dous sumidos nun descrédito alarmante que lles fan desangrarse a chorros na perda de votos. 
Mentres, agarrándose a soños simples pero eternos e universais, un grupo de ilustrados desherdados tratan de ilusionar aos cansos e defraudados. Certo que ofrecen máis incógnitas que certezas (para certezas xa tivemos os trinta e cinco anos dos dous partidos que gobernaron, sobre todo a certeza de que estamos retrocedendo en dereitos e igualdade), máis desexo que plans concretos. Pero non esquezamos que todo dereito conquistado comezou sendo un soño e que non saberemos se hai dereitas ou esquerdas, pero é innegable que existe arriba e abaixo. O dilema está servido: realismo baixo o control dos de arriba ou soños inseguros alimentados polos de abaixo, sabendo, claro, que arriba e abaixo son realidades dinámicas e non maniqueas.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 24 de noviembre de 2014

TARDE PIACHES, MARIANO

ACÚSASE ao ministro Margallo de falar en exceso do aburrido e manido problema do secesionismo catalán, aducindo que non é precisamente o encargado de exteriores o máis indicado para pronunciarse sobre o asunto. O certo é que a iniciativa estivo sempre do lado catalanista, pois o Goberno central adoptou unha posición defensiva, monocorde e legalista que a nada bo conduciu. Parece que agora intentan dende a Moncloa iniciar un plan de explicación e sedución para que o despece non vaia a maiores. Se xa antes Margallo interviña, supoño que agora non o fará menos. Polo momento xa lle escoitei dicir que nin a OTAN nin Europa aceptarían xamais a unha Cataluña esgazada do resto do Estado.
Mala estratexia dende a miña humilde visión. O ministro de Exteriores debería xogar un papel moi importante para clarificar a confusos e situar na realidade aos posibles ilusos que confunden a secesión co paraíso terreal. Moito antes de agora, se algunha iniciativa tomase o Goberno central, xa deberían ter ben traballado no exterior un plan de axuda. Pero a boa xestión en exteriores realízase non exterior, non en Onda Cero. E, se desexan que alguén os tome en serio, non debe ser o señor Margallo quen faga declaracións aquí, senón convencer polo baixo a Merkel e a Knud Bartels para que eles si ben alto e dende fóra declaren con rotundidade a braña na que se espetarían os independentistas no caso de que, por estes métodos, sigan gurrando con largarse porque non nos queren. A misión de Exteriores sería arrincarlles declaracións con xugo a pesos pesados da política internacional, lograr que digan algo que puidese dar que pensar aos ilusionados e entusiastas secesionistas que todo o fían ao glorioso día da declaración dun estado propio. Esa, paréceme, sería a liña a seguir por Exteriores. E estráñame que non dedicasen máis empeño a esta misión, máxime cando considero que, dos ministros actuais, é o señor García-Margallo dos poucos que demostrou intelixencia e capacidade. Claro que neste embrollo ben tecido polas elites catalanistas hai xa moitos anos que dende o Goberno central non dan unha a dereitas nin a esquerdas. Só se preocuparon de lles cantar ao oído e ceder por comenencia ata que, sorprendidos polo descaro do neno malcriado, non lles queda outra que mandar os fiscais para que o cale. Tarde piaches, Mariano. Pero non só Mariano, tamén Felipe, José María e José Luís.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

