domingo, 17 de abril de 2011

ACIO DE CONTRADICCIÓNS

Disque as bombas do estrafalario ditador amigo de Occidente ao que se debe expulsar, de fabricación española, esbouran en acio. Mágoa de palabra - acio- dedicada ao estourido dunha bomba. Sempre que sinto acio vénme á boca o zume das uvas brancas, negras, bacelos, vides en bancales, ríos, sombras, os primeiros pés de nena que vin pisando nas uvas. Pero agora acio emprégase para o estalido engastallado no seguinte, así mata e destrúe mellor. 
Curioso: as bombas que esbouran e matan en acio vendémosllas nós, España. E España apoia ás forzas que bombardean para que Gadafi abandone o país. Isto é un acio de contradiccións. O único que parece manterse na claridade que o caracteriza é o expresidente Aznar. El sabe perfectamente elixir aos seus amigos. E non se reprime, cóntao polo mundo adiante sen complexos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.