domingo, 24 de abril de 2011

POR QUE É ORDINARIO CRITICAR AOS RICOS?

A lei está escrita no interior da sociedade: quen critica aos ricos é un ordinario simplista que reduce de maneira maniquea os problemas complexos a unha loita entre bos e malos, un esqueleto de argumento que só se desculpa entre os ignorantes resentidos ou os groseiros ignorantes. Pero, faise crer, entre xente seria, estudada e con visión realista do funcionamento do mundo non vén a conta sacar un tema tan inútil, demagóxico e ineficaz. Porque os ricos son necesarios, beneficiosos e benditos sexan para que todos progresemos e vivamos mellor. Esta é a lei feita dogma que se pretende sexa crida e adora por todos sen discusión. Vexamos. Acababa o artigo da semana pasada situándonos diante dun problema indiscutible (o paro) ao que en teoría pretendemos dar solución, pero con dúas propostas ben distintas e distantes. A oficial e parece que única, empeñada en recortar e adelgazar ao máximo o estado do benestar para que poidamos recuperarnos e volver a crear emprego. Outra, minoritaria e pouco coñecida, que sostén o contrario: a necesidade de investir en benestar social como método para combater o paro. Unha e outra proposta políticas (a visión técnica queda aquí claramente oculta detrás da intención ideolóxica de calquera delas) intentan conseguir recursos de dous modos ben distintos: a oficial cargando o peso da crise sobre a maior parte da poboación que vive en condicións sacrificadas, liberando de toda carga á minoría privilexiada que non sente nin padece as consecuencias da crise; e, a menos coñecida, atrevéndose a propoñer que unha boa parte dos recursos para seguir creando escolas infantís, mellorando a educación e a sanidade públicas, han de vir dos impostos que se lle deben aplicar aos máis ricos e combatendo o fraude fiscal elevadísimo xa endémico en España. E aquí estamos: diante dos ricos. E diante deles, falemos sen complexos. Primeiro: existen. Parecerá unha parvada, pero non o é tanto. Quérese dar a entender – e ás veces conséguese- que xa non hai, coma se desaparecesen as clases, como se viviramos no reino dunha clase media onde todos gozamos de idénticas e similares rendas. Non merece a pena demostración algunha a existencia dunha minoría poderosísima que no só controla economicamente senón tamén desde o plano informativo, pero si recordalo, porque hai xente á que lle custa pensar que hai algo máis aló do barrio no que se move, e claro que hai, e ben está que así sexa. Outra cousa é que aceptemos inxenuamente, como nos queren facer crer, que chegaron a tal situación de distancia económica e social só e unicamente polos seus méritos e valía. Non tal. Algúns si, pero moitos non gozan de rendas tan esaxeradas nin polo traballadores nin polo intelixentes que son. Segundo: aos ricos foilles mellor que á poboación maioritaria nos últimos anos. Moito mellor. Mentres os salarios foron descendendo, as rendas dos ricos (non quero empregar a palabra empresarial, porque hai empresarios que non entran nesta tipoloxía) aumentaron considerablemente. E, aínda peor, son eles, os verdadeiramente ricos, os que menos contribúen á facenda, como cantan sen rubor os números ano tras ano. Terceiro: por que non se pode nin mencionar a necesidade de que deben pagar máis impostos? Quen se encarga de desbaratar todo intento de debate sobre a conveniencia de racadar recursos aplicando novas medidas fiscais? Por que son ridiculizadas todas aquelas medidas que intentan facer recaer máis peso desta crise nas rendas que nin se decatan de que existe e se descarga con saña o sacrificio sobre quen está ao límite? Por que ata os que se din progresistas alardean de que baixar impostos é de esquerdas? Pois por unha razón moi simple: porque o pensamento está directamente conectado cos intereses dos máis privilexiados, porque contra cada proposta para limitar algún privilexio está montada unha batería de defensa intelixente e rebuscada que se encarga de nos facer crer que sería un despropósito de consecuencias aínda máis negativas. E porque, sen dúbida, dispoñen de métodos para chantaxear e atemorizar a quen debe tomar tales decisións. En definitiva, non se pode criticar nin propoñer medidas que intenten responsabilizar socialmente aos ricos, porque eles contan con medios para nos facer crer que somos estúpidos, ordinarios e ignorantes se o pretendemos. Resumindo: porque a ninguén lle gusta perder privilexios e pon a súa intelixencia e a de quen pode pagar para que llos defenda razoablemente. Claro que ás veces, ata aos privilexiados e ás mentes intelixentísimas por eles pagadas, poden volvérselle os argumentos en contra, e non sería nada malo que revisasen se non estarán nun momento no que, polo propio interese, non lles sería máis favorable non seguir tensando a corda e acceder a pagar máis impostos. Isto, se teñen a amabilidade de me seguir lendo, analizarémolo a semana que vén.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.