GRANDES COMUNICADORES

Houbo tempos remotos nos que un informador que se prezase no se prestaba a realizar publicidade para ningunha empresa nin para ninguén, a non ser que se tratase dunha obra social ou de caridade. Diso xa hai moito. Agora será raro que un presentador, non digamos deportista ou persoa algo coñecida – o que parece máis aceptable-, non complemente os seus ingresos axudando a vender automóbiles, seguros de vida, traxes, teléfonos, pasta para os dentes ou sardiñas en lata. Será o signo dos tempos: débese aproveitar o momento, nada chega, canto máis tes, máis necesitas... Cada quen é libre, por suposto, e non se trata de exercer de xulgadores meticulosos, mais existe unha liña que non entendo ben como é que se pode traspasar sen que vendedores e informadores non se decaten do pouco estética que resulta tanta mesturanza. 
Pensen no comunicador ou comunicadora que máis lles satisfaga, nese programa de radio da mañá ou da tarde, dirixido por un afamado comunicador, pagado coma executivo do Ibex 35, que sen lle tremer a voz, nin tan sequera modulala para indicar que se produce un cambio na mensaxe, pasa de dirixir unha conversa sobre a actualidade a vender as bondades dunha determinada gasolina. Sen salto nin aviso previo, sen mediación, silencio nin nada que o diferencie, con tanta naturalidade que dá por entendido que a súa voz e prestixio serven o mesmo para a defensa da obxectividade e neutralidade que para publicitar a quen mellor lle pague. Así, con naturalidade. Pasan de informadores e intérpretes obxectivos da realidade, de críticos feros en moitos casos, de inquisidores nalgúns, pasan, digo, sen o máis mínimo reparo, a convencernos das enormes vantaxes de apuntarnos a un gabinete de avogados, a un seguro médico ou a que enchamos o depósito de gasolina co da refinería que  el publicita. Non soa estraño?
Caerían no detalle que non me estou a referir a xornalistas explotados, pobres, moitos deles amarrados a unha mesa aburrida coma oficinistas sen decisión, ou que deben prestar a súa voz a un tempo para dar as noticias locais e gravar cuñas publicitarias, despois de carreira con con alto nivel de esixencia para entrar e vocacións moitas veces alimentadas dende a adolescencia. Non, aos que me refiro son estrelas da comunicación, voces da radio e da televisión que adquiren un nome e prestixio, ás veces pola súa valía, outras non tanto, capaces de negociar cifras de escándalo coas cadeas que os contratan case coa fachenda de deportistas de elite. Directores de programas en tramos horarios de maior audiencia que basean as súas esixencias económicas precisamente no poder de convocatoria da súa voz, crítica, intelixencia, agudeza ou simpatía para reter aos oíntes e así atraer publicidade para o medio. Non lles debería abondar con iso?
Parece que non. Como xa indiquei, a parte aínda se permiten gravar spots publicitarios para grandes almacéns, bancos, supermercados ou quen lles pague, nas linguas que faga falla. E, xa no límite da elegancia, préstanse sen miga de vergonza – a razón instrumental serve para xustificar todo o que nos apetece, sobre todo se vai no noso favor- a coser entrevistas con políticos, científicos ou artistas varios co touciño da publicidade que eles mesmos promocionan, confundindo ao oínte coa tentación de que crea que a fiabilidade e validez da información e da publicidade van en idéntico lote, co mesmo personaxe, en idéntico ton de voz, dicción e simpatía. Unha mesturanza que pode resultar efectiva para o anunciante, pero que entendo debera causar urticaria no comunicador que se presta a tal amoado. 
No colmo da agresividade publicitaria escoitei nunha radio non hai moito unha clínica de fertilidade que vendía a categoría dos seus tratamentos asegurando que á muller que non quedase preñada devolvíalle os cartos, coma se dun deterxente para lavadora se tratase. Menos mal que o descarado anuncio respondía á gravación dunha axencia que se vería obrigada a contratar voces anónimas de locutores e locutoras con necesidade des sobrevivir. Mais cando regresou ao micrófono a famosa comunicadora que dirixe o programa da tarde desa cadea de emisoras, acordoume o tempo que necesitaremos para que desaparezan as cuñas e sexa ela coa súa voz a que nos venda as bondades desa clínica. Porque está claro que se comeza dando voz a grandes bancos, empresas de gas, eléctricas e refinerías, coma se ao ser tan importantes os anunciantes non se rebaixase o anunciador, pero verán como en calquera momento, e non por necesidade económica precisamente, senón porque é signo dos tempos, eses grandes comunicadores, repartidores do ben e do mal, salvadores case nalgún caso, formadores de opinión, non lles doen prendas por prestar imaxe e voz para dar publicidade a calquera empresa de dubidosa intención ou claramente estafadora. É un simple paréntese. Logo continúa a información, o serio, a obxectividade… 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 16 de noviembre de 2014

