miércoles, 22 de junio de 2011

A HISTORIA DE ELÍAS E CHRISTIAN

E a de seus pais, a do mundo acomodado e dun campo de refuxiados, a da violencia, a da perda,  a do acoso, a da dor , a da morte. Estas son as historias que sutilmente, encadeadas, nun ritmo que te anestesia, cunha sensibilidade finísima nos conta Susanne Bier en "En un mundo mejor", traducida así en español, cando orixinalmente é A vinganza. Unha película fonda, serena, tenra, delicadísima. A historia podería ser a de dous amigos que van medrando e se unen diante do mundo hostil: dunha escola na que o matón atemoriza, na que os profesores realizan conciliacións inxenuas, na que hai que mudarse de ambiente no caso de Chistian despois da perda da  nai, na que hai que reistir mentres, como lle sude a Elías,  os pais se van separar. Podería ser a historia dunha parella acomododa que se sente baleira e esgazada a pesar de dous fillos sans, escolarizados, ben medrados, nunha ambiente ecolóxico e precioso de Dinamarca. Mesmo contarnos a violencia groseira e salvaxe dun lugar de África onde o señor das armas comete as maiores atrocidades. Pero é moito máis: é a resistencia dun estilo de paz fronte a tanta violencia e desgraza, o valor da constancia e a fe e a aposta pola eficacia da firmeza na non violencia, na esperanza de que a tenrura regresa, de que pode aparecer a voz ou a man ou a mirada que te recupera no último instante. "En un mundo mejor" é unha película obrigada para traballar nas tutorías dos institutos. Para reflexionar. Para ver dúas, tres veces, e utilizar a pausa, a reflexión, o diálogo, volver a ela, repasala, criticala, analizar os pasos e condutas de cada un dos protagonistas: ver o silencio rabioso de Christian, a doce dependencia de Elías, a firme, intelixente e incrible bondade de Anton, a lóxiga das reaccións da nai de Elías, o desconcerto e desespero do pai de Christian. É unha película para apreciar a súa color, a súa música e  o seu ritmo. Pero, sobre todo, para aprender e palpar que, aínda cando o veo da morte dun ser achegado nos sitúa diante da máis triste das evidencias ou cando parece que as desgrazas se amorean sen remisión diante dun, seguir vivindo, esperando, perdoando e comprendendo é posible. Vence sobre a vinganza un mundo mellor. Non a perdan.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.