domingo, 26 de junio de 2011

O CAPITALISMO DO DESASTRE


O DOCUMENTAL titulado A doutrina do shock, do que é protagonista Naomi Klein, peca de falta de espírito crítico. Sería moito máis convincente se contase con opinións que rebatesen ou escaravellasen nas contradicións posibles da tese que se mostra. Con todo, paréceme moi necesario velo. O argumento séguese ben: así como no campo psíquico, Ewen Cameron ideou técnicas de control nas que mesturando electroschock con privación do sono os pacientes sofren unha desestruturación da mente para inducilos a novas crenzas, no mundo económico e social, Friedman e o seu equipo de Chicago, baixo a dirección do austríaco Friedrich von Hayek, convenceron a pensadores e gobernos da necesidade do aplicar a teoría do shock para o progreso e o mantemento das esencias do capitalismo. Se non se intervén, se damos liberdade plena, os mercados, sabios, saberán regularse e buscarán a saída máis saudable. Contrario á filosofía do New Deal, preocupada por poñer a traballar aos cidadáns grazas ao investimento público, os economistas da escola de Chicago defenderon a liberdade dos mercados e a conveniencia do shock como elementos reguladores.

Convencida Klein de que en tempos de caos coma o que vivimos é imprescindible analizar a historia, realiza un percorrido curto, fixándose no Chile de Pinochet (laboratorio das teoría de Friedman), a Arxentina de Videla, nos gobernos coincidentes no tempo de Reagan e Thatcher e na caída da mundo soviético. A través destes acontecementos históricos vai constatado como en todos existe unha coincidencia: liberdade de mercado como modelo absoluto no que os servizos públicos ou pasan a mans privadas ou simplemente desaparecen. Os piares non se disimulan: recorte de gasto público, recorte do tipo fiscal, eliminación da propiedade do Estado na industria ou calquera institución que sexa apetecible para a propiedade privada. Friedman atopou en Pinochet un aliado firme á súa recomendación de aplicar unha terapia de shock, dolorosa, pero imprescindible para acabar co mal. Para isto cómpre sempre un inimigo, durante un tempo o comunismo, despois o medo, o medo ao terrorismo. Pero sempre cun inimigo poderoso enfrontado que xustifique as medidas máis drásticas. Reagan e Thatcher continuaron en idéntica liña. Convencéronnos de que este era o camiño, pois a vitoria estaba á vista: conseguiron derruír o grande inimigo das repúblicas que xiraban arredor de Rusia. E así ata esta crise do 2008 na que esbourou o mundo financeiro para agora, neste tempo de paro e privacións, non nos quedar outro remedio que salvalos baixo ameaza de catástrofe maior. Un capitalismo salvaxe, sen control, chega a facerse dono do mundo. Non é tan inxenua Klein como para responsabilizar da crise unicamente ás ideas de Friedman, pero sostén que as ideas inflúen nos feitos. E a doutrina do schock resulta nefasta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.