MAS ZAPATEA A RAJOY

Andaba faltón nos tempos de opositor (político, non a rexistrador) o agora presidente Rajoy. Para conseguir o apoio maioritario dos votantes, ademais de prometer o que incumpriu, dedicouse a desprestixiar a Zapatero con fereza. En político que presume de sentido común, soaban estridentes os insultos case ad hominen cos que axudou a derribar a xa minada figura do expresidente. Inepto e ignorante non foron os únicos cualificativos que con saña lle dedicou ata facer correr unha verdade na que crer: el era (Zapatero), con moito, o peor presidente da democracia. Xa escribín noutra ocasión que ande con tino Rajoy, poden caerlle as soberbias e competir con el por idéntico título. Entre leoneses anda o xogo. 
O mérito máis achegado que temos do seu fracaso é a xestión da desfeita catalá. Disimule como queira e prediquen canto lles dea a voz desde Madrid con que todo foi unha chapuza ilegal e sen valor xurídico, o indiscutible está á vista de que non se empeñe en pechar os ollos: Mas, a Generalitat, as elites e o poder político asociado cos moitos cidadáns independentistas que se formaron, alentaron, encirraron, enganaron, avivaron e mimaron dende dentro e fóra de Cataluña, demostraron máis astucia, mellor retranca política e fervorosa fe capaz de pasarlle por diante do nariz ao Estado que saltan por riba das súas normas e leis sen que ninguén lles tusa. En Cataluña manda a Generalitat, os grupos civís mobilizadores da consulta, os independentistas e as elites económicas e culturais decididas a separarse do Estado. Dende logo non manda o presidente Rajoy, nin o TC, nin as Fiscalía, nin ningunha outra institución, non quero nin nomear garda civil, policía ou exército porque entón xa entrariamos no peor fin dos posibles desta mala película. 
A impresión que deu Rajoy durante a partida na que Mas desafiaba e el calaba era que gardaba algún as na manga, que deixaba que o político catalanista se enchese de fachenda, de bravatas e simplezas, para chafalo dun golpe seco. Para min que a maioría dos seus votantes confiaban en que con esa espera que parecía raposa apatía algo agochaba para frear dun golpe ben dado as súas provocacións. Pero non había nada. Só as ladaíñas repetidas día tras día de lei e orde: un responsable político debe cumprir a lei, confío en que a cumpra. Amarrado a ese salvavidas recorreu en última instancia á axuda do TC, pero non entendeu que o xogo do contrincante xa estaba fóra dese campo. Había meses, anos, que os políticos cataláns viñan experimentando pequenos ensaios coa insurrección comprobando que nada pasaba, que ninguén se atrevía, que calquera presidente, fose do PSOE ou do PP, enmudecía cando se parapetaban na vontade do pobo, na democracia, no dereito a decidir. Mentres Rajoy pensaba que estaba nun campo de herba, con árbitro e claros regulamentos, Mas e os seus xa había anos que ensaiaran con éxito que eles podían xogar outro partido, noutro campo, cuns fundamentos etéreos e falaces que, unha vez aceptados por un bo número de cidadáns, non habería maneira de parar. E aquí chegamos. Máis de dous millóns de cidadáns, ledos e eufóricos, levan en andas a un presidente que os ilusionou coa terra prometida da independencia, unha teleoloxía de potencia imparable á que xa ninguén dará calmado.
 Vendeuse erroneamente que a decisión unánime do TC suspendendo a consulta remataba co problema. Quérese vender agora que con este simulacro de consulta, no que “só” votaron dous millóns significa pouco ou nada á beira dos cerca de seis que poderían votar. Falso. O entusiasmo, a fe e o desexo de independencia que callou nun grupo de cidadáns é o suficientemente amplo e activo como para que os desafíos medren sen límite, máxime contando co alento dos dous partidos maioritarios nas institucións, insuflando propaganda e recursos a esgalla porque Ara és l’hora. A falta de reflexos de Rajoy e o seu goberno (así como a incompetencia de Zapatero, tamén a comenencia de González e Aznar) permitiron o paso penúltimo antes de que unhas eleccións plebiscitarias reciban a bendición dos votantes para que declaren a independencia. 
Rajoy saca peito diante dos seus seareiros afirmando que mentres el sexa presidente non se romperá a soberanía nacional. Pode ser certo. É moi probable que mentres el sexa presidente non se chegue a materializar o que está cantado, pero non será polos méritos da súa capacidade negociadora, nin polas súa xestión internacional (unha palabra de Merkel e estaría salvado), nin pola firmeza das súas decisións desmontando as falacias e falcatruadas dunha Generalitat en clara e manifesta insurrección, senón, simplemente, porque os votantes non queiran que volva a ser presidente. Porque, insisto, o debate entre se o peor foi Zapatero ou será el está aberto. Tanto que, antes das eleccións, puidese ser que lle gane ao socialista coa mesma claridade coa que Mas o zapateou. Ou non o escoitaron desafiando ás institucións democráticas en plan Gary Cooper: aquí o responsable (o chulo, quería dicir) son eu. E isto non porque desenfunde máis áxil ca ninguén, senón porque se sente ben protexido coma para seguir desafiando ata o éxito final.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

