domingo, 7 de agosto de 2011

SÍSIFO CONTRA AS ONDAS

FIXERA sol ou brétema, orballase ou chovese con forza, se as ondas ofrecían o grado mínimo de elevación e furia , o grupo de aprendices pelexaba coas ondas cunha resistencia e fortaleza envexables. Coma fermosos "sísifos", non subían pedras á cima para comezar de novo, pero si arrastraban as táboas do equilibrio contra a rabia das ondas, intentando lograr os segundos gloriosos de equilibrio perfecto para esborrexer sobre as augas coa fortaleza e fermosura de deuses. Para caer ou chimparse á auga, e comezar de novo.
O grupo, mesturando sexos e idades, baixaba á praia tódolos días mañá e tarde. O monitor dirixía cada movemento aínda antes de se pór a realizar os exercicios para se estirar, colocados en círculo. Neniñas e xa maduros quecen nocellos, xeonllos, costas, colo, brazos e pernas. Embutidos todos nas súas traxes de neopreno, rematada a ximnasia , avanzan coas táboas á beira da auga. Atada a correa ao pé, comezan a pelexa interminable tratando de montar ás ondas. Nadan con decisión sobre as táboas ao interior do mar para iniciar un proceso que se repetirá tantas veces como o tempo de adestramento dure ou corpo resista se van por libre. Primeiro nadan forte tombados sobre as táboas á busca da onda adecuada, por iso axexan, esperan e calculan ata decidir qué onda montar. Elixida unha, é fácil que se enganen, polo que, antes de a cabalgar, retroceden ao axexo da elección. Se por fin unha é a boa, o arrinque ha de ser con enerxía e velocidade máximas no nado dentro da onda para, no mellor da viaxe, elevarse con flexible equilibrio sobre a tona da auga nuns segundos de pracer, orgullo e dominio esborrexendo ata afundirse. Uns segundos mínimos en comparación co regreso á zona de espera, ao axexo, á elección e a repetir o proceso coa constancia das ondas, coa determinación do mar. Véndoos, pensaba cómo non se utiliza este deporte como terapia preferente para tantos que carecen de resistencia á frustración. Parece imposible que un destes novos "sísifos", demostrando tanta fortaleza contra as ondas e o frío, poida engurrarse diante de dificultades que a moitos amouchan. E xa non digamos, se, como vin nun solpor, cunha temperatura que non superaba os 13º, un adolescente sen traxe adecuado, a peito descuberto, fraquiño coma unha estriga, resistiu ata a noite pecha sen conseguir elevarse nin unha triste vez. Iso máis que resistencia á frustración parece declaración inequívoca de querer entrar no olimpo dos heroes, máxime cando ao saír, morto de frío, pensando que buscaría unha toalla para se abrigar, o que fixo foi cambiar a corda de pé, debíalle rozar, e, outra vez no mar, continuar coa loita. No horizonte non quedaba nin aroma da laranxa que fora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.