lunes, 25 de abril de 2011

OS FILLOS DA MULLER QUE CANTA

Así titularía eu a película Incendies dirixida por Denis Villeneuve. Pero é unha banalidade pararse no título de tan dura e fonda historia dominada por ondas de sangue, odios, fanatismos e rancores. No medio da masacre, das lapas que o queiman todo, sobresae a intuición que sempre ten a razón e demostra que, a pesar de estar sumerxidos na escuridade, posto que os fillos son coma un coitelo na gorxa que non nos quitamos facilmente, ao final vence a muller que canta para romper o fío da cólera. Por iso a morte nunca é o final da historia e convén cumprír as promesas coma algo sagrado, tirando  do nobelo, porque no cabo un pode atopar a explicación do horror e do amor. 
Película que estarrexe, mais mantén unha delicadeza exquisita. Xogando co tempo e formando un mosaico no que cada tesela encaixa á perfección , utilizando planos e tempos longos, música tan xusta coma ben elixida  e coa interpretacións maxistral de Lubna Azabal, Veilleneuve filma unha historia sobre o apego, a guerra, a fortaleza  e resistencia do ser humano e o poder do amor que merece a pena ver cos cinco sentidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.