UN SENADO QUE NON NOS PODEMOS PERMITIR

AÍNDA a risco de caer pesado, non me cansarei de repetilo: contamos con institucións e cargos políticos por riba das nosas posibilidades. Considero a política coma unha actividade nobre e imprescindible para o ordenamento do ben común. Petamos contra nós ao xeneralizar sobre toda actividade e actor político. Dedicarse a lexislar e executar leis pensadas polos representantes de todos para mellor articular os intereses da maioría é tarefa elevada dentro da sociedade. Esas persoas merecen respecto e remuneración digna. Agora ben, como a perfección non é consubstancial ao mundo nin ás persoas, sensato parece establecer división de poderes, vixilancia estrita e controis renovados e dinámicos que non permitan que a podremia se apodere de políticos e institucións. Algo obvio, pero que cómpre recordar de vez en cando.
Que o noso sistema político chegou a unha contaminación sistémica con determinados poderes económicos por falta de división de poderes, por abandono nos controis e por abdicación de responsabilidades dos cidadáns, non ofrece dúbida. Por iso chegamos a esta catarata de descubrimentos fétidos en tódalas latitudes, protagonistas económicos e colores políticos. Como é habitual en todo organismo, a clase política entumecida non está polo labor de se purificar polas súas propias decisións. Terá que ser dende o exterior (xustiza, movementos cívicos, cambios na tendencia de voto) que lles obriguen a modificar hábitos en tantos anos cristalizados. De non ser así, a súa inercia levaraos a continuar aplicando as receitas coñecidas: esixir sacrificios á parte dos cidadáns máis débil e considerar non razoable esixirllo aos poderosos e aínda menos a eles mesmos. Que ao goberno non lle trema o pulso á hora de obrigar aos pensionistas a pagar parte das medicinas antes que suprimir institucións inútiles é todo un síntoma. Non se trata xa de saber se os senadores viaxan con fondos públicos por motivos privados. O que se debería é debater dunha vez por que mantemos un Senado inútil, refuxio de políticos acabados ou necesitados de protección aforada. Non é iso vivir por riba das nosas posibilidades? E non me retruquen con que a súa supresión sería o chocolate do loro, hai tanto chocolate repartido en organismos e cargos estériles que daría non para unha festa que non nos podemos permitir, senón para cubrir carencias que nunca deberíamos consentir.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO