domingo, 26 de junio de 2011

EL PAN DE MIS HIJAS

Sorprendente a previsión e conduta conservadora de algúns dos máis coñecidos transgresores. Hoxe leo nunha entrevista a Sabina que ten creada unha sociedade denominada El pan de mis hijas (incluso inventando o nome dunha sociedade mercantil desmostra que enxeño non lle falta) mediante a cal gran parte dos beneficios dos seu traballo nin os ve, van directamente para elas e a súa nai que llos xestiona. Miren por onde, o crápula máis consentido  (teño a seguranza de que gran parte das nais do país sería indulxente se unha filla caese na súa verborrea seductora, pícara e dipsómana agora apaciguada) comportándose coma un burgués catalán, previsor e paternalista, responsable do futuro da súa proxenie, el que andara de bar en bar por Londres tocando na guitarra antes de converter o Mondrágara no refuxio dos máis atrevidos e intelixentes pecadores. 
Algo parecido acorrérame ao coñecer as últimas preocupacións de Roberto Bolaño, el saltando de Chile a México, a Europa, buscándose a vida coma un trotamundos detrás das letras e do ritmo da súa prosa, entregando a súa vida polo seu soño, para rematar case obesesionado nos últimos anos con escribir cunha finalidade pura prosa: que os seus fillos Alexandra e Lautaro quedasen económicamente cubertos grazas ao seu esforzo literario. 
Unha hipóstese que se me ocorre- o máis probable unha parvada- é que en realidade non son eles os calculadores e sobreportectores pais que pretenden eliminar as dificultades da vida aos fillos, senón que pola súa propia necesidade soen atopar mulleres que os proetexen e, de maneira proxectiva, obríganos a aprender as vantaxes de prolongar esa protección aos seus propios fillos. Falar por non estar calados, claro, pois calquera fai o que sexa polo pan dos seus fillos. Outra cousa é se para as criaturas resultará máis beneficioso espertar cada mañá nese confortable colchón regalado polos pais  ou espelirse para atopar o seu propio camiño. Se cadra para isto, con ser eles quen son, nin Sabina nin Bolaño teñen unha resposta na punta lingua, e mira que a teñen ben afiada calquera dos dous...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.