domingo, 11 de diciembre de 2011

QUE SE ACLAREN!

Houbo dous momentos no debate electoral que mantiveron Rajoy e Rubalcaba antes da últimas eleccións, nos que se puxo de manifesto a carencia de ideas e perda absoluta de rumbo por parte do PSOE. O primeiro aconteceu durante unha intervención espontánea, directa e sen complexos de Rajoy na que, brillante e seguro porque realmente se vía que cría no que dicía, lle espetou ao representante dos socialistas(non reproduzo as súas palabras pero si creo que o seu espírito): pero a vostedes quen lles deu o certificado de únicos e verdadeiros defensores do ben dos cidadáns?, por que se atreve a dubidar da miña san e clara decisión de buscar o mellor para os cidadáns do meu país?; dígame, se quere, lle apetece e sabe, que ten outra idea de lograr o avance e mellora da sociedade, ten dereito a facelo, pero non lle permito que se arrogue a exclusividade do ben común nin que dubide de que eu busco idéntico fin, porque nesas, tanto ou máis ca vostede, estou eu tan convencido, tan decidido e con idéntica ou máis preparación para conseguilo. Xa digo, non foron estas as palabras, pero coido que todo espectador sen anteolleiras entendeu perfectamente que isto era o que lle dicía: autoridade moral non teñen vostedes nin unha miga máis cá miña. Estamos en igualdade de condicións. Iso de que a esquerda busca o ben común e a dereita busca o ben dos favorecidos socialmente é un conto chino, anacrónico, que non se sostén e contra o que me rebelo con seguridade e convicción, veu a dicirlle o candidato agora vencedor do PP, e coido que así o entenderon a maioría dos espectadores. Entre outras cousas, porque o PSOE nada pode contrapoñer contra este argumento. O segundo, tamén nesta liña, pero aínda máis evidente sucedeu cando, adoptando Rajoy o estilo inquisitivo do seu contrincante, lle esixiu un resposta a esta pregunta: como é que, con crise ou sen ela, sexan as desigualdades de renda do o noso país, gobernando os socialistas, as máis elevadas da Unión, se examine a enquisa obxectiva que se examine? Pode explicarme por que sendo vostedes defensores da reducción de distancias entre rendas se produce durante o seu mandato o maior incremento? Pregunta á que o candidato socialista tampouco deu resposta nin quixo tan sequera escoitar, porque evidentemente tampouco o PSOE sabe nestes momentos que responder nin como romper tal contradición. Traio estes dous anecdóticos exemplos a colación simplemente para insistir en algo evidente: o PSOE está desnortado, sen consistencia ideolóxica, sen a máis mínima visión do que pode ofrecer aos votantes da esquerda. E non é que perdese catro millóns de votos na últimas eleccións pola inclemente e desapiada crise, evidente, que lle pasaría factura a calquera que estivese no goberno, é algo máis: a carencia dun proxecto claro que ilusione e que reúna ao seu carón a millóns de mozos, profesionais, traballadores, desempregados e técnicos capacitados que buscan un estilo distinto de sociedade, de maneira de vivir. O PSOE está perdido. Por completo. E non, tampouco, por problema de cadros integrados por vellos ou mozos (alguén escribía hai pouco que José Luís Sampedro, tendo a idade que ten, é un referente para moita mocidade), senón simplemente pola falta de ideas, pola vacuidade absoluta nas súas propostas. Simpleza tras simpleza, contradición tras contradición, incoherencias amoreadas, por máis que se repitan slogans non convencen a un electorado que vive noutra época, noutra dimensión. Será longo o deserto e difícil a travesía se non aprende desta derrota e se somete a unha crítica sen anestesia. Engurrados dentro da endogamia paralizante dos cadros de militancia, de profesionais da subsistencia, mamóns da actividade política sen outra formación que a estratexia “chusquera” de ascensión, pouco ou nada lles agarda a eles como partido e aos votantes de esquerda como alternativa coa que contar. Refírome en xeral a España e xa nin quero determe na situación do PSOE galego, porque aí xa entrariamos nun val de bágoas do que probablemente só nos quedase como saída a sala de espera do psiquiatra. Como resume, aínda que a cita sexa un pouco longa, permítanme que me acolla ás palabras de Félix de Azúa que resumen á perfección o camiño de imperfección no que se colocou o PSOE: “Instituirse, como ha pretendido Zapatero, en el salvador de todos los agraviados (y agraviadas) del mundo, cuando en realidad a lo que aspira es a indultar banqueros tramposos, es de todo punto insoportable. Que se aclaren, que se pongan al día, que se renueven, que se limpien de vagos, analfabetos e indeseables, que renuncien a los cromos de la guerra civil, y quizás se les pueda recuperar dentro de ocho años”. O dito: que se aclaren!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.