miércoles, 7 de diciembre de 2011

INDULTOS E CHEIRUMES

Agarrándose a unha lei de 1870 peiteada en 1899, o goberno en funcións tivo tempo no desconto para indultar a don Alfredo Sáenz,. Este experto banqueiro, noutra época alto executivo de Banesto, banco ao que don Mario Conde parece que muxiu todo o que deu de si, é agora executivo principal en poder e dignidade (tamén en honorabilidade?) dentro do banco máis potente do país. Segundo se deduce das informacións perfumadas cos ulidos máis variados, a sentencia firme do Supremo contra este banqueiro condenado a 3 meses de prisión, unha multa e inhabilitación para exercer o seu cargo, deu pé a que o executivo se puxese por riba da lei, dando a entender algo similar a aquelo que Hitler lle dixera a un embaixador inglés: vostede ten razón, pero eu teño lexións. E como as lexións mandan, nin lei nin farrapo de gaitas, aí queda a pena conmutada e o importante executivo salda a sentencia con tres mil euros que para el poden equivaler a unha propina ao limpabotas. A simple vista, o asunto préstase para mazar no executivo e no seu presidente ata quedar sen folgos. Tal e como se encargaron de predicar os máis feroces trituradores da figura de Zapatero, era isto o que lle faltaba para saír cuberto de lixo que nunca máis dará limpado de enriba de si. Indultar tamén é de esquerdas, din, cunha man pedindo o voto dos indignados, ameazando con subir os impostos aos ricos, e coa outra indultando a banqueiros, colmo da hipocrisía e incoherencia dun presidente que arruinou o país e nos conduciu á miseria por decenios. E veña a crítica de onde sexa, o certo é que o asunto cheira mal, moi mal. Pero non neste remate de conmutación in extremis senón dende o comezo dos tempos, disto vai xa para 17 anos, cando Mario Conde acabou condenado por baleirar a caixa de Banesto e Sáenz presentara unha querela contra catro empresarios por estafa e alzamento de bens. Xa nese momento todo cheiraba mal. Moi mal. Tanto, que estes empresarios denunciados por Saénz acaban na cadea condenados pola sentencia dun xuíz (Pascual Estevil) á súa vez condenado por prevaricación e detención ilegal. Segue cheirando a podre a moita distancia. Imaxinen as ganas de vinganza dos empresarios que acabaron en prisión. Xuráronlla (esta xente é así, pode permitirse case dúas décadas na xustiza por darse o gusto dunha vinganza) ao bo de Sáenz e conseguiron que o Supremo dictase sentencia firme contra de quen argallara para que os prendesen. Tarde, pero a vinganza cumpriuse. (De Mario Conde, xa saben: tamén acabou en prisión – caso raro- pero nela fortaleceuse , disque aprendeu unha barbaridade sobre a dor e a importancia das cousas pequenas e agora sácalle proveito contándoo e escribindo libros que vende a moreas, porque ao parecer aos lectores nada nos divirte máis que ulir cheirumes pestilentes. Por suposto que Conde sostén que todo o seu proceso obedeceu a unha conspiración de xentes da talla de Aznar e González, Felipe, porque, mortos de medo vendo que se podería converter no futuro presidente de España, contaron con medios para arrimar a xustiza á súa conveniencia, se cadra aquel que dicía que a xustiza neste país é un cachondeo, non merecía tanto castigo. Sexa ou non fantasía esta defensa do banqueiro máis brillante, máis rico e máis atrevido do inicio dos noventa do século pasado, o que está claro é que non lle resulta nada simpático que este goberno indulte ao seu ex colega. Por iso tamén é dos que arremete con máis violencia contra este indulto de última hora impregnado de malos olores). Non fartos do insoportable cheirume dun goberno que antes de tocar a campá da súa retirada indulta a un potentado segundo do primeiro (señor Botín), de que na primeira condena, inicio desta película, andase polo medio un xuíz prevaricador e de que as pelexas entre banqueiros acaben na maioría dos casos aproveitando as regañas que sempre o poder ten a man para casos de urxencia e forza maior, o que resulta máis sorprendente é o silencio de sindicatos e outros partidos. Non sei se é que eu ando un pouco desorientado – algo seguro que si- e non atendín ben, pero nin aos que proximamente van gobernar, nin a sindicalistas, nin a figuras de institucións relevantes lles oín opinión fundada e razoada sobre esta decisión tan olorosa. Excepto aqueles obsesionados con mallar en Zapatero chova ou vaia sol – a que se dedicarán a partires de agora?-, non lin nin escoitei declaracións de escándalo ou indignación. É coma se houbese o acordo segredo de que tratándose de banqueiros, un pode verse na obriga de ter que axudalos, salvalos, recapitalizalos ou indultalos cando menos se pensa. Tal vez por iso todos calan coma petos, saben con quen se xogan os cartos. Dá a impresión de que os que gobernan ou intentan gobernar, pensan: hai cheirumes cos que, por fétidos que sexan, has de aprender a vivir se non queres quedar sen nariz.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.